Folga xeral o 11 de novembro. O desafiuzamento de Maricarmen —falecida este pasado mércores— o pasado 23 de setembro en Madrid ergueu as protestas pola crise larvada do acceso á vivenda en España. Concentracións apuradas e case espontáneas deron paso ás acampadas —aínda activas en Madrid ou Compostela— e a unha reacción in extremis do goberno central progresista intentando aprobar dous decretos de urxencia para paliar (un chisco) a problemática que foron rexeitados polas dereitas española e catalá no Congreso.
Os sindicatos de inquilinas e de vivenda levaban tempo reclamando unha folga xeral que acabaron por apoiar os sindicatos de clase maioritarios no Estado e en Galicia
As masivas manifestacións da fin de semana seguinte —con milleiros de persoas nas principais cidades do Estado e de Galicia— expresaron a indignación polo veto aos decretos, clamaron por "solucións urxentes" ao problema da vivenda, contra o rendismo e contra o sistema que permite casos como os de Maricarmen, pero tamén a favor dunha folga xeral que levaba tempo reclamando o Sindicato de Inquilinas (que lidera as protestas desde Madrid) e diferentes sindicatos ou plataformas pola vivenda como as que impulsan as mobilizacións na Coruña, Vigo ou Santiago.
CCOO e UGT, os dous sindicatos maioritarios no Estado, recolleron o chamado e anunciaron a convocatoria dunha folga xeral que xa apoiara a CGT. Este mércores, poucos minutos despois de coñecerse a morte de Maricarmen, o Sindicato de Inquilinas confirmou o paro de 24 horas do vindeiro 11 de novembro.
CCOO e UGT chaman ao paro xeral para o 11N de acordo co Sindicato de Inquilinas, unha convocatoria á que se uniu a CIG e tamén ELA, LAB ou CUT
Fíxoo xunto a representantes da CGT, de Solidaridad Obrera e CO.BAS (Comisiones de Base) mentres CCCOO e UGT, que non participaron na rolda de prensa, difundían un comunicado confirmando a data e convocando a folga xeral. Ao tempo a CIG, sindicato maioritario en Galicia, anunciaba tamén a convocatoria do paro para o mesmo día, mentres a CUT confirmaba que o secundaba. En Euskadi, ELA e LAB, os dous meirandes sindicatos, convocaron tamén, ao igual que a Intersindical en Catalunya, mentres que o sindicato do funcionariado CSIF, USO ou Fetico, a nivel estatal, amosaban o seu rexeitamento. "En CSIF defendemos os traballadores, non intereses políticos", dixo a delegación galega do CSIF.
Alén das organizacións polo acceso á vivenda, os sindicatos que convocan e secundan a folga xeral do 11 de novembro xuntan perto de 2,5 millóns de persoas afiliadas en todo o Estado.
"A folga non é de ningunha organización, é do pobo e para o pobo", repiten as organizacións pola vivenda, que advirten que as súas protestas "arrincaron" a convocatoria aos sindicatos
Moitas entidades e sindicatos que, no entanto, advirten dunha "folga que non é de ningunha organización". "É do pobo e para o pobo", repiten os diferentes sindicatos de inquilinas, tamén desde Galicia. O Sindicato de Vivenda de Compostela lembra que a loita contra o rendismo e a especulación conseguiu "arrincar aos sindicatos laborais esta convocatoria" de paro xeral tras ocupar as rúas poñendo "o foco nunha problemática que nos está a custar a vida, nunha problemática que se empeñaban en ignorar".
"O vindeiro 11 de novembro imos paralo todo, imos facerlles ver aos empresarios, rendistas e demais capitalistas que nós temos o poder, que a veciñanza organizada é a que goberna a cidade", di o sindicato, mentres as entidades homólogas na Coruña ou Vigo piden organizar comités dunha folga "pola vivenda e polo custo da vida" en barrios, traballos ou facultades. "Queremos contratos indefinidos, baixada dos alugueiros, fin dos desafiuzamentos e fin da especulación", resumen nas súas demandas.
Así, a Confederación de Sindicatos de Inquilinas (que agrupa diferentes entidades pola vivenda no Estado) lembra que esta folga é unha "ferramenta legal" coa que os e as traballadoras poden "reivindicar e conquistar novos dereitos" e que un dos "principais obxectivos" do paro é o de "reivindicar salarios dignos para acceder a unha vivenda", que é "o principal factor de empobrecemento da poboación".
"Acabar coa especulación da vivenda" e poñer solucións á crise habitacional son dous dos obxectivos dunha folga xeral que tamén reclama "salarios dignos"
"Non queda outra que incrementar a presión", din os portavoces, que insisten nun paro xeral do que conseguiron o apoio fundamental do sindicalismo pero que nace da loita social na rúa. "Pertence a pobo".
Entre os sindicatos, as demandas para a folga xeral son semellantes, pero con matices. CCOO e UGT chaman a mobilizarse "por mellores salarios, por unha vivenda digna e polo control dos prezos ante unha inflación que lastra o poder adquisitivo".
"Control á deriva dos prezos"
Os sindicatos maioritarios no Estado piden "desbloquear a negociación colectiva" para "subir salarios, reducir a xornada, mellorar a saúde das persoas traballadoras e erradicar a precariedade". E tamén instan todas as administracións públicas a "impulsar políticas que acaben coa especulación da vivenda" e a que se "poña control á deriva dos prezos que lastran as rendas da clase traballadora".
Desde Galicia, a CIG sitúa a convocatoria da folga xeral nun "paso máis" na campaña que desde setembro reivindica que "a suba dos prezos a pague o capital" e pide "vivir dignamente". O sindicato nacionalista lembra que a "imparable suba dos prezos e as dificultades para acceder a unha vivenda están a empobrecer a clase traballadora e a imposibilitar unha vida digna para a maioría social".
Por iso, a CIG reclamará este 11N do Goberno de España e da Xunta un plan de choque con medidas que "garantan de xeito inmediato, entre outras cousas, a suba do Salario Mínimo Interprofesional até os 1.375 euros mensuais neste 2026, o dereito á vivenda, a intervención pública nos sectores estratéxicos, unha maior protección social e o reforzo dos servizos públicos".
A CUT, pola súa banda, asegura secundar a folga xeral pero "con matices". A Central Unitaria de Traballadores di querer enfocar o paro "contra o sistema e non só contra unha das súas consecuencias" e critica que "a indignación popular sexa utilizada polas forzas políticas para medir as súas posibilidades de ocupar asentos no parlamento".