A decisión política de non indultar os pisos turísticos que quedaron fóra da reforma urbanística do pasado mandato e a aposta por frear a expansión de negocios unicamente orientados ao turismo, caso das tendas de recordos ou consignas automáticas, situaron nas últimas semanas o goberno local de Santiago en xeral e o seu edil de urbanismo en particular no centro da actualidade. Arquitecto de profesión e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico, Iago Lestegás (BNG) subliña que o goberno encabezado por Goretti Sanmartín pretende, apoiado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente e noutras normas como a lei galega do solo ou a lei estatal de vivenda, "garantir que a utilización do solo se fai en congruencia coa utilidade pública e a función social da propiedade" para lograr obxectivos como un maior acceso á vivenda ou que a zona histórica da capital galega non fique reducida a un monocultivo turístico.
Vén de entrar en vigor a suspensión de licenzas comerciais no casco histórico, agás excepcións coma tendas de roupa ou de alimentación. É unha medida en todo caso transitoria, segundo o marcado na lei galega, e xa indicaron que a regulamentación definitiva chegará tras un estudo do tecido comercial da cidade. Que marxe legal teñen para evitar que proliferen as tendas de recordos e potenciar o comercio tradicional?
"É compatible coas directivas de libre comercio establecer límites razoables para protexer a habitabilidade no centro da cidade"
Esta é unha suspensión cautelar, durante un máximo dun ano ou en todo caso ata que se aprobe inicialmente a modificación do Plan Especial [da Cidade Histórica]. O que busca é que durante o período de estudo non se agrave a situación problemática. No que traballamos é en reordenar os usos: no Plan Xeral de Ordenación Municipal temos unha serie de tipos de establecementos dentro do uso comercial con varios parámetros, un deles son os produtos que se comercializan. Podemos traspoñer esas categorías ao Plan Especial ou facer outras que compatibles co PXOM. E con elas, definir en que zonas se poden situar centros comercios e outras, non. Sempre dentro da potestade urbanística. De feito, hai unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre unha cidade holandesa, Appingedam, que di que se poden establecer limitacións razoables en iniciativas comerciais para protexer a habitabilidade no centro da cidade. É compatible coas directivas de libre comercio establecer límites razoables ao comercio con ese obxectivo ou outros como evitar a proliferación de baixos baleiros. Podemos ordenar os usos e agora estamos estudando de que forma facelo para garantir que na cidade histórica haxa comercio que atenda as necesidades da poboación residente.
Gobernos anteriores, por exemplo no anterior período de Sánchez Bugallo, xa puñan o o foco xa nisto e engadían que era practicamente imposible limitar as tendas de souvenirs, que posiblemente son a parte máis visible deste fenómeno, máis alá de que non gusten ou que politicamente haxa unha posición contraria ao respecto…
Hai marxe e de feito, no mandato anterior aprobouse unha modificación do PXOM que incorporou eses tipos de establecementos, os B2, que son as tendas de carácter turístico, as que comercian exclusivamente produtos orientados ao turismo, dende unha tenda de souvenirs ata as consignas automáticas. E hai outras categorías distintas que son os comercios de proximidade ou os mercados. Con esas categorías, co planeamento pódese definir onde se poden implantar. Trátase de garantir a diversidade de usos comerciais, non de excluír. Sen comercio de proximidade non hai residentes e viceversa; se queremos que haxa xente vivindo na cidade histórica ten que haber un comercio de proximidade suficientemente denso e diverso.
Para que haxa residentes, obviamente ten que haber vivenda. Dende o goberno local poñen o acento en facilitar o acceso tamén na cidade histórica. Ata que punto esta pode ser unha política de medio ou longo prazo, que tenta reverter un proceso de décadas, e ademais precisa de apoio da Xunta? Que pode facer o Concello para, alén da intención política ou de facilitar que se poida, por exemplo, mercar o pan na zona histórica, mellorar ese acceso á vivenda?
"Esperamos que as máis de 800 vivendas turísticas que non se axustan ao planeamento se incorporen ao mercado residencial. Se os propietarios din que necesitan os ingresos non tería sentido deixalas baleiras"
Todas as accións que iniciamos neste primeiro ano de goberno van na mesma liña: avanzar cara a un uso máis eficiente do parque residencial que xa existe. Temos unhas 56.000 vivendas, de acordo co censo do INE de 2021, e unha poboación real de acordo co IGE dunhas 115.000 persoas. Non é un mal ratio, unhas dúas persoas por vivenda. Pero ese parque residencial que existe non está usado de forma eficiente. Esperamos que esas accións dean froitos ao longo do mandato, pero moitas son a medio prazo porque un problema tan estrutural coma o da vivenda non se resolve con medidas curtopracistas nin o pode resolver unha única administración, cómpre colaboración e nesas estamos.
Por unha banda, a través do planeamento urbanístico traballamos para que as vivendas sexan vivendas e non outra cousa: de acordo co Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), máis de 800 vivendas están utilizadas no mercado turístico e as que non se axustan ao planeamento teñen que abandonar ese uso e esperamos que se incorporen ao residencial, non tería sentido deixalas baleiras, máis aínda se moitos propietarios din que necesitan eses ingresos, non sería coherente. Outra liña de actuación é o rexistro de soares, no que de momento só inscribimos catro edificios pero cando chegamos non había ningún: está contemplada na lei do solo e permite mobilizar edificios baleiros e abandonados. No prazo dun ano sácanse a poxa pública co compromiso de rehabilitalos e se queda desertas, pode adquirilos o Concello. E tamén exploramos outras vías xa non só urbanísticas, tamén fiscais. E ademais estamos traballando na creación da empresa municipal de vivenda, que queremos que teña como obxectivo fundamental rehabilitar o patrimonio edificado para vivenda pública. Isto do comercio é complementario con todo o demais.
