En Santiago xa está en vigor, tras a súa publicación no DOG, a suspensión cautelar de licenzas de negocios ligados ao turismo no casco antigo decidida polo goberno local. A medida, abeirada na lei do solo de Galicia, pode durar ata un ano ou, en todo caso, ata que o Concello culmine a reforma da normativa urbanística que rexe a cidade histórica, o Plan Especial, coa que o goberno de BNG e Compostela Aberta se propuxo "fomentar" o "comercio de proximidade".
A medida do gabinete que encabeza Goretti Sanmartín recibiu críticas do PP local. Tamén da entidade Compostela Monumental, na que están asociadas diversas empresas que operan no casco histórico -afirman manter uns 200 asociados-, cun peso destacable no seu organigrama precisamente dos negocios turísticos. Pero vén de atopar apoio nuns 40 comercios da contorna.
A través dun comunicado conxunto estes corenta negocios subliñan que, como "parte do comercio da zona vella", decidiron "expresar o noso apoio a medidas que vaian a favor de regular a convivencia e a actividade económica". "É urxente redireccionarnos cara a un modelo de cidade que protexa o comercio de calidade, de proximidade e útil para a cidadanía" e que tamén "constrúa comunidade", indican.
"É urxente redireccionarnos cara a un modelo de cidade que protexa o comercio de calidade, de proximidade e útil para a cidadanía", din os responsables destes negocios nun comunicado conxunto
Neste sentido, agregan, "queremos visibilizar as distintas sensibilidades dentro do comercio da zona vella compostelá" e tamén "ofrecer a nosa participación activa cara a ese outro modelo". Trátase, consideran, de que "poidamos sobrevivir nun ecosistema variado de comercios, a presenza de veciñanza e a recepción de visitantes", todo "dun xeito equilibrado e beneficioso para todas as partes".
Entre os negocios asinantes figuran comercios dedicados ao téxtil, á xoiaría, ao sector da óptica ou á alimentación. Tamén negocios de artesanía ou librarías. Algúns deles son empresas con poucos anos de percorrido, pero outros acumulan décadas de funcionamento.
Abstención do PSdeG na ordenanza de pisos turísticos
Esta posición pública dos devanditos comerciantes da zona histórica compostelá chega na xornada seguinte á decisión do PSdeG local a respecto da ordenanza coa que o goberno de BNG e CA completa a regulación dos pisos turísticos iniciada o pasado mandato, co alcalde socialista Bugallo á fronte. A dirección socialista compostelá, segundo adiantou a Cadena SER e puido confirmar Praza.gal, determinou que o seu grupo municipal opte pola abstención, polo que a norma non sairía adiante.
A abstención socialista provocará que a ordenanza non saia adiante, o que non impedirá que sigan vixentes as limitacións urbanísticas aos pisos turísticos aprobadas no pasado mandato
Esta ordenanza non varía a reforma urbanística do pasado mandato no referido á prohibición de ter licenza e, polo tanto, de operar a pisos turísticos que non se axusten ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -só os permite fóra da cidade histórica e en baixos que legalmente poidan ser vivendas ou primeiros andares, entre outras limitacións-. Pero si concreta, por exemplo, o xeito en que poden ofrecerse como aloxamento turístico durante 60 días ao ano as vivendas que o resto do tempo teñen uso residencial. En días previos, o Grupo Municipal Socialista dera a entender que votaría favorablemente para seren "consecuentes" co aprobado en 2023.
O principal punto de discrepancia cos socialistas -que veñen subliñando nas últimas semanas que o Bloque se abstivo naqueloutra reforma de 2023- e co sector económico dos pisos turísticos reside, fundamentalmente, na decisión política do goberno local de non artellar unha vía para legalizar os pisos turísticos que estaban funcionando cando entrou en vigor a reforma do PXOM, os chamados "usos preexistentes", segundo xustificou este venres en rolda de prensa o seu secretario local, Aitor Bouza. Fronte a máis de 800 destes negocios inscritos no rexistro turístico da Xunta, só 24 cumpren a norma urbanística, salienta o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.