0 Gardados para despois

Operacións "potencialmente irregulares" volven ensombrecer as antigas caixas galegas

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Advertiuno a pasada semana o ministro de Economía, Luis de Guindos, e volveuno advertir este luns. O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) remitirá á Fiscalía nos vindeiros días algo máis de vinte operacións dubidosas de Novacaixagalicia e Catalunya Caixa. Refírese, en palabras do membro do Goberno á súa chegada á reunión do Eurogrupo en Luxemburgo, a casos que "teñen que ver con operacións inmobiliarias e de crédito" polo que, tal e como aclarou, "son de natureza distinta" ás tarxetas black de Caja Madrid que veñen de saír á luz.

As operacións "potencialmente irregulares" non se refiren a tarxetas 'black' senón inmobiliarias e de crédito

Non son, xa que logo, operacións referidas a posibles cartóns opacos como os da entidade madrileña, pero si a varias que teñen que ver con créditos dubidosos e discutidas compravendas de inmobles. A investigación, tal e como aclarou De Guindos no Congreso a pasada semana, "está moi avanzada". Chega, ademais, tras as instrucións que o Executivo central deu ao FROB para que se trasladen á Fiscalía "todas as condutas que poida presumir irregulares" ou que "poidan contravir a normativa".

As sospeitas son obvias. Adicae, a Asociación de Consumidores e Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros, xa advertiu na comisión de investigación das antigas caixas galegas de documentación pública de "préstamos e créditos autoconcedidos a conselleiros, familiares e empresas propiedades dos directivos". Pero a cantidade de informes achegados fixo pasar por alto moitos datos que van máis aló das sospeitas.

Adicae xa denunciara a existencia de préstamos e créditos autoconcedidos a conselleiros das caixas e os seus familiares

Incluídas nos propios informes corporativos das entidades, estas informacións non detallan completamente as condicións destes produtos, pero todo apunta a préstamos a interese cero para conselleiros e familiares e incluso a condonacións de hipotecas a figuras públicas.

No caso das operacións inmobiliarias "potencialmente irregulares", a documentación anónima recibida pola CIG pode dar pistas. Os textos achegados ao sindicato, e aos que tivo acceso Praza, desvelarían a compra á entidade por parte da muller do ex director xeral José Luis Méndez de 14 inmobles por 1,5 millóns de euros fronte a unha taxación de case 300.000 euros máis durante o ano previo á fusión e até dous días antes de que nacese a nova entidade.

Documentación anónima recibida pola CIG desvelan como a muller de Méndez tería comprado 14 inmobles en condicións ventaxosas á propia Caixa Galicia

Os papeis inclúen todo tipo de documentación: escrituras notariais, taxacións e mesmo anotacións en conta. De todo dedúcese que a Corporación Caixa Galicia (CxG), -con José Luís Méndez López como presidente e o seu fillo, José Luis Méndez Pascual, como conselleiro delegado- vendeu propiedades por debaixo do prezo de taxación a Rosa Pascual, cónxuxe do que fora director de Caixa Galicia durante 29 anos e logo dunha previa separación de bens.

Rosa Pascual tería adquirido presuntamente un total de 14 inmobles propiedade de Corporación Caixa Galicia, daquela dirixida polo seu propio fillo, valorados en máis de 1,8 millóns de euros e por un importe de pouco máis de 1,5 millóns. Xa que logo, o prexuízo patrimonial de todas estas operacións para o holding sería de máis de 285.000 euros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.