PP, Vox e Junts derrogan os decretos de vivenda

Sánchez, nunha empresa especializada en vivenda industrializada no Grove; mobilización pola vivenda esta semana en Santiago e interencións de Feijóo, Abascal e Nogueras CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: Goberno de España / Praza.gal / PP / Vox / Congreso

Outra vez. Como a comezos de ano, o novo paquete de medidas paliativas fronte á crise de vivenda queda derrogado. Daquela, os votos de PP, Vox e Junts tombaron medidas como a extensión da moratoria xudicial a desafiuzamentos para poboación en pobreza ou a prórroga extraordinaria de contratos de alugueiro. 

Agora, os votos de PP, Vox e Junts tomban o decreto de prórrogas automáticas dos contratos de arrendamento, cuxo decaemento se daba por descontado por estar tamén o PNV no "non". Pero tamén o que contempla frear os desaloxos de persoas pobres, conter as subas dos alugueiros, gravar con máis impostos os pisos turísticos ou regular o alugueiro de temporada. O resultado da votación do decreto apoiado polo PNV foi de 178 votos en contra fronte a 172 votos a favor e ningunha abstención logo de votaren a totalidade dos 350 deputados e deputadas, mentres que a segunda votación, co voto negativo do PNV, quedou en 184 votos en contra e 166 a favor.

A ministra de Vivenda recibe aplausos das bancadas do PSOE e do Goberno, durante o pleno que abordou os decretos de vivenda, este 2 de outubro CC-BY-NC-ND Eugenia Morago / PSOE

A formación independentista catalá xustificou desequilibrar a balanza outra volta cara á dereita asegurando, a través da deputada Míriam Nogueras, que "a verdade" é que os Reais Decretos-Lei non ían "frear os desafiuzamentos" nin impedir que "os especuladores poidan seguir mercando". Pola contra, afirmou, as novas normas ían "agravar o problema" por ser resultado dunha "chantaxe ideolóxica dos extremos" e, en realidade, ían conseguir "o efecto contrario do que pretenden". Porque o resto de grupos, acusou Nogueras, están "máis interesados na campaña electoral que en solucionar os problemas".

Pedro Sánchez formula a disxuntiva entre apoiar as "elites inmobiliarias" ou á "xente corrente" e a formación catalá esgrime que as normas agora decaídas ían conseguir "o efecto contrario do que pretenden". A forzas da esquerda lamentan a caída do que consideraban un primeiro paso positivo

A votación produciuse despois de que, sen estar previsto, Pedro Sánchez tomase a palabra para "pregar" aos grupos que fosen "valentes e coherentes" e demostrasen se serven as "elites inmobiliarias" ou á "xente corrente". Porque o que abordaban os decreto, sinalou o presidente do Goberno de España, era "o desexo amplamente compartido pola cidadanía de poñer orde e humanidade nun mercado que, se non o controlamos, acabará destruíndo a nosa sociedade". 

"Pensen na xente de a pé, nas familias angustiadas porque non para de subir o prezo do alugueiro", en "poñer freo á especulación", reclamou para advertir dun risco de "dano inmenso" do que desta volta a culpa non será "nin da troika, nin dos bancos" como na gran recesión, senón dos grupos que tombaron os decretos e aos que, advertiu, "vainos xulgar a historia antes do que cren".

O debate dos decretos

Durante o propio debate a ministra de Vivenda ofreceu a Junts matizar o xa aprobado a posteriori, tramitando o Real Decreto-Lei co groso das medidas, no que xa se "incluíran as súas peticións", aínda que "non todas", como proxecto de lei para evitar que decaese. En calquera caso, advertiu Isabel Rodríguez, esta era "a hora da verdade" de decidir estar "coa xente ou cos voitres". "Do PP non espero nada, pero lamento que estean botando os seus votantes nas mans da extrema dereita", lamentou.

Neste sentido, dende o PSOE o seu voceiro, Patxi López, lamenta as "escusas inventadas" para xustificar o "non" de Junts e do resto das dereitas. Non "castigan" o Goberno, senón que "castigan á xente", censura, porque "cada voto en contra" supuxo "un aval para o beneficio duns poucos" por parte dunhas dereitas cuxa "alternativa" é "liberalizar solo, construír a prezos imposibles" e que "o mercado non regule nada máis ca os áticos de luxo".

O PP atribúe a Sánchez en exclusiva o problema da vivenda e asegura que Feijóo pode emendalo promovendo a construción "dun millón" de pisos se goberna en España

Pola banda esquerda foron múltiplas as intervencións que reprocharon ao PSOE chegaren tarde e que as medidas ficaban curtas. Pero tamén foron moitas as voces que coincidiron en sinalar o que agora decae como un primeiro paso positivo. Unha vía "para empezar a poñer solucións" e avanzar cara a un dereito á vivenda "real e efectivo", en verbas do deputado do BNG, Néstor Rego, quen explicou que o Bloque votou "si" non "por salvar o Goberno", senón para responder á xente "que quere solucións" e non "aos poderosos" ou "aos fondos voitre". A norma decaída ía protexer, exemplificou, familias en Galicia coma o medio cento en risco de desaloxo por un destes fondos nun barrio da Coruña.

Porque "o de hoxe", advertiu o ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, na defensa do segundo dos Reais Decretos-Lei, ía alén "da aritmética parlamentaria". "O de hoxe é un conflito de clase" e os votos do "non" implicaron "defender unha oligarquía internacional que está extraendo o salario das clases traballadoras" para "convertelos en dividendos". "Pódese berrar moi alto o nome de España ou de Catalunya", pero "votar que non é traizoar o seu pobo para servir a bandeira do rendismo", resaltou o ministro antes de subliñar que as formacións das dereitas "non están calibrando o que están facendo" co seu bloqueo ás normas agora derrogadas.

Manifestación polo dereito á vivenda en Vigo o pasado 28 de setembro CC-BY-NC-SA Greenpeace Galicia

O pleno e as votacións estiveron impregnadas no ruxerruxe dun posible adianto das eleccións xerais

O PP, pola súa banda, atribuíu ao Goberno de Pedro Sánchez en exclusiva o problema da vivenda e o incremento dos seus prezos en compra e alugueiro. Segundo o deputado Juan Bravo, para solucionalo cómpre "probar algo novo" sen "máis intervencionismo" que, dixo citando datos dunha compañía especializada en seguros de alugueiro -Alquiler Seguro-, xa provoca a retirada de pisos para arrendar nos últimos días. O outro eixo da intervención de Bravo foi a promesa de "seguridade xurídica" e promover a construción "dun millón de vivendas" se Feijóo chega a gobernar en España.

O pleno e as votacións, efectuadas por chamamento público -así o impulsaron na Mesa do Congreso o PSOE e mais Sumar- estiveron impregnadas dun ruxerruxe que medra. A posibilidade de que tras o decaemento dos decretos cheguen un adianto das eleccións xerais. O domingo máis próximo no que sería legalmente posible celebrar os comicios é o vindeiro 29 de novembro, toda vez que entre a convocatoria e a cita coas urnas ten que transcorrer un mínimo de 54 días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.