Destácano os titulares de numerosos xornais do Estado. Galicia liderou o 29-M as mobilizacións contra a reforma laboral do Goberno nunha xornada de folga xeral na que o paro tamén foi dos máis importantes no país. O número de manifestantes que ateigaron as principais cidades sorprendeu incluso aos sindicatos, que agardaban unha boa resposta pero que se enorgullecen dun "éxito rotundo" das convocatorias, só comparables ás da crise do Prestige. Á habitual masiva afluencia nas marchas dunha cidade obreira como Vigo engadíronse tamén elevadísimas cifras de manifestantes nunha urbe de servizos como A Coruña, e nun Ferrol que recuperou o ímpeto loitador das peores épocas da reconversión naval. Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra tampouco quedaron atrás. En total, arredor de medio millón de galegos nas rúas.
Unha comparación das dúas principais cidades galegas coas máis poboadas do Estado deixa clara a resposta dos galegos nas manifestacións. Facendo unha media entre os datos que achegan os sindicatos e os que facilitan policías e administracións locais, Vigo e A Coruña serían as localidades de España con maior afluencia de manifestantes en termos porcentuais. Así, na urbe viguesa manifestaríanse nas rúas unhas 92.000 persoas nas marchas dos tres principais sindicatos (UGT e CCOO e CIG), o que equivalería a máis do 30% da poboación total (297.000), mentres que na Coruña sairían tras as pancartas algo máis de 72.000 persoas, preto tamén do 30% do censo da localidade (246.000).
Cidade | Afluencia | Porcentaxe |
---|---|---|
Vigo | 92.000 | 31% |
A Coruña | 72.500 | 29,5% |
Valencia | 142.000 | 17,7% |
Gijón | 46.000 | 16,6% |
Zaragoza | 100.000 | 14,8% |
Barcelona | 233.000 | 14,4% |
As Palmas | 45.000 | 11,8% |
Palma | 40.000 | 9,9% |
Madrid | 265.000 | 8,1% |
Sevilla | 55.000 | 7,8% |
Bilbao | 25.000 | 7,1% |
Santander | 5.300 | 3% |
Obviamente, e en termos globais, foron Madrid e Barcelona as cidades que lideraron a afluencia ás manifestacións, pero nuns termos porcentuais moito menores aos que chegaron todas as urbes galegas sen excepción. Ás cifras de Galicia, e sempre tendo en conta os cálculos dos sindicatos e das administracións locais, só se achegan (e de lonxe), cidades como Valencia ou Xixón, esta última tradicionalmente combativa contra os recortes á clase traballadora. Ademais, e á marxe das capitais estatal e catalá, tan só localidades como Sevilla, Zaragoza ou Valencia superaron a Vigo ou A Coruña no número total de asistentes ás manifestacións.
Sindicatos e partidos da oposición ven nesta espectacular resposta da poboación o desencanto dunha sociedade que "coñece desde hai tempo os recortes do PP que outra xente empeza a coñecer no resto do Estado", como asegurou onte na Cadena Ser o presidente socialista da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. Pero ademais, tamén se recoñece a importancia da fortaleza do sindicalismo nacionalista no país, o que engade á mobilización de CCOO e UGT o poder de convocatoria e activismo da CIG e incluso da CUT, que onte bateron records de asistencia ás súas marchas tanto na Coruña como en Vigo. "A repercusión máis importante foi en en Galiza e Euskadi e non é casual", di Suso Seixo, secretario xeral da CIG, que atribúe isto á "presenza do sindicalismo nacionalista", que vén desenvolvendo unha "dinámica distinta á doutras organizacións sindicais" na súa resposta á crise