O secretario xeral do PSdeG ve "sospeitoso" que a Consellería de Industria asegurase descoñecer o documento que o presidente "confirma que coñece" e urxe a aclarar "que intereses está a protexer"
"Se recoñece que o coñece, non hai ningunha razón para manter a opacidade". O secretario xeral do PSdeG esixe que o presidente da Xunta "compareza para facer público" o acordo secreto rubricado pola Xunta con Altri a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia tras admitir o pasado luns, en respostas aos xornalistas, que coñece o mesmo documento que o Goberno galego se resiste a amosar e que a Consellería de Industria asegurou descoñecer.
No marco do procedemento de arquivo do proxecto da compañía portuguesa para instalar en Palas de Rei unha fábrica de celulosa e de fibras téxtiles a partir deste produto -por carecer de conexión na planificación eléctrica do Estado-, véñense multiplicando as reclamacións para que a Xunta revele o contido íntegro do acordo. E a xuízo de José Ramón Gómez Besteiro, debe ser o presidente quen o detalle no Parlamento.
Tras "confirmar que coñece ese memorando", coida Besteiro, urxe aclarar "que intereses está a protexer", que "hai compromisos adquiridos que impliquen fondos públicos" -Rueda afirma que non- e, en todo caso, o contido exacto do asinado. Neste sentido, o líder socialista ve "sospeitoso" que a Consellería de Industria alegase -en resposta a unha petición de Praza.gal ao abeiro da Lei de Transparencia que "descoñece" o contido do pacto e, "ao mesmo tempo, o presidente admita que o coñece, pero se negue a facelo público.
[A Xunta alega que "descoñece" o contido do pacto secreto con Altri que asinou un conselleiro ]
Besteiro ratifica que "se non sae á luz, o PSdeG acudirá á vía xudicial", na que o BNG tamén tenta obter a documentación tras as sucesivas negativas do Goberno no Parlamento
Estamos, lamenta Besteiro, "ante un presidente opaco" ante un "acordo canalizado" cunha "estrutura paralela para comprometer recursos sen dar conta ao Parlamento. Neste sentido, advirte, "se o pacto non sae á luz, o PSdeG acudirá á vía xudicial para esclarecer o contido dos acordos e as posibles responsabilidades derivadas". Na vía xudicial, precisamente, está xa a petición ao respecto formulada polo BNG, que ante varias negativas da Xunta a achegarlle o documento, interpuxo un recurso no Tribunal Superior que xa foi admitido a trámite.
"Ou hai transparencia inmediata ou haberá consecuencias. Galicia non pode quedar á mercé de acordos ocultos nin de decisións tomadas á porta pechada", subliña o secretario xeral do PSdeG nun contexto no que, adicionalmente, urxe a "paralización definitiva do proxecto da macrocelulosa" xa que "arquivar non é resolver". Deixalo "latente", advirte, é tanto como "abrir a porta a que poida reactivarse nun futuro escenario político distinto e prolongar unha incerteza que Galicia non merece".