O Concello compostelán publica a lista de pisos turísticos que teñen autorización municipal: son só 64 mentres o rexistro turístico da Xunta inclúe 750 na cidade
A mediados do pasado ano o Concello de Santiago culminou a normativa orientada a frear a expansión dos pisos turísticos na cidade. Ao contrario do reclamado polos propietarios destes negocios, esa fase final da reforma non incluíu un indulto que permitise a todos ou algúns deles seguir funcionando se ficaran fóra das regulamentacións previas, as que prohibiron esta actividade económica no casco histórico (2018) e a limitaron no resto da cidade, mediante unha reforma urbanística, a baixos que legalmente poidan ser vivendas ou primeiros andares (2023).
Ese, xunto coa autorización de alugar para uso turístico un piso ata 60 días por ano se o resto do tempo é vivenda habitual, é o marco no que pode funcionar o sector na capital galega. Os pisos turísticos só poden operar con licenza municipal e só poden acceder a ela se cumpren estas normas. No entanto, o Rexistro de empresas e actividades turísticas da Xunta segue mantendo moitos máis na cidade malia á esixencia do Concello de retirar os alleos á norma municipal. Nesa situación están, cando menos, 686 a marzo de 2025.
O goberno compostelán (BNG e CA) vén de publicar por primeira vez no seu portal de transparencia unha lista dos pisos turísticos "que dispoñen do título habilitante municipal de natureza urbanística", isto é, que teñen licenza. E son só 64 os que dispoñen do documento que "como confirmaron os tribunais a través de numerosas sentenzas, é imprescindible para desenvolver legalmente a actividade de alugueiro turístico de inmobles", salientan. Pero no rexistro da Xunta constan 750 na cidade.
Ningún dos pisos con licenza están na cidade histórica, onde están prohibidos sen excepción. O rexistro galego segue incluíndo varios nesa contorna
O Concello santiagués actualizará mensualmente, agora en diante, esa relación de pisos turísticos con licenza. Ningún deles, evidencian, "está situado no ámbito do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica" porque estes negocios están prohibidos en calquera caso nesa zona. No entanto, o rexistro da Xunta segue incluíndo pisos turísticos no centro histórico de Santiago, así como noutros puntos da cidade onde, atendendo á normativa urbanística en vigor no municipio, non poden operar.
Os propietarios destes negocios sen licenza que continúan dados de alta no rexistro da Xunta esgrimen esa inscrición, así coma o pago de diversos tributos, entre os seus argumentos para seguiren abertos. Mentres, o Concello sinala a normativa do propio Goberno galego, un decreto do ano 2017, para reclamar a retirada do rexistro de todos os pisos turísticos que non cumpran os requisitos fixados polo Concello.
Atendendo a ese decreto, ao inscribírense no rexistro da Xunta, as persoas e empresas propietarias de pisos turísticos non quedan exentas "de obter as autorizacións, permisos, licenzas e/ou informes que establezan as distintas normativas sectoriais e municipais". No caso de que os negocios non teñan "a documentación preceptiva" ou incumpran "os requisitos que resulten de aplicación", o Goberno galego obrigouse a "determinar a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade" e "acordar a baixa da vivenda de uso turístico" no rexistro.
O goberno local reitera a reclamación de retirada do rexistro de todos os que non teñen permiso municipal, como marca a normativa da propia Xunta
"O rexistro creou un espellismo de legalidade e a Xunta está incumprindo o seu propio decreto malia aos sucesivos requirimentos do Concello", lamentaba o pasado ano en declaracións a Praza.gal o concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás. Outros concellos que nos últimos meses veñen avanzando tamén en limitacións máis severas aos pisos turísticos, caso da Coruña, tamén veñen reclamando ao Goberno galego a baixa de vivendas turísticas que non se axusten aos criterios municipais, polo momento sen éxito.
O concello coruñés, precisamente, vai asentar a súa regulamentación dos pisos turísticos nunha ordenanza que deixa aberta a porta á declaración de zonas saturadas destes negocios, co obxectivo de impedira a súa apertura en distritos con con máis de 0,5 por cada 100 habitantes. Actualmente, as sete principais cidades de Galicia teñen cando menos un distrito por riba dese limiar nun contexto no que dispoñen de máis de 4 pisos turísticos por cada vivenda dispoñible para alugueiro estable.