Besteiro celebra que o "triple non razoado" do Goberno de España frease a "operación política" de Altri

Besteiro, nunha manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal en 2025 CC-BY-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG celebrou este venres o arquivo do proxecto de Altri constatado pola Xunta como unha "vitoria para Galicia" fronte a un "proxecto que o noso país nin quería nin necesitaba". E que ten a súa orixe, aplaude José Ramón Gómez Besteiro, nun "triplo non razoado" por parte do Goberno de España.

"Se dan marcha atrás é porque as negativas do Goberno socialista lle puxeron freo a este proxecto por non cumprir os estándares económicos, sociais nin medioambientais", sinala Besteiro en referencia ao feito de que Altri non puidese acceder aos fondos europeos de descarbonización e tampouco ás "axudas extraordinarias, por non ser un proxecto innovador tecnolóxica nin medioambientalmente". E finalmente, tampouco "entrar na planificación eléctrica" que si inclúe outras industrias en Galicia.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, este venres en conferencia de prensa para valorar o arquivo do proxecto de Altri CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG coida que agora cómpre aínda máis "transparencia inmediata" sobre o pacto secreto da Xunta coa compañía para aclarar "se aos galegos e galegas lles vai custar cartos esta aposta falida"

Todos estes elementos, di, eran os que apuntaba a dirección do PSdeG cando "defendemos que tiña que cumprir parámetros económicos, sociais e medioambientais". E foi tras esa "análise", mantén, cando concluíron que Galicia "non merecía" a instalación desta factoría en Palas de Rei.

"Foi o Goberno socialista quen paralizou" o que o líder do PSdeG sintetiza como "o proxecto industrial de Alfonso Rueda", unha "operación política" sobre a que agora, advirte, cómpre aínda máis "transparencia inmediata", a comezar por revelar" que compromisos concretos adquiriu" a Xunta "no pacto secreto" con Altri. É necesario aclarar, incide, "que incentivos, que garantías se chegou a ofrecer" e nese sentido, "se aos galegos e galegas lles vai custar cartos esta aposta falida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.