Finalmente, Altri non

Faixa nunha manifestación contra Altri ás portas da Xunta en xuño de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

A conselleira de Industria confirma o arquivo do expediente da compañía portuguesa que prevía instalarse en Palas de Rei da man da Xunta ao ficar fóra a súa conexión da planificación eléctrica do Estado ata 2030

Finalmente, Altri non. O proxecto da compañía portuguesa Altri para, da man da Xunta a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia e da galega Greenalia, instalar en Palas de Rei unha fábrica de celulosa e de fibras téxtiles a partir deste produto queda, a efectos prácticos, arrombado de vez.

Case media década despois de botar a andar mediante un pacto cuxo contido segue sendo secreto e cando xa transcorreu un ano dende que o Goberno galego lle outorgase o seu primeiro permiso ambiental, a propia Xunta ratifica que se vén de ver abocada a arquivar o o expediente. A clave para facelo, indica a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, é que a subestación que daría servizo á factoría ficou fóra da planificación das redes eléctricas do Goberno de España ata 2030 e, polo tanto, tamén a posibilidade de lograren un posterior permiso de conexión para unha futura liña de alta tensión. 

Fragmento da declaración de impacto ambiental ditada pola Xunta para Altri, sobre unha recreación da factoría divulgada pola empresa CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Iniciamos xa o arquivo deste expediente" e "vimos de comunicar que o prazo que dá a lei son tres meses para que xustifique a conexión que presentara no proxecto e se non, procederase inmediatamente ao arquivo formal do expediente de Altri", resumiu Lorenzana este venres en declaracións á prensa durante unha visita a unha empresa madeireira en Lugo. "O arquivo e a caducidade -resume- vai vinculada a esa falta de conexión", que si obtiveron outros proxectos industriais como plantas de hidróxeno verde, hidroeléctricas ou Stellantis en Vigo.

Un ano despois da primeira luz verde ambiental do Goberno galego, "a parte industrial estaba incompleta sen esa conexión"

Evidencia a conselleira que, tras a luz verde ambiental do ano pasado, "a parte industrial estaba incompleta sen esa conexión" eléctrica e "polo tanto, estaba nas mans da empresa e do Ministerio para a Transición Ecolóxica o enchufe da compañía". Altri ten agora ese trimestre para formular alegacións nas que, "se non logra xustificar a conexión", chega "un arquivo automático" que, evidencia Lorenzana, vai ser o que suceda.

Neste contexto e preguntada por unha eventual recuperación futura do proxecto, a conselleira de Industria remítese á posición da empresa ao respecto, se ben matiza: "Estamos falando dunha planificación que ata 2030 non vai haber unha nova". "Polo tanto -agrega- é largo de fiar".

Sen fondos europeos, fronte a unha ampla mobilización

Manifestación contra o proxecto de Altri ás portas da Xunta en 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

A exclusión da planificación eléctrica estatal non foi o único revés nos plans do denominado Proxecto Gama. Entre as condicións que Altri expuxera para realizar o seu investimento, que cifrara nuns 1.000 millóns de euros, figuraba tamén a obtención duns 250 millóns en axudas públicas. Entre eles, fondos europeos de recuperación encamiñados á descarbonización industrial, o PERTE de descarbonización, 30 millóns de euros aos que optou sabendo que incumpría os prazos, motivo de exclusión que se engadiu ao feito de prever o uso de combustibles fósiles na fábrica. 

O berro de "Altri non" ecoou dende o local ata o xeral. Dende pequenas accións divulgativas e de protesta ata grandes manifestacións

Eses peches de portas eléctricas e financeiras foron chegando mentres a compañía tentaba por varias vías frear a ampla mobilización social e política na súa contra, clave neste proceso. Xermolada en torno á Plataforma Ulloa Viva, nas comarcas directamente afectadas, estendeuse nestes anos por Galicia de xeitos diversos. 

O berro de "Altri non" ecou dende o local ata o xeral. Dende pequenas accións divulgativas e de protesta ata grandes manifestacións, como a do pasado decembro en Santiago, as desenvolvidas tamén en Compostela en decembro e xuño de 2024, o histórico clamor en Palas naquel mesmo ano ou a simbólica marcha por terra e mar, o pasado ano na Pobra do Caramiñal, que uniu o rexeitamento ao proxecto no interior e na ría de Arousa, polo seu impacto nas augas do río Ulla.

Manifestación contra Altri na Praza da Feira de Palas de Rei © Ecoloxistas en Acción

Nunha primeira reacción "con toda a cautela", Ulloa Viva acolle o anuncio do arquivo con "gran ledicia". Chega, din, "logo do traballo e da. implicación de milleiros de veciñas e veciños e de todo o pobo galego". "Se fomos quen de chegar a este punto foi grazas á forza do traballo colectivo, á forza de todo un pobo que quere un futuro na súa terra", afirman.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.