A presión política e social en torno á crise da vivenda, intensificada nos últimos días polo desafiuzamento dunha anciá en Madrid, levou o Goberno de España a acelerar o paso coas súas novas medidas na materia. As mesmas que aparcara por falta de apoios parlamentarios antes do verán tras decaer a principios de ano polo mesmo motivo accións temporais como a posibilidade de moratoria xudicial aos desafiuzamentos decretados para persoas en situación de pobreza que vivisen de alugueiro.
O que deu en alcumarse como decreto Maricarmen, en referencia á devandita anciá desafiuzada -que, en pleno marco de mobilizacións, logrou este pasado luns un acordo para poder volver á casa- serán finalmente dous Reais Decretos-Lei cos que o Executivo do PSOE e Sumar tenta combinar os seus propios equilibrios internos coa ausencia dunha maioría de esquerda no Congreso. O mesmo Congreso ao que pide votar o vindeiro venres -tería un prazo máximo dun mes para o facer- se o aprobado este martes segue en vigor ou queda derrogado.
A ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, admite que o "contexto social" foi o que "marcou" o "ambicioso" texto agora aprobado, que trae entre as súas consecuencias máis inmediatas a reactivación da moratoria dos desafiuzamentos para persoas en situación de pobreza que viven de alugueiro ata o 31 de decembro de 2030. Á espera da concreción no BOE, todo apunta a que a aplicación desta medida irá na mesma liña dos anteriores períodos en que estivo vixente.
O Consello de Ministros recupera a moratoria de desaloxos para poboación vulnerable, rebaixas de impostos para persoas que viven de alugueiro e préstamos para quen tenta comprar e sitúa nun texto independente a posibilidade de renovación automática de contratos
Cómpre tamén agardar pola letra miúda do Boletín Oficial do Estado para obter detalles sobre a parte do primeiro dos decretos destinada, en verbas da ministra, a "reducir o esforzo económico das familias" que viven de alugueiro. Consistirán, bosquexou, en "bonificacións fiscais" para "rendas de ata 33.000 euros" anuais e cunha "graduación" que, nalgúns casos, implicará que haxa "familias que aforren unha mensualidade" ao ano.
Avanza Rodríguez que os "incentivos" en materia de impostos atinxirán tamén a persoas propietarias que "non soben ao carro da especulación". Para "paralizar as compras especulativas", explica, o agora aprobado tamén "identifica" que empresas poden ser consideradas "fondos voitre" para "prohibirlles que sigan mercadeando", veto que segundo transcendeu chegaría ata 2028. O Ministerio liga con esta medida novas accións para perseguir a "fraude" mediante o alugueiro de temporada ou por cuartos.
O mesmo horizonte temporal de finais 2028 sería tamén o dos contratos de alugueiro que poden ser prorrogados por dous anos ao abeiro das novas normas. Estenderíanse por 24 meses se finalizan antes do 31 de decembro dese ano 2028. Unha medida máis ambiciosa, a da "renovación automática" de contratos, chegará ao Congreso nun Real Decreto-Lei específico para o que o PSOE agarda menos posibilidades de convalidación.
Os pisos turísticos pagarán IVE ao 10% e a vivenda protexida, ao 4%
Indica a titular de Vivenda que, ao tempo, o Goberno de España prevé "acompañar as familias que queren saír do mercado de alugueiro" mediante un "novo mecanismo de préstamos para acceso á primeira vivenda cun xuro ao 0%". "O Goberno vai adiantar o préstamo ás familias", indica, achegando "ata o 20% do valor da vivenda", ao que "habitualmente non dá cobertura a banca nas súas hipotecas" cun "máximo de 50.000 euros" a través do Instituto de Crédito Oficial.
Canda estas medidas centradas na poboación que vive de alugueiro ou aspira a mercar un piso, o paquete de medidas que agora ve a luz incrementa a carga impositiva sobre os pisos turísticos, que terán que tributar por IVE ao 10% -ata agora non o facían-. Mentres, a construción de vivendas de promoción pública ou outras vivendas protexidas pasará na súa totalidade ao gravame de IVE máis reducido, o do 4%.