Menos negocios turísticos para "protexer e fomentar o comercio de proximidade. É o obxectivo que fixa o goberno local de Santiago mediante unha modificación da normativa urbanística que vén de lanzar e que comeza, no primeiro aniversario do gabinete de BNG e CA que encabeza Goretti Sanmartín, cunha suspensión de ata un ano dos permisos para abrir novas tendas de souvenirs e similares dentro da zona histórica da capital galega.
Apoiándose no precepto da lei do solo de Galicia que permite suspender a concesión de novas licenzas ou a aceptación de comunicacións previas mentres se "estuda a formulación, revisión ou modificación" dos plans urbanísticos, o Concello santiagués disponse a modificar o Plan Especial da Cidade Histórica. Faino "coa idea de fomentar os usos e actividades que dan servizo ao conxunto da poboación" e non só ao turismo, sinala a alcaldesa.
No marco dunha comparecencia pública de todo o goberno para facer balance dos primeiros doce meses de mandato, Sanmartín explica que neste ano estudarán "os eixos comerciais da cidade histórica" e como contribuír por esta vía a facela máis "habitable". Neste sentido, agrega o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, a suspensión atinxe tamén á conversión de baixos comerciais en vivendas na zona histórica ou á tranformación en restaurantes, pubs ou discotecas locais que agora funcionan como comercios.
A suspensión de permisos para abrir negocios turísticos "non se aplica ao comercio de proximidade" e será aplicada mentres o Concello compostelán reforma o Plan Especial da Cidade Histórica para fomentar os usos e actividades que dan servizo ao conxunto da poboación" e non só ao turismo, destaca a alcaldesa
Durante este proceso de revisión da norma, agrega Lestegás, a suspensión "non se aplica ao comercio de proximidade". Así, por exemplo, poderán continuar solicitándose e concedéndose licenzas e tramitándose comunicacións previas para, por exemplo, abrir tendas de alimentación ou os comercios que a normativa en vigor considera "de interese sociocultural". Tamén poderán comezar a funcionar oficinas "que non sexan turísticas", pero non iniciar a súa actividade, por exemplo, negocios de visitas guiadas ou locais con armarios para gardar equipaxes onde antes había unha tenda. A referencia da Xunta de Goberno Local deste mesmo luns detalla -páxinas 15 e 16- as actividades atinxidas pola suspensión e as súas excepcións.
Trátase, indican dende o Concello compostelán, de dar aire ao comercio tradicional como unha vía máis para "fixar poboación" na zona histórica e minguar o monocultivo turístico. A medida chega pouco despois de que o gabinete de Sanmartín presentase a ordenanza que completa o proceso para limitar a proliferación de pisos turísticos descartando a concesión dun 'indulto' aos centos destas vivendas que ficaron fóra da normativa aprobada no remate do anterior mandato.
A rexedora compostelá liga esta decisión a respecto dos negocios turísticos con outras coma os plans para dar "un pulo especial aos usos residenciais" no centro da cidade. Tamén cun "cambio de modelo" turístico que inclúa a implantación dunha taxa turística.
Sanmartín advirte de que se Rueda non a recibe "nas próximas semanas" o Concello remitirá á Xunta os novos estudos que xustifican a implantación dunha taxa turística, "un clamor social" na cidade
Neste sentido, Sanmartín advirte de que continúan "agardando a poder ter unha reunión" co presidente da Xunta, para presentarlle o seu proxecto de "imposto por estadías". No caso de que Alfonso Rueda non a reciba "nas próximas semanas", remitirán ao Goberno galego "os novos estudos" que o Concello xa manexa e que "indican cal sería o procedemento para regular" unha taxa cuxa implantación, coida, é "un clamor social" na cidade.
Medidas coma estas foron abertamente aplaudidas no acto por María Rozas, tenente da alcaldía e voceira de Compostela Aberta. "Non queremos un parque temático", senón "unha boa cidade para vivir, que srá tamén unha mellor cidade para visitar", resume Rozas, que se amosa "inmensamente orgullosa de formar parte dun goberno que dá pasos adiante" neste eido.