Quen aluga pisos en Galicia? 'Rendismo popular' pero cada vez maior peso das rendas altas

Importe total das rendas inmobiliarias percibidas pola poboación galega en función do seu nivel de ingresos sobre unha imaxe aérea da cidade de Vigo © Montaxe: Praza.gal

Os caseiros son colectivo definido pola súa heteroxeneidade, pero entre o que gañan peso as persoas de maior idade e pensionistas. E, nos últimos anos, un grupo no que cada vez son máis numerosas as persoas de ingresos elevados

Hai tantos caseiros como vivendas de alugueiro. Ou case, cada un coas súas características, circunstancias económicas e nivel adquisitivo. Moitas veces tense cualificado o modelo da clase propietaria destes inmobles de rendismo popular, atendendo ao feito de que o groso das vivendas de alugueiro son propiedade de persoas -non de empresas- e de que a propiedade está moi distribuída e fragmentada, cunha porcentaxe moi pequena de propietarios múltiples.

As estatísticas públicas existentes permiten trazar o perfil dos caseiros en Galicia, colectivo definido pola súa heteroxeneidade, pero entre o que gañan peso as persoas de maior idade e pensionistas. E, nos últimos anos, un grupo no que cada vez son máis numerosas as clases altas. En contraposición, estas mesmas estatísticas amosan que o colectivo -cada vez máis numeroso- de inquilinos está formado sobre todo por traballadores e traballadoras, de rendas baixas e medias e idade moito máis nova que os seus caseiros.

As persoas físicas son maioría entre os arrendadores, pero o 11% dos beneficiarios das rendas de alugueiro son persoas xurídicas

Quen son os caseiros? O IGE tiña o pasado ano información sobre algo máis de 160 mil fianzas presentadas sobre o alugueiro doutras tantas vivendas. Na maior parte dos casos o arrendador era unha persoa física (152.176, cun número crecente de persoas falecidas que figuraban como propietarios). Con todo, no 11% dos casos os beneficiarios das rendas de alugueiro eran persoas xurídicas (18.202), na maior parte dos casos sociedades limitadas (10.675), aínda que tamén entidades públicas (3.156) ou sociedades de bens (2.799).

Mentres que o número medio de alugueiros cobrados por cada persoa física achégase a 1 (1,31), o que dá conta da realidade de rendismo popular e micropropietario que caracteriza o mercado do alugueiro en Galicia, a realidade é moi distinta nas sociedades limitadas e anónimas que exercen de caseiras: cada unha xestiona unha media de 4,5 e 6,3 fianzas, o que amosa unha concentración de propiedade moi superior.

Estes mesmos datos do IGE informan de que entre os propietarios das vivendas alugadas en Galicia hai unha ampla proporción de pensionistas (35,45%), moi superior á media de pensionistas no conxunto da sociedade. En cambio, a porcentaxe de poboación traballadora que cobra unha renda de alugueiro (50,48%) é inferior á media global e sobre todo contrasta coa porcentaxe de traballadores entre os inqulinos (77,7%).

O IGE non ofrece datos sobre o nivel de renda dos caseiros, pero esta podemos atopala na información estatística da Axencia Tributaria, que parte das declaracións de IRPF presentadas polos arrendadores das vivendas. Atopamos así que en Galicia algo máis de 200 mil persoas (207.165) declararon ingresos en 2024 por algún tipo de alugueiro inmobiliario. Nestes datos, que representan o 13,9% de todas as declaracións da renda presentadas, inclúense non só vivendas, senón tamén locais comerciais e mesmo prazas de garaxe ou trasteiros.

O 60% de todas as persoas que cobran algún tipo de alugueiro inmobiliario ten ingresos inferiores aos 30.000 euros anuais. Ademais, o 43% declara ingresos inferiores aos 21.000 euros ao ano

A información tributaria volve revelar esa realidade de rendismo popular, pois o 60% de todas as persoas que cobran algún tipo de alugueiro inmobiliario ten ingresos inferiores aos 30.000 euros anuais. Ademais, o 43% declara ingresos inferiores aos 21.000 euros ao ano. 

A realidade galega, neste aspecto, difire da que se dá no resto do Estado, pois estes mesmos datos reducen para o conxunto de España ao 50% o número de rendistas inmobiliarios con ingresos inferiores aos 30.000 euros e ao 34% a porcentaxe dos que ingresan menos de 21.000 euros.

Cada vez son máis as persoas con ingresos elevados que declaran percibir rendas inmobiliarias. En 2019 as persoas son ingresos superiores aos 60.000 euros anuais percibían o 13,2% das rendas inmobiliarias e en 2024 esta porcentaxe medrou ata o 29,2%

Porén, algo está a mudar nos últimos anos nesta cuestión. Cada vez son máis as persoas con ingresos elevados que declaran percibir rendas inmobiliarias e, sobre todo, as contías que perciben cada vez son maiores. Así, mentres que no ano 2019 as persoas con ingresos superiores aos 60.000 euros anuais percibían o 13,2% das rendas inmobiliarias totais, en 2024 esta porcentaxe medrou ata o 29,2%. 

