Nas últimas décadas foron moitas as folgas xerais convocadas en Galicia: máis ou menos unitarias, de 24 horas ou só de 2 ou 4 horas de duración, por motivos laborais e económicos ou por outras cuestións, coma as guerras en Iraq ou o xenocidio en Palestina
O vindeiro 11 de novembro Galicia vivirá unha nova xornada de folga xeral, a primeira gran convocatoria de 24 horas dende o ano 2012. A crise da vivenda e, no caso da CIG, tamén a crise de prezos motivan un chamamento que chegará a dous días do inicio da campaña electoral para os comicios do 29N.
Nos case 50 anos dende a recuperación da democracia foron moitas as folgas xerais convocadas en Galicia: máis ou menos unitarias, de 24 horas ou só de 2 ou 4 horas de duración, por motivos laborais e económicos ou por outras cuestións, coma as guerras en Iraq ou o xenocidio en Palestina. Algunhas foron masivas e paralizaron algúns sectores económicos básicos e outras tiveron un seguimento menor. Repasamos neste gráfico algunhas destas convocatorias.
A primeira folga xeral de 24 horas, de ámbito exclusivamente galego, tivo lugar o 14 de febreiro de 1984, convocada en exclusiva pola INTG. Ese ano houbo dúas convocatorias máis, que neste caso contaron tamén co apoio de CCOO
Despois dalgunhas convocatorias parciais durante a Transición -a de 1981 como resposta dos traballadores fronte ao intento de Golpe de Estado-, en 1984 e 1985 chegaron as primeiras grandes folgas xerais da democracia en Galicia. A primeira, de ámbito exclusivamente galego, tivo lugar o 14 de febreiro de 1984, covocada unicamente pola Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG). Protestábase contra a política económica do Goberno de Felipe González, coa reconversión industrial e naval de fondo. De feito, o paro foi seguida masivamente en Vigo, onde si foi apoiada -como folga comarcal- por UXT e CCOO. Máis de 300.000 persoas manifestáronse polas rúas da cidade olívica.
A folga xeral galega do 14 de febreiro tivo continuidade o 12 de xullo e o 29 de novembro en dous novos paros de ámbito galego, convocados desta volta por INTG e CCOO. A mobilización tivo especial impacto nas comarcas de Vigo e Ferrol, que acolleron importantes manifestacións.
O 20 de xuño de 1985 chegaría a primeira folga xeral de 24 horas convocada no conxunto do Estado. O paro non contou co apoio da UXT, pero si de CCOO e doutros sindicatos, que protestaron así contra a reforma do sistema de pensións (o período de cálculo elevouse de dous a oito anos) impulsada polo Ministro de Economía, Miguel Boyer, que dimitiu 15 días despois. O paro tivo especial incidencia, novamente, nas comarcas de Vigo e Ferrol.
14D, a primeira gran folga xeral
O 14 de decembro de 1988 tivo lugar a folga xeral máis importante da democracia. Participaron todos os sindicatos (desta volta tamén se uniu UXT), en protesta polo plan de emprego xuvenil impulsado polo Goberno de Felipe González
O 14 de decembro de 1988 tivo lugar a folga xeral máis importante da democracia. Participaron todos os sindicatos (desta volta tamén se uniu UXT), en protesta polo plan de emprego xuvenil impulsado polo Goberno de Felipe González e en demada de melloras salariais e de cambios na política económica. A folga foi masiva (90% de seguimento para os sindicatos, 50% para o Executivo) e paralizou o país (mesmo deixou sen emisión a TVE) e levou á retirada do plan e ao inicio de negociacións cos sindicatos.
