A Audiencia Nacional envía por cuarta vez a cúpula de Caixanova ao banco dos acusados

Gayoso, chegando á comisión de investigación en 2013 CC-BY-SA Merixo

Outra vez no banco dos acusados. O xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata propón xulgar o ex-presidente de Caixanova Julio Fernández Gayoso, os ex-directores xerais Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ángel Corona e o daquela xefe de Empresas Participadas, Juan Manuel Gutiérrez Ois, por presuntas irregularidades cometidas nunha operación inmobiliaria --outra máis--, desta vez en Cangas do Morrazo e que tería xerado un prexuízo de 43 millóns á antiga caixa de aforros. 

A Audiencia Nacional propón xulgar a Gayoso, Gorriarán ou Rodríguez Estrada por outra operación inmobiliaria que supuxo un prexuízo de 43 millóns a Caixanova

É a cuarta vez que a Audiencia Nacional leva a cúpula de Caixanova ao banco dos acusados, onde propón sentar tamén os administradores da inmobiliaria Atlántico Construcciones Ubaldino Rodríguez e Natividad Blanco. Desta vez, o maxistrado ve na cúpula da entidade financeira indicios de posible administración desleal e apropiación indebida neste proxecto de investimento iniciado en 2001 e que estaba destinado á promoción dunha urbanización e dun porto deportivo, cuxo risco a caixa "non avaliou adecuadamente, nin taxou os terreos".

A operación, segundo o xuíz, foi deseñada para que o custo financeiro fose asumido integramente por Caixanova, obviando calquera risco

Así o asegura no auto De la Mata, que considera que a operación foi deseñada "específica e deliberadamente" polos investigados para que o custo financeiro fose asumido integramente por Caixanova. Para logralo, os directivos da caixa conseguiron que os órganos corporativos adoptasen os acordos necesarios para dotar ao proxecto das fontes de financiamento que precisaban en cada momento, "ocultando a inexistencia de suficiente análise técnica que soportase a asunción do risco".

Antiga sede de Caixanova en Vigo / CC-BY Datadd

Tampouco achegaron, segundo o xuíz, "a información suficiente en relación cos sucesivos acordos que se foron adoptando", en particular aqueles que facían referencia á situación urbanística dos terreos e á viabilidade legal e técnica do investimento. Así, consolidouse esa alianza empresarial cun socio que carecía de capacidade económica e financeira para materializar a compra do solo e asumir a parte do proxecto que lle correspondía.

A manobra fíxose "baixo unha coidadosa aparencia de perfecta regularidade que implicaba inexorablemente multimillonarios prexuízos económicos para a entidade"

Foi unha manobra, di o auto, "baixo unha coidadosa aparencia de perfecta regularidade que implicaba inexorablemente multimillonarios prexuízos económicos para a entidade pola expropiación dos seus bens, ante a falta de intención nin posibilidade de retorno ao patrimonio". Ademais, De la Mata lembra que o proxecto nin tan sequere comezou e que o terreo estaba cualificado como solo urbano non consolidado de uso predominantemente industrial, cualificación urbanística que se mantén hoxe en día. 

O  auto, ademais, acorda o sobresemento provisional respecto doutras once persoas, incluído o ex-director xeral José Luis Pego, e concede un prazo de dez días a Fiscalía, Avogacía do Estado e Abanca como partes acusadoras para que presenten os seus respectivos escritos de acusación.

A noticia chega tan só dous meses despois de que a Audiencia Nacional tamén propuxese xulgar a gayoso, Gorriarán, Pego e outras sete persoas posible comisión de delitos de branqueo de capitais e delitos societarios en relación á concesión de préstamos á empresa Promalar para a compra da conserveira Alfageme. Tres meses antes, o mesmo tribunal acordara proceder tamén contra a cúpula de Caixanova por un un presunto delito de administración desleal de xestión do patrimonio social noutra operación inmobiliarias da vella caixa do sur galego fóra de Galicia por importe de algo máis de 40 millóns de euros. Entre as tres, o burato na entidade financeira ascende a a máis de 160 millóns de euros. Máis de ano e medio antes, os dous máximos responsables da desaparecida entidade pasaron pola cadea polo caso das indemnizacións millonarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.