Méndez non terá que explicar no Parlamento as súas operacións inmobiliarias en Caixa Galicia

Méndez, na comisión das caixas en xuño de 2013 CC-BY-SA Praza Pública

O 21 de xuño de 2013, hai case catro anos, José Luis Méndez ofreceu as súas primeiras e únicas explicacións públicas sobre as case tres décadas en que tivo o control de Caixa Galicia. Durante algo menos de dúas horas de sesión o antigo señor da caixa do norte destilou displicencia cara aos membros do Parlamento -"non pretendín ser arrogante, pido desculpas", acabara engadindo- e, sobre todo, repartiu culpas: das preferentes, cara ao persoal da entidade desaparecida e da fusión, cara a Feijóo. Cando se produciu aquela comparecencia aínda non saíran á luz os documentos que, recibidos máis dun ano despois pola CIG dunha fonte anónima, atribuíron a Méndez operacións inmobiliarias presuntamente irregulares. Agora a comisión de investigación das caixas reabre para pechar pola vía rápida e Méndez non terá que volver á Cámara para dar contas ao respecto.

Os grupos parlamentarios veñen de rexistrar as súas propostas de plan de traballo para a segunda volta da comisión das caixas e toda a oposición pon o foco sobre o Méndez. Dúas das formacións da esquerda, En Marea e BNG, reclaman que o antigo director xeral de Caixa Galicia volva comparecer e tanto o Bloque como o PSdeG piden incorporar aos traballos documentación ligada ás súas actividades. O PP xa avanzou, a través do seu voceiro, Pedro Puy, que está disposto a admitir os documentos recibidos pola CIG sobre o ex-responsable da caixa do norte, pero pecha a porta a novas comparecencias, incluída esta. "Non ten sentido que quen xa compareceu, volva comparecer porque non nos gustou a resposta que deu", resolve.

O PP di estar disposto a incorporar á comisión a documentación recibida pola CIG sobre supostas irregularidades inmobiliarias de Méndez, pero non a que o ex-director xeral de Caixa Galicia volva comparecer

No entanto, no seo da oposición si ven relevante que Méndez, quen deixou o seu posto xusto antes da fusión, volva ao Pazo do Hórreo. "Na documentación, de confirmarse a súa veracidade, achéganse probas documentais de como a esposa de José Luis Méndez (...), tras proceder o matrimonio á separación de bens, adquiriu activos da Corporación Caixa Galicia" como "pisos, locais e garaxes" a "un prezo inferior ao prezo de taxación fixado pola propia entidade", indica o plan de traballo proposto polo Bloque. "Nas datas nas que se efectuaron estas operacións" Méndez era tamén presidente da devandita Corporación, que tiña como conselleiro delegado ao seu fillo, José Luis Méndez Pascual, cuxa comparecencia pide tamén En Marea.

Os socialistas, pola súa banda, reclaman incorporar aos traballos da comisión os "contratos de traballo asinados" polo antigo dirixente de Caixa Galicia "dende que en 1981 o consello de administración o nomea director xeral, así como as actas e outra documentación dos órganos directivos" da entidade no seu mandato. "Reservámonos o dereito a solicitar novas comparecencias en función da información obtida", agregan no seu plan de traballo.

Toda a oposición pide novas comparecencias, pero os populares prevén rexeitalas

Pero nin estas nin outras comparecencias pedidas polos grupos da oposición chegarán a bo porto. Non en van, o plan de traballo do PP contempla reunir "toda a información" xa tratada na comisión de investigación da pasada lexislatura -paralizada durante tres anos polos propios populares- e engadir a ela algunha documentación adicional. Serán documentos como a sentenza da condena dos ex-directivos polas súas indemnizacións millonarias ou papeis vinculados ao proceso de rescate e venda de Novagalicia Banco por parte do Estado. Quedará fóra tamén, como era previsible, unha investigación polo miúdo dos máis de 5.000 millóns de euros en 'ladrillo tóxico' que chegaron a acumular as desaparecidas grandes caixas galegas.

Segundo o voceiro do PP con seu plan evítase que esta comisión de investigación sexa "un instrumento de liorta política". "Temos a conciencia absolutamente tranquila, porque Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que traballou por manter unha entidades domiciliada no seu territorio", di, en referencia a Abanca, e "coa inxente documentación que xa existe -o PP incorporou ao seu plan de traballo un índice de documentos que, por mor do formato elixido, ocupa máis de 200 folios- debemos chegar a unhas conclusións o mías compartidas posibles" sobre o acontecido. "O ditame final -advirte Puy- non vai ser unha lista de prexuízos ou presuncións non fundamentadas".

Rótulo nunha sucursal da antiga Caixa Galicia CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.