Aínda se convocarían algunhas folgas xerais máis durante os gobernos de Felipe González. O 18 de xaneiro de 1991 convocouse un paro de catro horas en protesta pola participación de España na Guerra do Golfo contra Iraq, nun paro apoiado por case todos os sindicatos, agás UXT, e tivo un seguimento cativo, en comparación con outras convocatorias
20 de xuño de 2002 a totalidade dos sindicatos convocaron a gran folga contra as políticas económicas do segundo Goberno de Aznar, en concreto contra o decretazo que modificou as condicións do subsidio de desemprego
En 1992 chegaron dúas folgas xerais máis; a primeira de ámbito exclusivamente galego, convocada o 2 de abril polos sindicatos obreiros e labregos en resposta á crise industrial, agraria e pesqueira. O paro, dirixido contra as políticas dos gobernos do Estado central e da Xunta, tivo un seguimento masivo, tanto nas cidades e zonas industriais coma nas comarcas agrarias. En Vigo manifestáronse 200.000 persoas, 100.000 segundo a Policía.
Algunhas semanas despois, o 28 de maio, a folga xeral convocouse en todo o Estado, co apoio de todos os sindicatos, aínda que na maior parte dos casos cun chamamento a parar media xornada. Protestábase contra a reforma do subsidio de desemprego e o paro tivo un seguimento en Galicia do 30% segundo o Goberno, que elevou a cifra ata o 45% en Pontevedra.
O 27 de xaneiro de 1994 todos os sindicatos chamaron a unha folga xeral de 24 horas contra a reforma laboral e os recortes aplicados polo que sería o derradeiro goberno de Felipe González. O paro tivo un seguimento importante, pero sen chegar ao da folga do 14D de 1988; en Galicia os empresarios reduciron a participación ao 30%, mentres que os sindicatos a elevaron ao 85%.
As folgas do novo século
A crise económica iniciada no ano 2008 levou a unha sucesión de convocatorias de folga xeral entre 2010 e 2012, no final do segundo Goberno de Zapatero e no inicio do primeiro mandato de Rajoy
Houbo que agardar sete anos e a cambiar de século para vivir unha nova folga xeral. En Galicia esta chegou o 15 de xuño de 2001, convocada por CIG e UXT, sen a participación de CCOO. Protestábase contra a reforma laboral e das pensións aprobadas polo Goberno de José María Aznar e, en xeral, contra a súa política económica. En Galicia o seguimento da folga moveuse entre o 80% estimado polos sindicatos e o 14% declarado pola Xunta.
Un ano despois, o 20 de xuño de 2002, a totalidade dos sindicatos convocaron a gran folga contra as políticas económicas do segundo Goberno de Aznar, en concreto contra o decretazo que modificou as condicións do subsidio de desemprego. O paro foi total na industria e moi inferior no comercio, pero deixouse notas nas rúas e os sindicatos elevaron a participación ao 84%. O Goberno reduciuna ao 17% e empregou toda a súa aparataxe mediática para minusvalorar o éxito da convocatoria. Vigo acolleu unha das meirandes manifestacións de todo o Estado.
Aínda habería outra convocatoria de folga xeral durante os gobernos de Aznar. Foi o 10 de abril de 2003, de tipo parcial (paros de dúas horas) e apoiada só por algúns sindicatos (CCOO non o fixo), en denuncia da participación de España na Guerra de Iraq.
Resposta á Gran Recesión
A crise económica iniciada no ano 2008 levou a unha sucesión de convocatorias de folga xeral entre 2010 e 2012, no final do segundo Goberno de Zapatero e no inicio do primeiro mandato de Rajoy. A primeira chegou o 29 de setembro de 2010, convocada por todos os sindicatos contra a reforma laboral aprobada polo Esxecutivo socialista. O paro tivo un seguimento desigual por sectores, pero foi importante na industria. En Galicia participaron o 82% dos traballadores, segundo os sindicatos (o 70% no conxunto de España), e o 20% segundo a patronal.
Poucos meses despois, o 27 de xaneiro de 2011, a CIG convocou canda a sindicatos vascos e cataláns unha nova folga xeral, desta volta para protestar contra a reforma das pensións. A participación elevouse ao 70% en Ferrol, segundo a CIG, e tamén tivo segundo as cifras sindicais un seguimento importante en Vigo. Porén, a Xunta reduciu o seguimento no conxunto de Galicia ao 3,4%.
