A desaparición de 45 millóns de Caixanova no frustrado pelotazo urbanístico de Massó queda impune

A antiga conserveira de Massó en Cangas onde se quería facer unha urbanización de luxo con porto deportivo CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A Fiscalía, que chegaba a xuízo pedindo penas de cadea para Julio Fernández Gayoso e outros directivos da caixa, pasou a considerar prescritos os delitos e a Audiencia Nacional emitiu unha sentenza absolutoria sen chegar a analizar o sucedido

Entre 2003 e 2011 Caixanova, co seu máximo responsable, Julio Fernández Gayoso, á fronte perdeu 45 millóns de euros na operación urbanística frustrada para construír unha urbanización de luxo e un porto deportivo na antiga conserveira de Massó, en Cangas. Así o estableceu a Fiscalía, que concluíu que os cartos foron parar a sociedades creadas a medias entre a caixa e o empresario Ubaldino Rodríguez e a súa muller para desenvolver un proxecto con forte contestación social que nunca vería a luz. 

Pero este relato dos feitos da Fiscalía vai quedar impune porque a investigación do sucedido comezou en 2016, cando xa prescribiran os posibles delitos. Así o vén de sentenciar a Audiencia Nacional nunha resolución feita pública nos últimos días que absolve por esa prescrición a cúpula de Caixanova da época e os empresarios implicados, que estaban acusados de apropiación indebida e administración desleal.

Antiga conserveira de Massó en Cangas na que se quería levantar unha urbanización de luxo con porto deportivo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Dende

A investigación sobre o sucedido cos cartos de Caixanova perdidos no proxecto de Massó chegou a xuízo o pasado 27 de novembro, coa antiga cúpula da caixa e os empresarios sentados no banco dos acusados da Audiencia Nacional. Porén, nesa primeira xornada a Fiscalía pediu a palabra para sinalar que o último feito perseguible criminalmente ocorrera en febreiro de 2011 mentres que o procedemento penal incoárase en setembro de 2016, máis de cinco anos despois, o que supuña que os posibles delitos de apropiación indebida e administración desleal xa prescribiran. 

As defensas estiveron de acordo, así como os avogados tanto da herdeira das caixas galegas, Abanca, como de quen asumiu as súas perdas, o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) creado polo Estado. Así que ante a retirada de todas as acusacións contra os implicados a Audiencia Nacional absolveunos.

Para a Fiscalía todo partiu dun "plan" iniciado por Gayoso en 2003 para construír unha urbanización de luxo e un porto deportivo paralizados polas protestas sociais

Quedará así impune e sen certificar xudicialmente o relato dos feitos co que a Fiscalía chegara a xuízo, que fixaba en 2003 o inicio por parte de Gayoso dun "plan" para construír a urbanización e porto deportivo nos terreos de Massó, para o que se debía contar coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo, o Concello de Cangas e a empresa Conservas e Frigoríficos del Morrazo, propietaria dos terreos e titular das concesións existentes na zona. Esa empresa concedera unha opción de compra por 13,8 millóns a Atlántico de Construcciones y Promociones SL, de Ubaldino Rodríguez e a súa esposa, que acabou creando ao 50% con Caixanova as sociedades Residencial Marina Atlántica SA e Complejo Residencial Marina Atlántica SL.

No caso do porto deportivo, a Autoridade Portuaria de Vigo outorgou en 2005, sendo o seu presidente o popular Julio Pedrosa, unha concesión que o seu sucesor ese mesmo ano, o socialista Abel Caballero, considerou correcta. Porén, en 2013 o Tribunal Supremo acabou anulándoa. 

Julio Fernández Gayoso, máximo responsable de Caixanova ata a súa desaparición, en 2013 na comisión do Parlamento que investigou a fusión das caixas CC-BY-SA Merixo

Polo medio Marina Atlántica chegou a comezar en 2005 os traballos para o porto deportivo, pero non puideron ter continuidade por sucesivas protestas veciñais, coa confraría de pescadores de Cangas á cabeza. E en terra, malia que a paralización do plan de urbanismo de Cangas impedía dar cabida á urbanización, Marina Atlántica, xa con Caixanova como socia ao 50%, acordaba en 2006 a compra dos terreos. 

A Fiscalía detectou unha "inxustificada plusvalía" dos terreos que os directivos da caixa asumiron cun "sistema de financiamento cuxo fin, en última instancia, era ocultar aos órganos reitores de Caixanova o prezo finalmente pagado"

Pero se Frigoríficos del Morrazo asinara unha opción de venta con Atlántico de Construcciones y Promociones por algo máis de 13 millóns, esa operación acabou concretándose por 19,3 millóns. E á súa vez a sociedade controlada por Ubaldino Rodríguez e a súa muller revendeu os terreos a Marina Atántica, participada por eles e Caixanova ao 50%, por 53,3 millóns, o que a Fiscalía cualifica como unha "inxustificada plusvalía para o vendedor".

Segundo a Fiscalía, "para facer fronte aos pagos a prazos pactados na escritura de compra dos terreos" e "á súa participación no capital social" de Marina Atlántica, os acusados da cúpula da caixa "utilizaron e instrumentalizaron un sistema de financiamento cuxo fin, en última instancia, era ocultar aos órganos reitores de Caixanova o prezo finalmente pagado", algo que fixeron "mediante a concesión de préstamos participativos, ampliacións de capital e pólizas de crédito ás sociedades Residencial Marina Atlántica SA e Complejo Residencial Marina Atlántica SL".

Conclusións da Fiscalía sobre o sucedido en Massó antes de retirar a súa acusación por considerar prescritos os delitos de administración desleal e apropiación indebida CC-BY-SA Praza Pública

O desembolso de cartos de Caixanova en apoio do proxecto urbanístico remata "no ano 2011, cando NovaCaixaGalicia Banco, entidade que xurde tras a fusión de Caixanova con Caixa Galicia, en adiante NCG Banco, se adxudica os terreos valorados en xuño de 2012 pola Sociedad de Tasación en 1,9 millóns de euros, en pago das débeda das súas sociedades participadas que ascendía a 45.059.139,18 euros".

O relato da Fiscalía non chegou a ser xulgado pola Audiencia Nacional, que ao retirarse as acusacións por considerar prescritos os delitos xa non analizou o sucedido 

Pola perda deses 45 millóns de euros de Caixanova no proxecto de Massó a Fiscalía considerou que acabou resultando finalmente prexudicado o Estado en última instancia xa que foi o seu rescate, o FROB, "quen ao inxectar 10.000 millóns de euros que foron necesarios para poder afrontar a angustiosa situación económica da entidade asumiu, entre outras, as perdas derivadas desta operación". Pola súa banda, os terreos quedaron en propiedade de Abanca como sucesora de NCG Banco.

Por estas actuacións a Fiscalía chegou ao xuízo do pasado 27 de novembro pedindo diversas penas de cadea aos implicados por delitos societarios de administración desleal e apropiación indebida. Pero ese mesmo día admitiu que os feitos xa prescribiran, retiráronse as acusacións e a Audiencia Nacional ditou a súa sentenza absolutoria que agora vén de ser divulgada. A desaparición de 45 millóns de euros de Caixanova en Massó queda así impune.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.