As vivendas baleiras dos bancos nas cidades: a Xunta non contempla dar os datos ao Parlamento

Mapa dos concellos de máis de 10.000 habitantes e os seus datos de vivendas baleiras, sobre unha imaxe da cidade de Vigo CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Goberno galego resístese a divulgar os datos de pisos baleiros nas mans da banca que recompila por decreto dende hai unha década 

No ano 2015 o programa de compra de débeda pública aprobado polo Banco Central Europeo converteuse nun fito para comezar a deixar atrás os anos da gran recesión. Aquel colapso económico xeral, no caso español, tivo entre as súas múltiplas vertentes o estoupido da burbulla crediticia e inmobiliaria e a consecuente crise de vivenda, coas cifras de desafiuzamentos disparadas nun fenómeno máis profundo que chega aos nosos días.

Na Galicia de hai unha década estes acontecementos chegaron marcados pola quebra e rescate das antigas grandes caixas de aforro. E, no político, pola emerxencia das mareas municipais, formacións que contribuíran a situar no primeiro plano do debate público a cuestión da vivenda vinculada, precisamente, ao papel da banca

Edificios de vivendas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

Con este pano de fondo e entre temores do PP á erosión electoral, a Xunta na altura dirixida por Alberto Núñez Feijóo anunciara un xiro social.  Incluíra, entre outras, promesas de axudas para paliar os efectos dos desaloxos ou máis control sobre as vivendas que seguían baleiras e nas mans dos bancos mentres capas da poboación procuraban teito. Foi neste punto no que lanzou un censo de vivendas baleiras chamado a "coñecer a situación real das vivendas baleiras propiedade das entidades financeiras". Unha década despois, ese censo segue existindo -cando menos, sobre o papel-, pero o Goberno galego resístese a divulgar os seus datos mesmo ao Parlamento.

A norma obriga os bancos e as súas filiais á inscrición de todas as vivendas baleiras no censo, voluntario para o resto de propietarios

O censo de vivendas baleiras foi regulado por un decreto que continúa en vigor. Recoñecía unha "acumulación de vivendas en mans das entidades de crédito" sobre a que cumpría "dispor dunha información fiable" referente aos concellos de "máis de 10.000 habitantes". É dicir, nas principais cidades e vilas, un total de 56 concellos segundo os datos do padrón a 1 de xaneiro de 2025.

Tratábase de saber cantos deses pisos estaban "en situación de ser habitadas" para "de ser o caso, incentivar a incorporación ao mercado inmobiliario" nos concellos con máis demanda de vivenda. Máis aínda nuns anos nos que as novas promocións de vivenda protexida en xeral e pública en particular minguaran ata case desaparecer.

En virtude desa norma, pasou a ser obrigatorio inscribir no censo "todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en concellos de máis de 10.000 habitantes" -segundo as cifras oficiais de cada ano- "sempre que sexan propiedade de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria, con independencia de onde estea o domicilio social dos seus titulares". O resto de vivendas baleiras poden inscribirse no censo se as persoas propietarias o desexan, pero non é obrigatorio.

A norma non obriga, pero non prohibe

A Xunta responde ao PSdeG que o decreto que regula o censo "non establece a publicación" dos datos "por ningún medio" para evitar achegalos ao Parlamento

Transcorridos xa dez anos dende a aprobación do censo, o pasado abril o PSdeG dirixiu unha pregunta escrita ao Goberno galego a través do Parlamento resaltando que "non existe unha publicación transparente, sistemática e accesible dos datos que se obteñen a través deste censo nin se coñece a súa distribución territorial". "Esta falta de información pública impide avaliar a eficacia das políticas desenvolvidas", consideran os socialistas, que preguntan á Xunta se "ten previsto remitir ao Parlamento un informe anual completo sobre os resultados do censo de vivendas baleiras e as medidas adoptadas para a súa mobilización".

A Consellería de Vivenda respondeu á pregunta nos primeiros días de xuño ratificando que non ten intención de revelar os datos. Xustifícao sinalando que o decreto que creou o censo sinala que a súa finalidade é "proporcionar ao órgano competente en materia de vivenda", é dicir, neste momento á propia Consellería e aos entes que dependen dela, "información axeitada sobre o estado de ocupación do parque residencial galego" para "facilitar a planificación das políticas públicas de vivenda".

A conselleira e o secretario xeral de Vivenda, María Martínez e Heriberto García, na xunta de accionistas da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, o pasado 5 de xuño CC-BY-SA Xunta

"Non se establece en ningún artigo a publicación do censo por ningún medio nin a elaboración dun informe anual cos datos recollidos", agrega o Goberno para pechar a porta a divulgar os datos. Que o decreto non obrigue a esa publicación non implica que estea prohibida; a divulgación dos datos depende unicamente da vontade política da Xunta. Se fose favorable, permitiría saber cantos pisos baleiros están aínda nas mans da banca nas principais cidades e, ao tempo, coñecer o impacto de medidas como a compra de vivendas ao banco malo ou o seu traspaso á nova sociedade estatal Casa 47, entre outras.

Concellos con máis de 200.000 vivendas sen habitar

Os datos máis recentes sobre vivendas baleiras proceden do censo do INE en 2021. Baséanse no consumo eléctrico e ofrecen unha panorámica xeral, pero sen detalles sobre o estado dos pisos ou a súa dispoñibilidade

Dada a negativa da Xunta a divulgar os datos reais do que dispón, as únicas cifras oficiais sobre o número de vivendas baleiras no país seguen sendo as derivadas do Censo actualizado polo INE en 2021. Daquela, a través da análise de datos do consumo eléctrico, a oficina estatística estatal concluíra que en Galicia o número de vivendas baleiras roldaba o medio millón. Unha parte delas, previsiblemente pequena -dadas características xerais do parque inmobiliario, como a súa antigüidade-, corresponderíase cos controlados polas entidades financeiras.

Algo máis de 231.000 desas vivendas baleiras situábanse en concellos que na actualidade -segundo o padrón municipal de 2025- superan os dez mil habitantes e están atinxidos, polo tanto, polo censo de vivendas baleiras da Xunta. Non obstante, os datos do INE teñen múltiplas limitacións, dende o estado das vivendas ata a súa dispoñibilidade ou titularidade. Obstáculos que, precisamente, estaban chamados a superarse con instrumentos coma o censo da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.