A do 14 de novembro de 2012 foi a última gran folga xeral convocada en Galicia. O 8 de marzo de 2018 tivo lugar unha convocatoria, nunca vista aquí ata ese momento, de folga xeral de mulleres, impulsada polo movemento feminista co apoio dos sindicatos de clase
A chegada de Mariano Rajoy ao poder trouxo novos recortes e cambios lexislativos que limitaban os dereitos laborais. O 29 de marzo de 2012 a totalidade dos sindicatos convocaron un paro xeral de 24 horas contra a nova reforma laboral do Executivo. A folga foi masiva, especialmente nas cidades e na industria, e deixouse ver nas rúas con manifestacións moi importantes, que reuniron a máis de medio millón de persoas en Galicia. Os sindicatos elevaron o seguimento ao 90% en Galicia e a patronal recoñeceu unha participación do 30%.
Meses despois, o 14 de novembro, convocouse unha segunda foga xeral contra os recortes do Goberno de Rajoy, de novo cun gran seguimento. A convoctoria levouse a cabo tamén noutros países do sur de Europa, como Italia ou Portugal, no que foi a primeira gran folga xeral europea. Os sindicatos falaron dunha participación do 90% e a Xunta reduciu a incidencia ao 19%. 350.000 persoas manifestáronse ese día en Galicia.
Os últimos anos: folgas xerais comarcais, de mulleres ou por Palestina
A do 14 de novembro de 2012 foi a última gran folga xeral convocada en Galicia. O 8 de marzo de 2018 tivo lugar unha convocatoria, nunca vista aquí ata ese momento, de folga xeral de mulleres, impulsada polo movemento feminista co apoio dos sindicatos de clase, que chamaron a paros de dúas horas (aínda que CUT ou CGT convocaron folga de 24 horas). O seguimento foi desigual, pero acadou cifras importantes en determinados sectores máis feminizados. Houbo manifestacións masivas, coa participación de centos de miles de persoas en Galicia, que rebordaron as previsións máis optimistas.
Un ano despois repetiuse a convocatoria do 8 de marzo e desta volta tamén a CIG chamou a un paro de 24 horas. Novamente a folga xeral foi limitada no ámbito laboral en canto ás cifras xerais, pero a mobilización nas rúas foi masiva, con marchas multitudinarias en todas as cidades e vilas galegas. Houbo convocatorias semellantes en anos posteriores (2021, 2022, 2023...), aínda que cun menor seguimento e incidencia.
Nestes últimos anos -como xa sucedera en décadas anteriores- os sindicatos convocaron algunhas folgas xerais de ámbito comarcal, atendendo á situación económica ou laboral específica de zonas como Ferrolterra ou A Mariña
O 15 de outubro do pasado ano convocouse en todo o Estado unha folga contra o xenocidio de Israel en Palestina. O paro, no que CCOO e UXT chamaron a parar dúas horas; a CIG catro e CGT e CUT, todo o día, tivo unha participación dispar segundo os sectores, aínda que cun impacto baixo fóra do ensino. En cambio, as concentracións nas cidades e vilas galegas tiveron unha asistencia importante dende a mañá, e as manifestacións da tarde foron masivas.
Nestes últimos anos -como xa sucedera en décadas anteriores- os sindicatos convocaron algunhas folgas xerais de ámbito comarcal, atendendo á situación económica ou laboral específica de zonas como Ferrolterra (o 12 de xuño de 2013 ou o 10 de marzo de 2021) ou A Mariña (o 17 de novembro de 2021).
Datos oficiais de participación
Dende o ano 2012 o Ministerio de Traballo ofrece unha estatística detallada das cifras de participación nas folgas xerais, resultado da información sobre o número de traballadores e traballadoras ás que se lles descontou a xornada de salario. Estes datos sinalan, por exemplo, que na folga do 29 de marzo de 2012 participaron 56.286 persoas en Galicia (o 6,2% do persoal asalariado) e que na convocatoria seguinte do 14 de novembro foron 45.794.
Segundo estes datos, nas folgas convocadas o 8 de marzo de 2018 e 2019 participaron, respectivamente, 22.178 e 24.179 traballadoras, cifras que baixaron nas convocatorias de 2021 (4.627), 2022 (676) e 2023 (228). E na convocada por Palestina o pasado ano terían participado 4.537 persoas.