"Apoio masivo" e "éxito", son as primeiras valoracións das centrais, que falan dun 90% de seguimento no país e que se congratulan pola participación unánime dos traballadores da gran industria do país. Para CCOO e UGT, os datos de participación "poñen de relevo o rexeitamento do conxunto dos traballadores e traballadoras de Galicia á reforma laboral e ás políticas de axuste impulsadas polo Goberno español". Para a CIG, o paro xa é "un éxito rotundo"logo dunha resposta "moi positiva" por parte dos traballadores. Por sectores, as centrais sindicais falan dun 100% de paro na recollida do lixo e limpeza viaria e no naval, nun 95% nos transportes, nun 85% na construción e nun 80% no sector agroalimentario e nas conservas.
En xeral a folga está afectando máis á industria e ao transporte que ao comercio, aínda que en Ferrol, Vigo e outras vilas industriais do país, as tendas dos barrios do centro están pechadas nunha alta proporción; na Coruña, pola contra, o pequeno comercio está maioritariamente aberto. O Goberno non ofreceu datos de participación, pero segundo o Ministerio do Interior, "o seguimiento é claramente inferior ao da folga de 2010". Cristina Díaz, directora de Política Interior, salienta que "a situación nos mercados centrais é semellante ao do resto dos días, agás Barcelona, Murcia, Sevilla ou Granada". Con todo, a propia CEOE recoñece un "alto seguemento" na industria, no norte de España e nas grandes cidades. A Xunta cifra nun 35% o seguimento entre os funcionarios da administración autonómica, que os sindicatos elevan ao 90%.
Ás oito da mañá o consumo eléctrico (23.699 megavatios) era un 20,33% inferior ao do pasado xoves (31.002 megavatios) e semellante ao dun domingo
Ás oito da mañá o consumo eléctrico (23.699 megavatios) era un 20,33% inferior ao do pasado xoves (31.002 megavatios) e semellante ao dun domingo (ao redor de 22 mil megavatios), segundo datos de Red Eléctrica de España.
Parou totalmente o sector da automoción de Vigo, ademais de Alcoa, Gamesa Eólica, Zara Logística, Frigolouro (Porriño), Frinsa, Alúmina Española, CESPA (na Coruña e Pontevedra), Repsol Petróleo, Navantia (Fene e Ferrol), CIE-Galfor (antiga Forjas de Galicia), Leche Celta, Adolfo Domínguez, Lonza Biologics, Carrocera Castrosua, FCC, Lantero, Pull&Bear Logística, Rodman Polyships ou Televés. A produción está totalmente paralizada en Citroën, onde só se incorporou un reducido número de traballadores, inferior ao 10%, insuficiente para realizar calquera actividade. En xeral a actividade nos polígonos industriais de todas as cidades é nula, e por exemplo en Beiramar, en Vigo, onde se localizan os estaleiros, non hai ningún movemento. No ensino, os sindicatos sitúan o seguimento da folga en máis dun 80% por parte do profesorado e aseguran que son "maioría os centros queu pararon na súa totalidade".
Tamén o seguiu de forma unánime o servizo de recollida do lixo en todas as localidades e está igualmente paralizada a actividade dos portos da Coruña e de Vigo; ademais, hai dificultades de acceso ao Porto Exterior de Ferrol. Están paradas tamén as lonxas de Marín, Burela e Vigo. E parece que o transporte vai seguir o mesmo camiño, coa completa paralización das estacións de autobuses, aínda que se están cumprindo os servizos mínimos de autobús urbano e taxi.
E tamén algunhas grandes superficies comerciais. A CIG vén de informar de que en Alcampo en Vigo case non se incorporou ningún traballador. En canto aos medios de comunicación, destaca o feito de que nin o Faro de Vigo nin a edición galega de El País se distribuirán hoxe.
A xornada, nas primeiras horas, está a desenvolverse sen incidentes de gravidade, agás algúns momentos puntuais de tensión entre os piquetes informativos e a policía, cunha presenza "desproporcionada"
A xornada, nas primeiras horas, está a desenvolverse sen incidentes de gravidade, agás algúns momentos puntuais de tensión entre os piquetes informativos e a policía, cunha presenza "desproporcionada", segundo as centrais, que denuncian unha algunhas "agresións", como as sufridas na Coruña, en Ferrol cunha carga, e en Vigo, onde un cámara da CIG foi detido mentres filmaba o piquete en Alcampo . A CIG denuncia que o cámara sufriu agresións e neste momento está tivo que ser atendido nun centro médico polas contusións sufridas. Horas despois, foi posto en liberdade.
En dous dos campus universitarios máis representativos do país, os de Compostela, os representantes sindicais aseguran que o paro está a ser moi significativo. Nomeadamente, sinalan que a práctica totalidade das facultades está a ser pechada. Unha das máis remisas a facelo, a de Dereito, tamén pechou as súas portas despois duns minutos de tensión con "ameazas" de chamar "aos antidisturbios.
A situación no resto do Estado
No resto do Estado a dinámica é semellante e ademais da paralización da industria, o transporte, os mercados e lonxas de distribución ou os servizo de de recollida do lixo, hai que sumar o moi simbólico apagón das televisións Canal Sur, Telemadrid, Canal9 ou TV3, que informa na súa web de que os traballadores se sumaron ao paro pola "reforma laboral e os recortes sociais"; mentres, Telemadrid dicía nunha mensaxe en pantalla que "a folga xeral, convocada polos sindicatos contra a reforma laboral do Goberno da Nación, impide a emisión de Telemadrid".
O seguemento da folga xeral no Estado é do 85% a primeiras horas da mañá segundo CCOO e UGT
Na súa última comparecencia, CCOO e UGT sitúan o seguimento do paro nun 85% a nivel estatal ata as 8 da mañá, un dato moi superior á folga xeral convocada o pasado mes de setembro e incluso ao de 2002. Os sindicatos, ademais, critican o "desproporcionado" despregamento policial que disque lles recorda "ao desembarco de Normandía". O Goberno, pola súa banda, fala de "total normalidade", mentres que a CEOE asegura que o seguemento é "desigual", aínda que recoñecen a súa importancia no sector industrial.
Nos mercados de abastos das principais cidades o seguimento está sendo practicamente total, tanto en Mercabarna coma en Mercamadrid ou Mercavalencia, o mesmo que en Bilbao ou Santander. Infórmase de que en Madrid entraron apenas uns vinte camión en toda a noite.
O paro é absoluto nas plantas de Renault en Valladolid, Seat en Martorell, Volkswagen en Navarra, Ford Amusafes e Airbus en Toledo. Segundo datos dos sindicatos, o paro acada cifras de seguimento do 76% en Correos, mentres que en alimentación e química se sitúa entre o 80% e o 90%. O 91% dos traballadores de Renfe e Adif se sumaron á protesta, segundo UGT.
Foi nestes contexto no que se iniciou o pleno no Congreso dos Deputados, ao que non acoden os parlamentarios do BNG, de Esquerra Republicana e da Izquierda Plural. No Parlamento de Galicia non corresponde celebrar pleno pero si dúas comisións, ás que só acudirán representantes do PP.