A respecto das medidas sobre os pisos turísticos, veñen de decidir que non haberá o indulto que reclamaba o sector. Que pasa cos pisos turísticos 100% ilegais, os que non están no REAT nin encaixaban no PXOM nin antes nin agora? Que está facendo o Concello e que pode facer para, por exemplo, inspeccionar eses negocios?
O REAT non é relevante a efectos urbanísticos; os que non teñen título habilitante están fóra da legalidade. Válenos como orientación para saber o que está funcionando, pero a efectos urbanísticos, non.
Manexan unha estimación do total? Falouse nalgún momento de en torno a un milleiro de pisos turísticos irregulares e no REAT constan uns 800…
"O decreto da Xunta di que Turismo de Galicia dará de baixa os establecementos que incumpran, pero non o están facendo agás casos moi contados. Crean un espellismo de legalidade e incumpren o seu propio decreto"
Poderían chegar a mil, de acordo cos datos das plataformas. A efectos do Concello a inscrición do REAT non é relevante, porque o propio decreto 12/2017 da Xunta di no seu artigo 42 que a habilitación autonómica non exime da obriga de obter autorizacións, permisos ou licenzas que sexan esixibles. E o artigo 41, que non se poderá utilizar a vivenda para uso turístico se está prohibido polo réxime de usos do sector onde se localice. E o 44, que a Axencia de Turismo de Galicia dará de baixa os establecementos que incumpran, pero non o están facendo agás casos moi contados. O caso máis obvio é que manteñen inscritos uns 250 aloxamentos turísticos na cidade histórica, onde non están permitidos. O REAT creou un espellismo de legalidade e a Xunta está incumprindo o seu propio decreto malia aos sucesivos requirimentos do Concello.
Como valoran as críticas que lles fai a oposición, fundamentalmente o PP, que apunta a que haberá unha barra libre de pisos turísticos no resto da cidade, onde se permite esa ventá de 60 días anuais para dar ese uso ás vivendas? [Posteriormente á realización desta entrevista, a dirección local do PSdeG decidiu que os seus edís se absteñan na votación desta ordenanza]
Non vai haber barra libre. O que facemos con esta ordenanza é permitir a supervisión do Concello, desenvolvendo o artigo 107 do PXOM que se aprobou no mandato anterior. O planeamento urbanístico ten que ter estabilidade para ter efectos; ese artigo abre esa posibilidade dun máximo de 60 días en vivendas que son residencia dunha persoa física. Cónstame que se fixo para dar marxe dentro da economía colaborativa e seguindo as indicacións da Comisión Europea nese eido; tamén para encaixar unha figura moi específica de Santiago de Compostela, que son os contratos por curso para estudantes universitarios. E tamén valería para unha persoa que marche de vacacións un mes e, pola razón que sexa, quere recuperar unha parte do que lle custa o alugueiro, sobre todo nun contexto no que están cada vez máis caros. Limitámonos a desenvolver ese artigo e a regular a forma de comunicalo e os requisitos técnicos, como ser compatible cos estatutos das comunidades de veciños; teñen que facer unha comunicación previa dentro do ano natural, indicar as datas e proporcionar a ligazón do anuncio. Non é unha barra libre, porque está suficientemente acoutado xeográfica, temporal e administrativamente.
Ten o concello persoal dabondo para ese labor de inspección e control? Por exemplo, para controlar que eses 60 días non son máis ou que non continúa funcionando un piso turístico sen licenza?
Temos o persoal que temos, moito menos do que a min me gustaría. E ademais, coa taxa de reposición é moi difícil incorporar xente. Agora mesmo imos incorporar un técnico para o servizo de licenzas e disciplina, que é moi necesario. Pero é certo que todo isto se suma a moitas outras tarefas. Temos a decisión de facer todo o que poidamos cos recursos que temos da maneira máis eficiente posible; é obxectivo deste goberno que as vivendas que están no mercado turístico sen autorización municipal e sen cumprir o planeamento urbanístico se incorporen ao mercado residencial.
A alcaldesa sinalaba no seu balance do primeiro ano que aspira a que un dos emblemas do mandato sexa a transformación do eixo que vai da Praza de Galicia a San Caetano. Están pendentes dun concurso público, pero cal é a orientación política do proxecto?
A orientación política é non actuar unicamente no ámbito da mobilidade. Cando se falaba dese eixo sempre se puña o foco na mobilidade, que loxicamente é fundamental na conexión norte-sur da cidade. Pero ademais diso está a cuestión de que tipo de espazo público queremos: cómpre resolver os problemas de mobilidade dun conector moi conxestionado, pero tamén que sexa exemplo dos espazos públicos que queremos facer no século XXI: máis agradable, con pavimentos de calidade e máis permeables e permitan un mantemento máis doado, con máis árbores, máis verdes, con mobiliario urbano máis cómodo e inclusivo, espazos máis seguros para todas as persoas independentemente da súa condicións… Ao final, cidades para o cambio climático. Ese eixo é un espazo de oportunidade para crear un espazo público de calidade e o concurso pode ser moi interesante, porque pode atraer profesionais de ámbitos moi diferentes.