Abanca gaña 334 millóns tres anos despois de mercar os restos "escarallados" das caixas

Francisco Botas, Juan Carlos Escotet e Alberto de Francisco © Abanca

Abanca obtivo en 2016 un beneficio neto de 333,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 1,1% respecto ao ano anterior, segundo informou este mércores a entidade financeira, que presentou en rolda de prensa os resultados do pasado exercicio. Tres anos despois de mercar os restos das antigas caixas galegas, o banco do grupo venezolano Banesco, que lidera Juan Carlos Escotet, continúa coa súa boa xeira. 

Abanca obtivo en 2016 un beneficio neto de 333,6 millóns de euros, un incremento do 1,1% respecto a 2015

Precisamente Escotet, vicepresidente de Abanca, respondeu cunha longa reflexión á pregunta de se consideraba baixo o prezo (1.003 millóns) polo que adquiriu en poxa Novagalicia Banco a finais de 2013. Así, destacou que a entidade resultante da fracasada fusión das caixas galegas "era un banco escarallado". "Era un paciente en terapia intensiva e agora está en condicións de correr o maratón de Nova York", dixo, logo de mostrarse preocupado polo intento de facer "populismo" cun proceso de privatización que, segundo subliñou, "foi tecnicamente manexado e gañouse nunha contenda limpa".

Escotet lembra que recibu "un banco escarallado": "Un paciente en terapia intensiva que agora pode correr o maratón de Nova York"

Así, Escotet chamou a atención sobre que os resultados -con ganancias durante o tres anos de xestión dos novos responsables- "non son maxia", e atribuíunos a un "gran equipo de profesionais" no que considera "un caso de éxito" do que sentirse "orgullosos".

Precisamente, o resultado do pasado ano 2016 da entidade antes de impostos alcanzou os 358,8 millóns de euros, un 3% máis que en 2015. Esta cifra, segundo destaca o banco, permite elevar a rendibilidade ata o 9,7%. Ademais, a marxe comercial recorrente avanza un 12% e os ingresos por prestación de servizos aumentan un 5,9%.

A morosidade en Abanca redúcese un 20% e sitúase no 6,8%, cunha cobertura dos activos problemáticos do 54%. Con 13.000 millóns de volume financiado, en 2016 concedéronse 3.000 millóns en circulante a empresas e autónomos, un 27% máis que no ano anterior. O foco en seguros e produtos de valor engadido, segundo resalta, reflíctese nun crecemento do 33% en vendas de seguros e do 12% en volume de fondos, plans e seguros de aforro. Ademais, cun 14,7% de CET1, a entidade reivindica que se mantén entre as máis solventes do sector financeiro español.

Escotet cre que a nova dirección "pecou de modestia" polo que agora debe "sacar peito"

Tan bos son os resultados que Escotet cre que "quizais" a nova dirección do banco cometeu "o erro de ser moi conservadora" ao responder a certas dúbidas. "Pecamos até de modestia", apuntou, para, a continuación, aproveitar para "sacar peito" en representación do seu equipo e do grupo de accionistas.

O grupo venezolano Banesco fíxose con Novagalicia Banco -resultado da fusión das antigas caixas de aforro galegas e a súa posterior privatización- por 1.003 millóns nunha poxa que se resolveu en decembro de 2013. En 2014, xa como Abanca, a entidade gañou 601 millóns de euros antes de impostos, aínda que o resultado elevouse ata 1.157 millóns pola activación de créditos fiscais. O ano seguinte, en 2015, obtivo un beneficio de 330 millóns.

"Novagalicia tiña perdas, persoal desanimado, despediimentos masivos e unha marca totalmente destruída"

Na rolda de prensa deste mércores, lembrou que a entidade "escarallada" que recibiu Banesco "tiña perdas consecutivas" de varios anos, un persoal "totalmente desanimado e desnortado", sen que houbese "un plan de negocio" e "chea de despedimentos masivos". Tamén fixo referencia á existencia dunha marca "totalmente destruída", e unha "absoluta obsolescencia tecnolóxica".

"Facendo historia este foi un proceso de poxa competitiva onde non estabamos precisamente nas ligas menores, moi complexo e rigoroso, e afortunadamente con regras do xogo moi claras e coñecidas", defendeu. 

Cuns "sindicatos belixerantes" e "con razóns, porque estaban ante o terceiro ERE" e un clima laboral "complicado", Escotet continuaou advertindo de que a "clave" naqueles momentos era "desinvestir", mesmo con "empresas serias e respectadas como Inditex e Estrela Galicia". "Pero, ademais, os tribunais estaban cheos de demandas de todo tipos. De clientes, plataformas, accionistas, avogados, bufetes... En fin: unha situación da máis absoluta conflitividade (...) e con fuxida masiva de clientes", incidiu. "Ese foi o banco que nós recibimos. Ben escarallado", profundou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.