BNG e PSdeG pedirán unha investigación parlamentaria sobre o acordo secreto coa empresa e Rueda deixa ver que o PP a impedirá coa súa maioría absoluta
O pasado xuño a Consellería de Economía e Industria asegurou, en resposta a unha petición de transparencia de Praza.gal sobre o acordo para a chegada de Altri a Galicia, que fora asinado en 2021 polo daquela conselleiro Francisco Conde pero non como conselleiro senón como presidente da empresa Impulsa Galicia, na que o capital público era do 48%. Asinárao, dicía a consellería, representando a Impulsa Galicia "nun negocio xurídico privado, e non na súa condición de cargo público", por iso a Xunta consideraba que a Lei de Transparencia non afectaba ao pacto.
A consellería chegou a dicir oficialmente hai unhas semanas que "descoñece" o acordo entre dúas empresas privadas. Pero este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu que el mesmo coñeceu o contido do pacto "polos representantes da Xunta" en Impulsa Galicia e que era o seu "deber" nun "tema de interese xeral". Fíxoo ao tempo que deixou ver que o PP rexeitará, coa súa maioría absoluta, a comisión de investigación sobre Altri que queren pedir BNG e PSdeG no Parlamento de Galicia.
Segundo a resposta oficial dada pola Consellería de Economía e Industria o pasado xuño ante a petición de transparencia de Praza.gal, "o documento esta asinado por unha persoa" -en referencia ao ex-conselleiro Francisco Conde- "que actúa na súa condición de titular dun órgano dunha sociedade mercantil privada, representando a esta nun negocio xurídico privado, e non na súa condición de cargo público (titular dunha Consellería) en nome e representación da administración autonómica".
Tras esa reposta, a Comisión da Transparencia de Galicia comunicou hai unhas semanas a Praza.gal que ademais Economía e Industria descoñece o acordo. "O documento, como indica a Consellería no seu informe, non está publicado e é descoñecido para ela, que se compadece co feito de que non o posúe no exercicio das súas funcións", reflectiu a Comisión da Transparencia.
Ante esta situación este luns Praza.gal preguntou a Rueda en calidade de que coñeceu el o acordo, como admitiu a semana pasada, se ese pacto foi asinado entre dúas empresas privadas. "Porque había representantes da Xunta de Galicia e polo tanto os asuntos que considero importantes e que afectan a un tema de interese xeral como o que está detrás de todo isto loxicamente o meu deber é coñecelo polos representantes que había alí en Impulsa Galicia", foi a resposta do presidente.
A pasada semana Presidencia da Xunta desentendeuse da afirmación de Rueda de que coñece o pacto con Altri e remitiu o asunto novamente á Consellería de Economía e Industria
Esa afirmación de Rueda de que o acordo afecta ao interese xeral e o coñeceu como presidente a través dos representantes da Xunta en Impulsa Galicia chega despois de que a pasada semana o seu gabinete se desentendese dunha nova petición de transparencia de Praza.gal formulada directamente á Presidencia da Xunta. A petición ía dirixida expresamente á información ao respecto que obre en poder da Presidencia, que agora Rueda di que era o seu "deber" coñecer. Pero Presidencia, sen motivar a súa decisión, desviou a petición de transparencia novamente á Consellería de Economía e Industria.
Comisión de investigación
Rueda tamén se pronunciou este luns sobre a petición de BNG e PSdeG de que se constitúa unha comisión de investigación sobre Altri e o acordo secreto coa Xunta no Parlamento. O PSdeG pediu en xaneiro publicamente esa investigación, pero non ten os escanos suficientes nin para poder pedilo formalmente no Parlamento. O BNG, que xa ten en tramitación un recurso xudicial para tentar obter o documento, si ten escanos suficientes para que a cuestión sexa tomada en consideración na Cámara, pero a maioría absoluta do PP pode impedir a súa creación. Porque a oposición xa gastou a única posibilidade que ten en cada lexislatura de impoñer unha investigación parlamentaria malia o voto en contra do grupo maioritario, como fixo coa comisión creada sobre os contratos do Sergas e o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Neste contexto, este luns Rueda lembrou esa bala de prata xa gastada pola oposición, que "agora propón unha nova comisión", facendo ver que o PP non está disposto a facilitar a investigación. "O BNG ten que aclararse consigo mesmo antes de pedir explicacións a ninguén", dixo Rueda, que criticou que os nacionalistas queiran que o procedemento administrativo sobre Altri continúe para que a Xunta invalide formalmente o proxecto en lugar de arquivar a petición da empresa.