0 Gardados para despois

O PP bótalle o ferrollo á investigación das caixas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"E non teño máis que dicir". A sentenza coa que Manuel Fraga adoitaba cortar as preguntas incómodas da prensa ben podería servir para ilustrar o peche definitivo da comisión que investigou no Parlamento o acontecido coas antigas caixas de aforro galegas. Este procedemento político, cun aquel forense, rematou definitivamente este venres na súa parte de indagación propiamente dita, toda vez que o PP decidiu rexeitar en bloque todas as comparecencias e documentos que a oposición reclamaba agregar ao plan de traballo. "Podemos seguir pedindo documentación, pero non vai ser nada útil", di o voceiro conservador, Pedro Puy, nas vésperas da venda de Novagalicia Banco.

As peticións da oposición, que PSdeG, AGE e BNG se apoiaron entre si, comezaban por esixir que a ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, o antigo gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e o comisario da Competencia, Joaquín Almunia, fosen advertidos das responsabilidades penais que podería traer consigo a súa negativa a comparecer no Parlamento de Galicia -só contestaron por escrito-. Ademais, socialistas e Bloque reclamaban ampliar a nómina de comparecentes. O grupo nacionalista reclamou o ex presidente Emilio Pérez Touriño e o ex responsable da Corporación Caixa Galicia, José Luis Méndez Pascual. O PSdeG quería que acudise Jaime Caruana, gobernador do Banco de España con Aznar, e o actual responsable do supervisor, Luis María Linde. Ao tempo, esixía que Feijóo volvese comparecer.

O peche prodúcese nas vésperas da venda de Novagalicia Banco

Pero nin comparecencias nin novos documentos, tales como a copia completa da suposta auditoría sobre a fusión das caixas, entre outros. O PP, di Puy, non vai "xogar a isto" porque o traballo da comisión xa foi "exhaustivo" dabondo mentres a oposición tenta poder seguir achegando "fotos de champán", en referencia á imaxe de Feijóo brindando cos dirixentes das antigas caixas "cando se conseguiu a fusión". O grupo conservador só está disposto a falar "do ditame", isto é, das conclusións finais da comisión nas que o propio PP pode facer valer a súa maioría absoluta. E nada máis.

Os grupos reclamaban que Currás, Almunia e Fernández Ordóñez fosen advertidos de responsabilidades penais por non acudir ao Parlamento

O partido que sustenta o Goberno tenta "impoñer o seu relato" e que a comisión sirva só para que os grupos se "tiren os trastos" entre si, lamenta o nacionalista Francisco Jorquera, para quen a investigación debera servir para "tirar conclusións" prácticas sobre "o pouco que queda" do sistema financeiro galego". A "xestión neglixente" dos responsables das caixas e de "quen a permitiu" malia "ter instrumentos para controlala" tampouco será aclarada, lamenta Antón Sánchez, de AGE. A comisión pecha, engade Abel Losada, do PSdeG, tras un período de "secretismo esaxerado", con "feitos inauditos" que chegaron a "humillar" o lexislativo galego. Finalmente, cinco votos a sete e morreu o conto.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.