O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, presentou un plan de medidas correctoras centrado, sobre todo, na mobilización da vivenda baleira para que pase a estar dispoñible para ser habitada
O Concello de Santiago quere reducir o número de inmobles baleiros na cidade. Este venres o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, presentou un plan de medidas correctoras centrado, sobre todo, na mobilización da vivenda baleira para que pase a estar dispoñible para ser habitada.
Entre as medidas presentadas destaca o incremento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ata o máximo legal para as vivendas que estean baleiras. O Concello de Santiago traballa para introducir na súa ordenanza fiscal reguladora do IBI as modificacións necesarias para regular este recargo fiscal.
Segundo os últimos datos publicados polo INE, en Santiago habería unhas 6.198 vivendas baleiras e o 23,2% do parque residencial estaría infrautilizado. O Censo de 2021 realizou un cálculo a partir do consumo eléctrico de cada inmoble, uns datos que amosan que é sobre todo no centro das cidades onde a porcentaxe de casas e pisos non habitados de forma habitual chega ao seu máximo, acadando mesmo o 40% nalgúns barrios urbanos galegos.
En Santiago hai unhas 6.198 vivendas baleiras e ata o 23,2% do parque residencial estaría infrautilizado
O Goberno local aposta por "establecer un marco de cooperación entre o Concello e o IGVS" para reforzar e ampliar o papel do censo de vivendas baleiras autonómico. Tamén aposta por participar no programa autonómico de mobilización de vivendas en alugueiro, explicou Lestegás en rolda de prensa.
Ademais, no que ten que ver coa fiscalidade, modificarase a ordenanza fiscal para introducir bonificacións no imposto de construción, instalacións e obras (ICIO) para actuacións de rehabilitación de edificios catalogados de uso residencial. O Goberno local tamén modificará as ordenanzas fiscais municipais para introducir bonificacións no IBI e no ICIO para vivendas de promoción pública, vivendas de protección autonómica e cooperativas de vivenda en cesión de uso.
O Goberno local propón tamén bonificacións fiscais para actuacións de rehabilitación de edificios catalogados de uso residencial e para vivendas de promoción pública, vivendas de protección autonómica e cooperativas de vivenda en cesión de uso
O plan de medidas tamén promove a ampliación da oferta de vivenda protexida (de diferentes tipos), pois “a construción de obra nova non é a única forma de facelo”, xa que tamén se pode actuar a través da rehabilitación. Neste senso, o propio Concello iniciará un programa de rehabilitación integral de inmobles de titularidade municipal e a primeira actuación será a rehabilitación de cinco edificios en estado de ruína situados na rúa de Caramoniña e cualificados como equipamento público asistencial.
Outra das medidas é a incorporación de reservas de vivenda protexida no centro urbano, que ten como exemplo a recente aprobación inicial da modificación puntual do PXOM no ámbito do antigo colexio Peleteiro (PERI-12) para priorizar o uso residencial e incorporar unha reserva importante de vivenda protexida no corazón do Ensanche compostelán.
O plan inclúe a mobilización de solo para vivenda protexida: cesión de parcelas á Xunta, constitución de dereitos de superficie sobre solo de titularidade municipal ou alleamento de solo de titularidade municipal
Finalmente, Lestegás explicou que o plan inclúe a mobilización de solo para vivenda protexida: cesión de parcelas á Xunta, constitución de dereitos de superficie sobre solo de titularidade municipal ou alleamento de solo de titularidade municipal, entre outras. Tamén indicou que o Concello está a implementar varias medidas administrativas co obxectivo de reducir o prazo medio de tramitación de licenzas de obra (como a supresión de avais nas licenzas de obra con orzamentos inferiores a 100.000 euros o a simplificación da tramitación das licenzas de obras de mellora da envolvente das edificacións existentes).
Lestegás anunciou a convocatoria da segunda xuntanza da mesa sectorial de vivenda para o xoves 22 de maio, ás 12 horas, no Pazo de Raxoi. Nesa reunión explicarase o plan de medidas correctoras.