Sorpresa e aprobación. O Grupo Municipal Socialista de Santiago decidiu non acatar a orde de abstención ditada pola dirección local do partido e mantívose no voto a prol na aprobación inicial da ordenanza coa que o goberno municipal de BNG e Compostela Aberta aspira a completar a regulamentación e limitación de pisos turísticos impulsada no anterior mandato, precisamente, durante o período de goberno do PSdeG. Os 6 votos socialistas uníronse así aos 8 do goberno (6 do Bloque e 2 de CA) e o texto foi aprobado malia ao "non" dos 11 do PP.
A ordenanza de BNG e CA desenvolve a reforma urbanística do anterior mandato sen o 'indulto' a centos de pisos turísticos que reclamaban os seus propietarios
A clave política da ordenanza que o gabinete de Goretti Sanmartín someteu ao ditame do pleno este 24 de xuño, non son tanto as directrices que inclúe para os pisos turísticos, senón as que decidiu non incluír. Como avanzaran a alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo na súa presentación e reiterou Iago Lestegás no propio pleno, a norma non inseriu unha vía para indultar os centos de pisos turísticos aos que a reforma urbanística de 2023 excluíu da posibilidade de obteren licenza municipal e, polo tanto, de funcionaren legalmente con independencia de que estean ou non anotados no rexistro turístico da Xunta.
Estes pisos turísticos fóra da vixente redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) son, por exemplo, os que operan na zona histórica -onde están prohibidos en todo caso- ou os que o fan fóra dela pero non están en baixos que legalmente poden ser vivendas ou en primeiros andares. Os seus propietarios, que se manifestaron ante o Pazo de Raxoi durante o pleno, reclamaban que eses "usos preexistentes" fosen legalizados para continuaren coa súa actividade económica, pero a ordenanza que chegou a pleno este luns non o contempla.
A norma que sae adiante grazas ao desmarque do Grupo Socialista a respecto da directriz orgánica limítase a regular e fixar como debe comunicarse que un piso que é vivenda habitual a maior parte do tempo (un mínimo de 183 días anuais) poida funcionar como piso turístico ata 60 días ao ano. Trátase dunha excepción contemplada na reforma de 2023 que agora é desenvolvida
Crise no PSdeG local
A dirección local do PSdeG argumentou nos últimos días que esta regulamentación podería ser aprobada por outra vía administrativa, sen que cumprise unha ordenanza. Ademais de reprochar á alcaldesa que, na oposición, o Bloque abrira a porta á legalización que agora rexeita. Todo, cun pano de fondo de abertas diverxencias internas na agrupación local do partido que estouparon de vez no pleno a través da intervención da súa voceira, Mercedes Rosón, que como concelleira de Urbanismo liderou no pasado mandato as limitacións a estes negocios.
Xa tras a presentación da ordenanza por parte do goberno, o grupo municipal dera a entender a través da propia Rosón que o seu voto sería favorable. Votarían "si" para seren "consecuentes" co aprobado no anterior mandato, con independencia de que continuasen "traballando" á procura de "solucións" para os usos preexistentes, indicara.
Mercedes Rosón reivindica o "si" por seren "leais e consecuentes": "Por propinar unha derrota a este goberno o PSOE votaría en contra do seu propio proxecto". Pouco despois, a dirección local do partido iniciou un expediente contra os edís
"Ser leais e consecuentes" foi tamén o argumento central exposto por Rosón no pleno deste luns. Visiblemente emocionada, a concelleira argumentou que "absternos porque non nos gustan as formas" tería "o mesmo resultado que votar en contra", dado que decaería un texto que "aínda sendo un trámite adminitrativo, é en esencaia unha medida socialista". "Por propinar unha derrota a este goberno, o PSOE votaría en contra do seu propio proxecto", tras rexeitar caer no "tacticismo" que, ao seu xuízo, empregou o BNG no mandato anterior.
Así, e "sendo plenamente conscientes das consecuencias" -o secretario local da formación, Aitor Bouza, advertiunos con medidas disciplinarias se non acataban a orde de abstérense-, Rosón sinala que os edís do PSdeG optaron por seren "leais coa cidade, leais cos veciños" e tamén "co que defende o Partido Socialista en España e en Galicia". "Fomos valentes no pasado mandato cando impulsamos unha regulación que ía xerar polémica" no sector dos pisos turísticos "e volvemos ser valentes por compromiso e lealdade" con este voto afirmativo, concluíu. Pouco despois da fin do pleno, a Executiva local do PSdeG anunciou o inicio dun expediente contra os 6 edís.