Feijóo promete "un millón" de pisos en catro anos tras paralizar a vivenda protexida en Galicia

Feijóo, visitando unha promoción de vivenda pública en Madrid este 15 de setembro de 2026, sobre unha imaxe da evolución da vivenda protexida en Galicia CC-BY-SA Foto: PP | Gráfico e montaxe: Praza.gal

Nos anos en que o actual líder do PP presidiu a Xunta comezaron a construírse en Galicia pouco máis de 5.000 vivendas protexidas, máis da metade no primeiro ano, con múltiplos proxectos 'herdados' do Goberno de PSdeG e BNG

O Goberno galego está a escenificar na presente lexislatura, iniciada en 2024, un cambio de rumbo na súa política de vivenda. O gabinete de Alfonso Rueda esfórzase en atribuírse, sen verbalizalo deste xeito, a fin da parálise da vivenda protexida en xeral e da vivenda pública -na que a Xunta é a promotora- en particular experimentada durante a década e media anterior, a dos gobernos presididos por Alberto Núñez Feijóo do mesmo PP. Para facelo o principal emblema é o reiterado anuncio de "4.000 vivendas públicas nesta lexislatura", todas elas xa "en marcha", sostén a Consellería con competencias na materia.

Como é sabido, mesmo no caso de que o Executivo dea cumprido os prazos e chegue a 2028, fin do mandato, con eses 4.000 pisos de promoción pública rematados, non terá superado nin de lonxe o lastre da era Feijóo. O mesmo Feijóo que agora, como aspirante a presidente do Goberno de España na súa condición de líder estatal do PP, vén de prometer un "plan para a construción dun millón de vivendas públicas nunha lexislatura".

Nin virtual reparto desa promesa polo peso poboacional de cada autonomía, dese non menos virtual millón de vivendas a Galicia (con, actualmente, algo máis do 5% de habitantes do Estado) corresponderíanlle unhas 50.000. Mesmo no cálculo máis favorable ao avaliarmos a xestión dos gobernos de Feijóo en Galicia, as vivendas protexidas impulsadas nese tempo foron apenas a décima parte.

Cando en 2015 a economía comezou a deixar atrás a gran recesión o freo da vivenda protexida en xeral e pública en particular non só non finalizou en Galicia, senón que se agudizou, mesmo con catro anos sen ningunha vivenda promovida pola Xunta con Feijóo á fronte

Como amosan os gráficos que acompañan esta información, o retorno do PP á Xunta en 2009 cadra co inicio dun fortísimo devalo na vivenda protexida en xeral e na de promoción pública en particular. A explicación non é unicamente a mudanza política, senón que nos primeiros anos está intimamente ligada á explosión da burbulla inmobiliaria e á gran recesión económica, coa consecuente contracción de crédito bancario e unha fonda crise no sector da construción. No entanto, cando a partir de 2015 o programa de compra de débeda pública por parte do Banco Central Europeo comezou a mudar o rumbo económico xeral a parálise da vivenda protexida en Galicia non só non parou, senón que se agudizou.

Traducido a números: nos doce anos completos que Alberto Núñez Feijóo ocupou a presidencia da Xunta, de 2010 a 2021 -chegou ao cargo o 17 de abril de 2009 e abandonouno o 12 de maio de 2022- en Galicia comezáronse a construír 5.199 vivendas protexidas. Máis da metade, case 3.000, fixérono no ano 2010, cando ao gabinete do PP lle tocou xestionar a herdanza dos plans do Executivo anterior, de socialistas e nacionalistas, con Teresa Táboas (BNG) á fronte da Consellería de Vivenda, quen á súa vez tamén continuara en 2005 e 2006 con varios milleiros de pisos protexidos comezados a proxectar en tempos de Fraga.

Pero é precisamente a partir de 2015, cando o panorama económico permitiu aos Gobernos recuperar certo vigor construtivo, cando a parálise foi maior en Galicia. Dáse ademais a circunstancia de que as estatísticas do Ministerio de Vivenda permiten observar con maior detalle para eses anos -concretamente, dende 2014- o impacto da iniciativa pública no mercado da vivenda, desagregando dentro do total da vivenda protexida iniciada cal foi de promoción pública.

O actual Goberno galego asegura estar en condicións de cumprir a promesa de finalizar a lexislatura con 4.000 pisos públicos novos mentres o rexistro de demandantes supera as 36.000 inscricións

Segundo acredita esa fonte estatística oficial, dende 2014 e ata o derradeiro ano completo con Feijóo na presidencia, o 2021, as vivendas de promoción pública iniciadas en Galicia foron apenas 153. En catro daqueles exercicios (2015, 2018, 2019 e 2021) o contador quedou a cero, en 2016 foi iniciado un único piso de promoción pública   en 2017 foran dous.

Cambio de tendencia e demanda disparada

En comparación con eses datos dos tempos de Feijóo, as 654 vivendas protexidas que, segundo os mesmos datos do Ministerio (procesados en termos idénticos polo Instituto Galego de Estatística), comezaron a construírse en Galicia entre 2024 e 2025 supoñen un notable cambio de tendencia, pero lonxe das políticas de décadas anteriores. Para 2026 a información oficial reflicte só o acontecido nos tres primeiros meses do ano, con 36 vivendas protexidas iniciadas, todas elas de promoción privada.

Tanto a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, como o propio presidente Rueda reiteran que as cifras de vivendas públicas iniciadas e rematadas acabarán a lexislatura correspondéndose coas prometidas 4.000 novas vivendas. Eses reiterados anuncios están a estimular moi notablemente a demanda de vivenda protexida nun contexto xeral de suba de prezos tanto de alugueiro como de compra no mercado sen protección, co Rexistro de Demandantes batendo sucesivos récords ata superar actualmente as 36.000 inscricións, case un 60% máis que hai un ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.