Pola contra, as persoas con ingresos inferiores aos 21.000 euros anuais pasaron de ingresar o 41,7% do importe total dos alugueiros a facerse unicamente co 23,9%

Case a metade das persoas no treito superior de ingresos (por riba de 600.000 euros ao ano) cobran algún tipo de alugueiro inmobiliario, máis do 47%. No seguinte treito de ingresos (entre 150.000 e 600.000 euros anuais) case o 40% percibe algunha renda inmobiliaria

Chama a atención a enorme diferenza que nesta cuestión hai entre rendas altas e baixas. Case a metade das persoas no treito superior de ingresos (por riba de 600.000 euros ao ano) cobran algún tipo de alugueiro inmobiliario, máis do 47%. No seguinte treito de ingresos (entre 150.000 e 600.000 euros anuais) case o 40% percibe algunha renda inmobiliaria. En cambio, entre os treitos máis baixos, só unha parte moi pequena dos declarantes cobra algún alugueiro, con porcentaxes sempre inferiores ao 15% para as rendas por debaixo dos 30.000 euros anuais.

Ademais, se comparamos os datos de 2019 e 2024, vemos como a porcentaxe de declararantes que perciben algún tipo de renda inmobiliaria aumenta sobre todo nos treitos de ingresos altos, pasan do 42,4% ao 47,8%. Medra tamén con claridade nos dous treitos seguintes, mentres que no resto se mantén estable.

De igual xeito, os ingresos medios mensuais por arrendamentos inmobiliarios disparáronse nos últmos anos entre as rendas máis altas. Mentres que a media para o conxunto da poboación se elevou de 334 a 509 euros ao mes, para as persoas de maiores ingresos a cifra pasou de 1.529 a 2.908 euros.

Que son os inquilinos?

A porcentaxe de persoas que viven de alugueiro medra na poboación de rendas máis baixas, nos máis novos e nos que viven nas zonas urbanas

A finais do pasado ano 2025 o 16,7% dos inmobles familiares eran vivendas de alugueiro, segundo os datos do IGE na súa Enquisa Estrutural a Fogares. A porcentaxe vén medrando nos últimos anos e por exemplo duplica a proporción de persoas que vivían de alugueiro no ano 2005 (8,4%). Dende o ano 2022 a proporción de galegos que viven en vivendas de alugueiro supera (por primeira vez neste século) á de persoas que viven en fogares que pagan unha hipoteca. Na actualidade a diferenza xa rolda o punto porcentual (16,7% fronte a 15,8%).

Encamiñámonos a unha sociedade na que cada vez máis persoas viven en fogares que non son da súa propiedade e que polo tanto dependen de forma crecente da evolución dos prezos de alugueiro. É certo que a inmensa maioría dos galegos e galegas viven en casas da súa propiedade (un 61% sen hipoteca ningunha e outro 16% con hipoteca), pero a porcentaxe de persoas que viven de alugueiro medra na poboación de rendas máis baixas, nos máis novos e nos que viven nas zonas urbanas.

Así, preto 25% dos fogares con ingresos económicos baixos (por debaixo dos 1.500 euros mensuais) viven de alugueiro, segundo datos do IGE correspondentes ao ano 2024. A porcentaxe duplica á das familias con ingresos por riba dos 2.500 euros mensuais (só o 12,3% viven de alugueiro).

Esta mesma estatística do IGE amosa as grandes diferenzas existentes na tenza da vivenda principal nas cidades (o 26,3% paga alugueiro), nas vilas (faino o 14%) e nos concellos de menos de 10.000 habitantes (onde só o 6,6% paga alugueiro).

Case 200 mil persoas (195.498) pagan un alugueiro pola súa vivenda principal en Galicia, segundo os datos do IGE correspondente ao ano 2025. A cifra vén aumentando nos últimos anos, cun aumento de máis do 10% dende o 2023 (176.363). O IGE non ofece datos detallados por idade, pero si informa de que a súa idade media é de 43 anos e de que é unha poboación maioritariamente traballadora en activo (78%). Neste caso os pensionistas representan menos do 9% (8,98%).

Hai uns meses, ademais, un informe do Ministerio de Consumo revelou que a renda dos propietarios de pisos alugados duplicaba a dos inquilinos en Galicia. En concreto, a renda mediana das persoas propietarias de vivendas arrendadas en Galicia rolda os 56.000 euros, un 99% máis que a da poboación que as aluga,

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.