Hai unha década, despois de que o programa de compra de débeda pública do Banco Central Europeo permitise comezar a deixar atrás a gran recesión, a Xunta na altura presidida por Alberto Núñez Feijóo dera en anunciar un xiro social. Tras perder o PP importantes cotas de poder nas eleccións municipais de 2015, as da emerxencia das mareas, o Goberno galego lanzara promesas como axudas para paliar os efectos dos desafiuzamentos ou un maior control sobre as vivendas que seguían nas mans dos bancos -procedentes do rescate das caixas ou dos propios desaloxos, por exemplo-, mentres capas da poboación procuraban teito.
Praza.gal obtén ao abeiro da Lei de Transparencia os datos do rexistro de vivendas baleiras propiedade de entidades financeiras que a Xunta evitou entregar ao Parlamento
Foi así como a Xunta lanzou o seu censo de vivendas baleiras para "coñecer a situación real das vivendas baleiras propiedade das entidades financeiras". Existía unha "acumulación de vivendas en mans das entidades de crédito" sobre a que cumpría "dispor dunha información fiable", xustificou no decreto que o regulou, que converteu en obrigatorio para os bancos de todas as súas vivendas baleiras en concellos de máis de 10.000 habitantes.
Como informou Praza.gal, a pasada primavera a Xunta negouse a dar ao Parlamento os datos deste censo xustificando que a normativa que o regula non obriga a publicalos. Este diario reclamounos ao abeiro da Lei de Transparencia e vén de obtelos: segundo a información manexada pola Xunta a xuño de 2026, os bancos e outas entidades financeiras conservan no noso país 4.081 vivendas baleiras en 130 concellos.
Os datos logrados por Praza.gal e agora liberados amosan que o Goberno galego dispón de información mesmo alén da estritamente requirida polo censo, toda vez que os concellos que superan os 10.000 habitantes son poucos máis de medio cento. Como mostra o mapa sobre estas liñas, o municipio con máis destas vivendas baleiras nas mans da banca é a cidade da Coruña, con 307. Séguena Vigo, con 227 e Narón, con 209. Tamén superan as 150 os concellos de Lalín, Cee, O Porriño e Ferrol.
A Coruña é o concello con máis pisos baleiros propiedade da banca, segundo os datos manexados polo Goberno galego, con máis de 300. A Sareb, o 'banco malo', é a entidade que máis vivendas baleiras ten inscritas neste rexistro
Nun contexto no que, en resposta ao requirimento de Praza.gal, o Instituto Galego da Vivenda e Solo especifica que "estes datos están en fase de revisión", xa que o organismo dependente da Consellería de Vivenda "requiriu ás entidades a súa actualización a data real", a foto fixa das cifras obtidas permite tirar máis conclusións, alén da distribución por concellos. Entre elas, que un número moi relevante desta vivendas estarían en disposición de saír ao mercado de alugueiro accesible baixo control estatal.
A razón desta posibilidade é que a entidade financeira con máis pisos e casas inscritas no rexistro de vivendas baleiras da Xunta é a Sareb, isto é, o banco malo constituído en plena crise financeira para quedar cos activos inmobiliarios tóxicos das caixas de aforro rescatadas -entre eles, uns 5.000 millóns en propiedades de Novacaixagalicia-. Son algo máis de 2.000 pisos que, en virtude das últimas reformas promovidas polo Goberno de España, estarían en condicións de integrárense na Entidade Estatal de Vivenda Casa 47, creada polo Executivo para centralizar a súa política de vivenda pública. Nos últimos anos, ademais, a Xunta mercou algunhas das vivendas da Sareb.
Como reflicte o gráfico interactivo sobre estas liñas, a Sareb é a gran protagonista das vivendas baleiras inscritas nos concellos con maior concentración destes pisos, con máis dun cento na Coruña e Vigo e tamén en vilas como Cee, Narón, Ares, Ribeira ou Lalín, sempre segundo os datos do censo da Xunta obtidos por Praza.gal. Por tras do banco malo son tamén significativas as cifras do Banco Santander, con 600 vivendas inscritas ao seu propio nome e case 200 máis a través das súas filiais Luri 6 e Altamira -esta última é a súa antiga inmobiliaria e segue manexando partes relevantes da súa carteira, malia non ser xa propiedade súa-.
Fronte a estes nomes principais e outros de fondos de investimento como Global Pantelaria resulta significativa, en comparación, a escasa cifra de vivendas baleiras inscritas no rexistro por Abanca, quer ao nome de Abanca Corporación Bancaria, cun total de 24, ou da súa división inmobiliaria, que ten inscritas 49 no censo. A razón é que o groso dos activos inmobiliarios tóxicos -por exemplo, promocións inmobiliarias fracasadas tras o estoupido da burbulla ou procedentes de hipotecas impagadas- das antigas Caixa Galicia e Caixanova xa non estaban na entidade resultante da súa fusión e rescate, Novagalicia Banco, cando foi adxudicada ao venezolano Banesco, poxa da que naceu Abanca.
A situación nas principais cidades
No que atinxe ás principais cidades, foco da pregunta que a Xunta se negou a responder ao Parlamento, as vivendas baleiras propiedade de entidades financeiras inscritas no rexistro oficial son algo menos dun milleiro. Son 909 das que máis da metade están entre Vigo e A Coruña, en ambos casos coa Sareb e o Banco de Santander como principais propietarias.
Alén das dúas cidades máis poboadas, Ferrol é a terceira entre as sete principais urbes con máis pisos baleiros nas mans dos bancos. A suma é de 160, segundo o censo da Xunta.
A maior distancia están as cifras de Lugo, con 69. En Ourense e Pontevedra tamén superan o medio cento, e en ningunha das dúas a Sareb é a principal propietaria: na capital ourensá é o a inmobiliaria Altamira e na cidade do Lérez, o Banco de Santander. Santiago pecha o rexistro entre as cidades, con só 23 pisos baleiros propiedade de entidades financeiras.