Presidencia da Xunta desenténdese da afirmación de Rueda de que "coñece" o pacto secreto con Altri

Resposta oficial da Xunta a unha petición de transparencia sobre o acordo con Altri como documento "en poder" da Presidencia logo de admitir Rueda que o coñece CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Unha petición oficial de transparencia formulada ao gabinete do presidente logo de admitir que coñece o acordo é desviada a Industria, que previamente respondera á Valedora do Pobo que esa documentación "é descoñecida"

Tras arquivar o proxecto de Altri, o pasado luns 23 de febreiro o presidente da Xunta asegurou coñecer o contido do pacto secreto asinado coa empresa en outubro de 2021 para a súa chegada a Galicia, que o Goberno galego se vén negando a revelar. Ante esa afirmación, Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia á Presidencia da Xunta para acceder á información que obre en poder dese departamento. A resposta dada polo gabinete de Rueda, asinada apenas dúas horas despois de recibir a solicitude formal e sen motivación algunha, foi desentenderse dela e remitila á Consellería de Industria, que previamente xa negara coñecer ese documento ante a Comisión da Transparencia de Galicia.

Solicitude formal de transparencia formulada por Praza.gal e resposta oficial da Presidencia da Xunta sobre unha recreación da fábrica de Altri CC-BY-SA Imaxe: Greenfiber | Montaxe: Praza Pública

A Lei de Transparencia establece que "se entende por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obren en poder [das administracións] e que fosen elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións". Porén, a Xunta vén esquivando a aplicación dese artigo en sucesivas peticións de transparencia formuladas por Praza.gal a respecto do pacto con Altri. 

Na primeira petición de Transparencia formulada por Praza.gal a Xunta dixo que o conselleiro de Economía asinara o pacto con Altri como "negocio xurídico privado", e na segunda solicitude que a Consellería "descoñece" o documento

En febreiro do pasado ano, cando todo apuntaba a que o primeiro ditame ambiental da Xunta sobre o proxecto de Altri sería inminente -a declaración de impacto ambiental favorable para a factoría acabou sendo asinada o 5 de marzo-, Praza.gal solicitou á Consellería de Economía e Industria acceder ao acordo coa empresa. A consellería obviou a petición e só contestou cando interveu a Comisión da Transparencia de Galicia, dependente da Valedora do Pobo, tras un recurso deste xornal. 

Na súa resposta a consellería inadmitiu a petición de Praza.gal co argumento de que o acordo non fora asinado pola Xunta senón por unha empresa privada, Impulsa Galicia, creada pola Xunta para apoiar proxectos como o de Altri pero na que o capital público era do 48%. Ao non chegar ao 50%, a Xunta consideraba esa empresa privada e polo tanto á marxe da Lei de Transparencia, malia que o Consello de Contas insistiu de xeito reiterado e tamén sen éxito en que as características de Impulsa Galicia debían sometela a unha maior fiscalización pública.

Praza.gal recorreu esa inadmisión ante a Comisión da Transparencia salientando que o documento fora asinado polo daquela titular de Economía, Francisco Conde, presidente de Impulsa Galicia precisamente por ser conselleiro. A resposta que deu a Xunta a esa alegación foi que Conde non asinara o acordo como conselleiro senón como parte dun "negocio xurídico privado".

O conselleiro delegado de Altri e o daquela conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo, e resposta da Xunta sinalando que o memorando de entendemento para a chegada da empresa a Galicia foi un "negocio xurídico privado" CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Tras esa resposta, Praza.gal formulou unha segunda petición de transparencia a Economía e Industria poñendo agora o foco non en quen ou como asinara o documento senón en que obraba "en poder" da Xunta, como contempla a Lei de Transparencia, "no exercicio das súas funcións" de control da súa propia participación en empresas. A resposta da Xunta, ao límite do prazo legal, obviou o fincapé da petición de Praza.gal no feito de que o documento estivese en poder da administración no exercicio das súas funcións e limitouse a reiterar os argumentos denegatorios da petición previa, isto é, que fora asinado por Impulsa Galicia, unha empresa privada.

Este diario recorreu novamente esa resposta ante a Comisión da Transparencia incidindo no elemento xurídico de que o documento sexa público porque estea "en poder" da administración. Pero a resposta que deu Economía e Industria á Comisión da Transparencia, segundo reflectiu esta, foi que a información solicitada era "descoñecida" para a consellería e polo tanto non podía facilitala.

Fragmentos da resolución da Comisión de Transparencia que recollen o argumento da Xunta segundo o cal "descoñece" o contido do pacto con Altri © Praza.gal

Tras esa alegación do pasado xaneiro de que Economía e Industria "descoñece" o pacto asinado por quen en 2021 era conselleiro e como tal presidente de Impulsa Galicia, o pasado luns 23 de febreiro o presidente Rueda dixo que el si coñecía o acordo con Altri e que non contempla "ningún tipo de compensación" para a empresa. Ante esa afirmación, Praza.gal formulou unha terceira petición formal de transparencia, pero desta volta xa non á Consellería de Economía e Industria que dicía descoñecer o documento senón á Presidencia da Xunta. 

Na petición expuxéronse os antecedentes das dúas solicitudes de transparencia previas e fíxose fincapé en que se pide o pacto con Altri como documento coñecido polo presidente. Un presidente da Xunta que non tivo ningún cargo en Impulsa Galicia e polo tanto só puido coñecer o documento como presidente da Xunta, non como membro dunha empresa privada.

A terceira petición de transparencia formulada por Praza.gal fai fincapé no coñecemento do documento por Rueda como presidente, pero Presidencia desvíaa a Economía e Industria sen motivar a súa decisión

Pero a resposta de Presidencia da Xunta, asinada apenas dúas horas despois de que Praza.gal rexistrase a súa petición e sen incluír nela ningunha motivación ou argumentación da decisión, foi remitir a solicitude á Consellería de Economía e Industria. Faino deturpando e simplificando o texto da petición de Praza.gal, obviando que a petición expresa é á Presidencia da Xunta e remitíndoa a un departamento que xa dixo que non coñece o documento solicitado. O gabinete de Rueda desenténdese así da afirmación do presidente de que coñece o pacto con Altri e deixa en mans de Economía e Industria explicar como o puido coñecer se a consellería o di descoñecer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.