A Xunta da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC) non está de acordo coa descentralización do grao acordado polos tres reitores das universidades públicas galegas e aprobado xa polo Consello de Docencia Clínica —con presenza da Xunta— ou a UDC.
A Xunta de Medicina da USC di que o acordo é "inapropiado" e que precisa dunha revisión "substancial" para recibir o seu aval
Así o manifestou a xunta logo da reunión mantida este luns nun comunicado no que considera que o acordo, "na súa redacción e formulación actuais", non é "apropiado". Por iso, piden unha revisión "substancial" para que poida obter o seu visto e prace.
No comunicado, a xunta da facultade considera que "a excepcionalidade" do modelo proposto "pode crear un precedente grave que erosione a cohesión e a planificación do sistema universitario galego, fomentando modelos ad hoc, negociados á marxe de criterios académicos e científicos, con efectos regresivos para o conxunto da universidade pública en Galicia".
Aínda que din ter unha disposición "máxima" a "negociar, colaborar e propoñer" melloras, deixan claro que hai puntos que poñen en risco a formación médica en Galicia. Así, piden definir o termo "unidade docente descentralizada" e concretar as competencias "sempre baixo a organización académica actual da USC". Tamén que se avalía o impacto asistencial, investigador, docente e económico da iniciativa, ademais do que terá sobre a mobilidade e equidade do estudantado.
Tamén reclaman unha memoria económica e de infraestruturas que detalle os custos das medidas e as fontes de financiamento de agora e no futuro, así como as cifras do persoal necesario para levar a cabo a descentralización. Ademais, critican o calendario proposto por "prematuro" e "non factible".
Por iso, propoñen un modelo que suporía finalizar a descentralización no curso 2030-31, tres anos máis tarde do previsto no pacto, o que aseguraría, entre outras cousas, "que ningún estudante matriculado na actualidade teña que ser descentralizado".
Medicina pide adiar a descentralización dous anos, négase a que haxa unidades docentes á marxe da USC e pide que se impida que estas poidan "derivar en futuras solicitudes" de grao
A xunta rexeita tamén a adscrición do profesorado ás unidades docentes, porque que a metade do profesorado dea clases nas novas unidades sen vinculación coa USC e´"inédito" e pon en perigo "a coherencia académica e o control de calidade". Ante esta situación, exixen que todas as unidades descentralizadas estean baixo a autoridade académica directa da súa facultade, que non haxa descentralización "forzada" de ningún alumno que non o pida e que se inclúa representación estudantil na comisión de seguimento.
En canto á hipotética futura creación de novas facultades de Medicina, o grao de Santiago é claro: "Galicia non necesita máis facultades, senón reforzar a estrutura que xa funciona". Por iso, reclaman que se inclúa unha cláusula no acordo que impida que as unidades descentralizadas poidan "derivar en futuras solicitudes". Mesmo reclaman eliminar a frase que fai alusión a "novas propostas de descentralización" antes de que finalice o convenio.
Neste ambiente e contexto, o Consello de Goberno da USC, que ten prevista reunión para este venres, ten que dar o visto e prace a un acordo dos tres reitores e a Xunta que xa foi apoiado pola UDC e ten previsto avalar a Universidade de Vigo.