O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, asegura que "o empresariado demanda" medidas como "horarios razoables, teletraballo cando sexa posible, licenzas parentais"
"O empresariado demanda, e con razón, que as nosas políticas internas e o noso modelo de xestión recoñezan que a vida persoal e familiar debe poder convivir coa vocación profesional, sen que unha ou outra se convertan nun freo". Así o asegurou este xoves o presidente da patronal galega, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, nun foro celebrado en Santiago sobre retos empresariais. Vieites, segundo divulgou a propia CEG, puxo como exemplo do que "implica" a conciliación "horarios razoables, teletraballo cando sexa posible, licenzas parentais, corresponsabilidade nos coidados, adaptacións flexibles, medidas que favorecen a quen teñen responsabilidades familiares, sobre todo mulleres".
"Para Galicia poñer en marcha este mandato de conciliación e igualdade non é só unha necesidade ética ou social, senón unha estratexia de competitividade e sostibilidade, porque incorporar mulleres con talento en postos de decisión e emprendemento amplía a diversidade, xera novas ideas, mirada distinta, e impulsa un desenvolvemento máis equilibrado, máis xusto e máis intelixente", engadiu.
O presidente da patronal apela a que " o talento de todas e todos teña o seu espazo, que o xénero non condicione quen emprende"
A apelación do presidente da patronal á conciliación chegou no foro Voces que inspiran, organizado pola propia CEG co patrocinio de Abanca no Hostal dos Reis Católicos de Santiago. Alí, con mulleres "líderes empresariais, referentes sectoriais e voces emerxentes", Vieites asegurou que "a igualdade de oportunidades quere dicir que o talento de todas e todos teña o seu espazo, que o xénero non condicione quen emprende, quen dirixe, quen innova".
O presidente da patronal tamén salientou que en Galicia se está a producir un maior grao de emprendemento por parte das mulleres que dos homes pero que "ese empuxe necesita unha contorna favorable, familias que poden conciliar, empresas dispostas a adaptarse, políticas públicas decididas, un cambio cultural fondo".
Segundo a CEG, Vieites apelou como conclusión "a converter a conciliación en norma, a igualdade en estratexia e o talento en oportunidade".