O TSXG avala que a desaparecida Impulsa Galicia non publique o pacto da Xunta con Altri

Faixa nunha manifestación contra Altri ás portas da Xunta en xuño de 2024 CC-BY-SA Praza.gal

O tribunal rexeita un recurso da CIG co argumento de que malia ser impulsada e liderada polo Goberno galego a empresa non superaba o 50% de participación pública

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo pública este mércores unha sentenza que desestima unha petición da CIG para que Impulsa Galicia, empresa creada e liderada pola Xunta, fixese público o pacto que asinou en outubro de 2021 con Altri para a súa instalación en Galicia. O tribunal xustifica que a lexislación galega só considera pública unha empresa, e polo tanto sometida á normativa de transparencia, se a participación pública ou os dereitos de voto públicos superan o 50%, o que ao seu ver non sucede neste caso. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A sentenza do TSXG admite que "o caso presentaba serias dúbidas de dereito" e que "aínda que a Xunta de Galicia non acada o control que esixe [a lei galega], a súa posición en Impulsa Galicia atópase moi próxima a el" o que "facía razoable" que a CIG pedise un pronunciamento do tribunal. Unha CIG que, pola súa banda, pedira o documento a Impulsa Galicia, non á Xunta.

A sentenza avala o argumento que vén esgrimindo o Goberno galego para manter oculto o pacto e o propio funcionamento de Impulsa Galicia, empresa xa disolta hai un ano, ante peticións reiteradas de maior transparencia por parte  do Consello de Contas ou de BNG e PSdeG no Parlamento. Praza.gal tamén vén formulando desde hai anos varias solicitudes de acceso ao documento á propia Xunta a través da Lei de Transparencia, a última tras asegurar o presidente Rueda en marzo que el coñeceu o acordo a través de "representantes da Xunta". Unha petición de transparencia tamén denegada co argumento de que Rueda non o coñeceu "no exercicio das súas competencias", pero sen que se aclarase en calidade de que o coñeceu.

O conselleiro delegado de Altri e o daquela conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo, e resposta da Xunta sinalando que o memorando de entendemento para a chegada da empresa a Galicia foi un "negocio xurídico privado" CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Previamente a Xunta chegara a responder oficialmente que "descoñece" o pacto e que o daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde, asinara o acordo como parte dun "negocio xurídico privado" e non como conselleiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.