"Errar é de seres humanos": Rueda lamenta a demora do PP en facer aínda máis flexible a moratoria do eucalipto

Rueda no Consello da Xunta deste luns 24 de novembro de 2025 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente defende os postos de traballo da fábrica de Ence en Pontevedra: "faremos o que estea nas nosas mans"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu este luns o "erro" cometido a semana pasada polo grupo parlamentario do PP ao non rexistrar en prazo unha emenda para facer aínda máis flexible a moratoria do eucalipto que o Goberno galego quere estender ata finais de 2030. Os populares chegaron a presentar no Parlamento dous documentos con emendas á modificación legal impulsada pola Xunta, un en prazo e outro fóra de prazo, pero os dous sen a emenda con que o Goberno galego quería corrixir a última hora a súa propia iniciativa.

Imaxes de arquivo de manifestacións en contra e a favor de Ence CC-BY-SA APDR / ENCE

"Pois si, foi un erro, ás veces cométense, errar é propio de seres humanos", admitiu este luns Rueda, quen dixo que a Xunta e o grupo do PP aínda non teñen clara a solución. "As regras de emendas son as que son", di o líder popular, que insiste en que a moratoria do eucalipto poida ser aínda máis flexible "canto antes, pero dentro duns cauces, non imos facer saltar os procedementos ou a normativa".

Situación de Ence

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns Rueda tamén foi preguntado pola pertinencia de seguir plantando eucalipto ante as dificultades de Ence, que admitiu perdas no último ano como xustificación para despedir 39 persoas da súa fábrica de Pontevedra. 

"Os que se opoñen á existencia de eucalipto en Galicia son os mesmos que están pedindo que peche a fábrica de Ence, que se vexan afectados os postos de traballo", dixo o presidente, que sen identificar esas persoas ou colectivos asegurou que "estarían encantados de que pechasen as fábricas sen que lles importen en absoluto as familias que delas dependen". 

Plantación de eucalipto en Galicia © Asociación Forestal de Galicia

E ante a situación de conflitividade laboral en Ence, Rueda ofreceu a axuda da Xunta. "Faremos o que estea na nosa man", dixo, para defender calquera industria asentada en Galicia que cumpra coa normativa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.