Galicia lidera o impacto da folga xeral no Estado

Piquetes ante un autobús de Monbus CC-BY-SA CM Socialista

Galicia foi un dos territorios onde maior impacto tivo a folga xeral deste pasado mércores. Como en convocatorias anteriores, volveu destacar o seguimento do paro no país, que xunto con Catalunya, Aragón ou Asturias foi das comunidades autónomas onde máis persoal decidiu non acudir ao seu posto de traballo nesta xornada reivindicativa. 

Galicia foi unha das comunidades autónomas con maior adhesión á folga xeral e onde a protesta nas rúas foi maior

Foi unha folga desigual segundo os sectores, con masiva participación naqueles máis industriais, organizados e sindicalizados e moito menor nos servizos, nomeadamente no comercio e na hostalaría. Tamén con multitudinarias manifestacións nas que Galicia volveu destacar como unha das autonomías con maior peso da protesta na rúa. Cifras, todas elas, que confirman os datos que levan tempo indicando o país como a autonomía con maior incidencia das folgas e da conflitividade laboral, só por tras de Euskadi. 

Piquetes durante a folga xeral do 11N CC-BY-SA CCOO Galicia

A actividade, especialmente nas cidades, foi moito menor da habitual. Como un sábado ou un domingo en moitos barrios e zonas onde a escasa actividade nos centros escolares e na universidade —onde o paro foi moi maioritario— e o feito de que o transporte fose o sector máis afectado polo paro (un 80% de seguimento segundo os sindicatos) mudou a estampa de tráfico e movemento habitual. Tamén polos contedores de lixo a rebordar tras unha recollida en servizos mínimos e cun apoio moi maioritario ao paro entre o sector da limpeza. 

Os sindicatos cualificaron de "rotundo éxito" a folga xeral en Galicia e cunhas cifras superiores ás expectativas creadas, mentres que a patronal cualificouna de "fracaso" e volveu sinalar como denunciable o carácter "político" da folga contra a carestía da vida, a precariedade laboral e a crise da vivenda. 

O caso é que no transporte por estrada só dous de cada dez traballadores acudiron ao seu posto, unha porcentaxe que no caso de Monbus en Lugo elevouse ao 100%, segundo as cifras de CCOO e UGT, que aseguran que no sector ferroviario o seguimento situouse no 70%. Así, un cuarto dos traxectos en tren víronse afectados en Galicia, mentres que algo máis dunha ducia dos voos nos aeroportos galegos foron cancelados. 

O forte impacto da folga no transporte e no ensino mudou a estampa habitual de tráfico e movemento nas cidades

Ademais, todos os portos galegos viron afectada de maneira importante a súa actividade, con seguimentos da folga de entre o 60% e o 80% e a paralización total do porto da Coruña durante moitas horas. 

Nas áreas industriais foi onde máis de notou o impacto da folga xeral, con moita menor afluencia de tráfico e persoal nos polígonos. Os sindicatos cifran en arredor do 70% o seguimento do paro na industria, cun paro total na plan de Alcoa na Mariña —con todo o persoal secundando na quenda de noite— e cun impacto moi importante nos estaleiros de Navantia ou en provedores de automoción de Vigo, como GKN Driveline, a paralización case total de conserveira na Arousa e unha afectación menor en Stellantis.

Piquetes durante a folga xeral do 11N CC-BY-NC-SA CIG

A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) asegura que foi no naval onde houbo unha maior incidencia da folga, cun 60% de adhesión, mentres que foi moito menor na automoción (25%) e aínda máis baixa na construción metálica e nos servizos tecnolóxicos. Ademais, en moitas cidades foi especialmente relevante o impacto do paro en sectores como o do telemárketing. 

O transporte, a industria ou o ensino foron os sectores onde maior impacto tivo a folga, que alterou a programación da TVG e da Radio Galega

Os sindicatos destacan que o seguimento foi menor naqueles onde denunciaron os servizos mínimos "abusivos" da Xunta, como en sanidade, atención á dependencia ou axuda no fogar. 

Todo acontecía mentres os medios públicos de Galicia se vían obrigados a alteracións moi importantes nas súas programacións polo importante seguimento da folga tanto na TVG como na Radio Galega, de ata o 70% ata o mediodía entre o persoal que podía secundar o paro por non estar en servizos mínimos. 

O informativo Bos Días durou menos e tivo só un punto de directo e outros programas como O Termómetro non chegaron a realizarse, unha alteración da grella que tamén afectou á tarde e á noite, con varios programas cancelados. 

Por outra banda, na Radio Galega houbo moitos programas afectados, sen información deportiva e contido enlatado en diferentes franxas horarias. 

Redacción baleira na TVG durante a folga xeral do 11N CC-BY-SA Comité intercentros CSAG

A patronal fala de "fracaso"

Mentres, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) asegurou que a adhesión á folga xeral en Galicia foi, de media, de entre o 7% e o 15%, cualificando de "limitado e desigual" o seu seguimento e cunha "incidencia máis acusada naqueles ámbitos con maior implicación sindical". O seu presidente, Juan Manuel Vieites, chegou a cualificar de "fracaso", que atribúe a unha "folga política que non responde a un conflito laboral entre empresarios e traballadores". 

Segundo datos difundidos por patronal e sindicatos, a caída da demanda eléctrica situaríase nas primeiras horas da mañá en arredor de entre un 10%, e dun 12% con respecto ao mércores anterior, cifras menores ás de folgas xerais anteriores, aínda que o auxe do autoconsumo fotovoltaico, o teletraballo e a maior eficiencia enerxética fan dificilmente comparable os datos cos de 2012. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.