O Supremo ratifica a condena aos ex-directivos de NCG pero considéraa "exigua"

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

A Sala do Penal do Supremo vén de confirmar a pena de dous anos de cárcere que impuxo a Audiencia Nacional a cinco ex-directivos de Novacaixagalicia polas indemnizacións por prexubilación e outros conceptos (por importe de 22 millóns de euros) que se concederon a si mesmos a través da modificación dos seus contratos de alta dirección no ano 2010. Con todo, o alto tribunal cualifica de "desproporcionada" a condena de dous anos, pero non por que sexa excesiva, tal e como argumenta a defensa, "senón claramente pola súa exigüidade desde a perspectiva da gravidade das condutas".

O alto tribunal cre "desproporcionada" a pena de dous anos de cárcere, pero non por exceso, "senón pola súa exigüidade"

E por que non pode establecer o Supremo novas penas que incrementen as establecidas pola Audiencia Nacional? Tamén o aclara: por non ser cuestionada polas partes litigantes. Ademais, insiste en que os directivos levaron a cabo "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal" e non "meros excesos ou abusos" no marco das súas competencias. E insiste en que os seus actos "non poden interpretarse como o resultado de actos de deslealdade co patrimonio administrado ou froito de deciciósn equivocadas na administración", senón que fixeron súas as cantidades millonarias "a través dun mecanismo expropiatorio que vai moito máis alá da adoptción de actos erróneos na administración". 

A nómina de condenados encabézaa quen fora amo e señor de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, que non se asignou indemnización ningunha pero a quen a Audiencia Nacional considerara responsable do acontecido. Canda el está José Luis Pego, antigo director xeral da caixa fusionada, a cal abandonou cunha compensación de 7 millóns de euros. Condénase tamén a Gregorio Gorriarán, que fora responsable da división inmobiliaria da entidade e levou unha indemnización de case 5 millóns, e mais a Óscar Rodríguez Estrada, responsable da "integración" das caixas indemnizado con 700.000 euros.

Os condenados son Gayoso, Pego, Gorriarán, Rodríguez Estrada e o avogado Ricardo Pradas

O avogado Ricardo Pradas, asesor de confianza de Gayoso completa unha nómina de condenados que, segundo a sentenza da Audiencia Nacional, cometeron un delito de administración desleal "en concurso cun de apropiación indebida, na súa modalidade de xestión desleal".

Ademais da pena de dous anos de prisión -como norma xeral, as persoas sen antecedentes non entran na cadea se a condena non é superior aos 24 meses- e a devolución dos cartos, a Audiencia Nacional ditaminara que os ex-directivos teñen que pagar unha multa de 250 euros ao día durante dez meses e ficaban inhabilitados durante o tempo da condena para "o emprego que desempeñaban cando realizaron os feitos". No caso de non pagaren a multa, terán que afrontar unha responsabilidade civir subsidiaria de "un día de privación de liberdade por cada dúas cotas que deixen de satisfacer".

Agora, o Supremo aclara que si estima o recurso dos acusados, apoiados neste punto pola Fiscalía, en relación á contía das indemnizacións por responsabilidade civil establecidas pola Audiencia Nacional por mor do "chamativo erro" do tribunal ao calcularlas. O Supremo ordena agora á Audiencia Nacional que fixe de novo a cantidade da indemnización solicitada polo fiscal e as acusacións conforme á cualificación xurídica dos feitos declarados probados.

A Sala da Audiencia Nacional que xulgou os exdirectivos destacara no seu ditame que os directivos que se beneficiaron das prexubilación millonarias, coa "colaboración esencial e imprescindible" de Gayoso e do seu asesor "urdiron un plan para que os catro altos directivos que se ían ocupar da xestión" de Novacaixagalicia resultasen economicamente "beneficiados" no suposto "máis que probable" de que "unha vez acabadas as axudas públicas, os novos propietarios da entidade decidisen prescindir dos seus servizos" por seren "os máximos xestores das caixas que non souberan xestionar axeitadamente", levándoas "á situación de práctica insolvencia na que se atopaban".

No momento de aprobarse eses polémicos contratos foi cando comezou xa o proceso de fusión bancaria que deu lugar á devandita entidade e reclamáronse 1.162 millóns de euros ao FROB para superar a situación de inviabilidade das dúas caixas que ían fusionarse (Caixa Nova e Caixa Galicia).

Feijóo celebra a fusión cos directivos, en maio de 2010 © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.