O plan da compañía portuguesa Altri para, da man da galega Greenalia, instalar en Palas de Rei unha fábrica de celulosa e de fibras téxtiles a partir deste produto, está arrodeado de crecentes síntomas de incerteza. Case media década despois de aterrar en Galicia da man da Xunta, a exclusión da súa factoría dos plans eléctricos do Estado por non ser un proxecto asentado e mais de varias asignacións de fondos europeos fan medrar unhas dúbidas que mesmo evidencia o propio Goberno galego case un ano despois de outorgarlle o seu primeiro permiso ambiental.
As incertezas medran en torno ao proxecto de Altri en Palas mentres unha permanece dende o inicio: o contido exacto do acordo da Xunta coa compañía a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia
Estas incertezas van acompañadas, dende o inicio, doutra que non é menor. O contido exacto do pacto no que se baseou o desembarco de Altri no noso país: un memorando de entendemento rubricado o 1 de outubro de 2021 con Impulsa Galicia, a sociedade fundada pola Xunta e Abanca para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation, disolvida no verán de 2025. Neste tempo, o Goberno galego ofreceu varias explicacións para non publicalo. A máis recente, que "descoñece" o contido dun documento que foi asinado por quen daquela era vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Francisco Conde, na súa calidade de presidente de Impulsa.
A existencia do pacto é pública dende que foi asinado porque Altri a divulgou. Movementos sociais contrarios ao proxecto e tamén BNG e PSdeG reclamaron formalmente no Parlamento acceder ao texto, ata o momento sen éxito. Tamén o fixo Praza.gal mediante unha solicitude ao abeiro da lei de transparencia, que a Consellería de Economía desbotou argumentando, como fixera para excluír o documento do control parlamentario, que se trata de información "privada" por pertencer a unha sociedade con ese carácter, Impulsa Galicia, que era tal por non chegar a Xunta ao 50% de participación directa, criterio do que discorda o Consello de Contas.
Ante unha nova petición de Praza.gal ao abeiro da Lei de Transparencia, a Xunta reitera que Impulsa Galicia estaba á marxe da norma por ser "privada" e que o pacto rubricado polo daquela vicepresidente e conselleiro Conde era un "negocio xurídico privado" que, agrega agora, o Goberno galego "descoñece"
Este diario recorreu ese ditame da Consellería ante a Comisión da Transparencia de Galicia alegando, entre outras consideracións, que o pacto secreto con Altri tiña que estar en poder da Xunta porque foi asinado por un conselleiro e, daquela, si estaba atinxido pola lei de transparencia. O Goberno repuxo que o daquela vicepresidente e conselleiro Conde, actualmente deputado do PP no Congreso, actuara nun "negocio xurídico privado" na "súa condición de titular dun órgano dunha sociedade mercantil privada" -que dirixía como representante da Xunta- e "non na súa condición de cargo público". Ante esta resposta e apoiándose nos textos das leis galega e estatal ao respecto, Transparencia pechou o expediente atendendo o razoamento do Executivo.
Con esta resposta sobre a mesa, Praza.gal formulou en xullo do ano pasado unha nova petición ao abeiro da lei de transparencia incidindo en que o documento do pacto con Altri ten que estar "en poder" da Xunta, que o debeu obter "no exercicio das súas funcións" de supervisar a súa propia participación en Impulsa Galicia. E, agregou este xornal, dada a consideración de Impulsa Galicia como compañía privada por parte da Xunta e tendo en conta, en todo caso, que no seu accionariado había compañías privadas, cabería que o Goberno galego activase o mecanismo legal que permite consultarlles sobre a publicación do documento e divulgalo se non se opoñen, como xa sucedeu noutras ocasións.
A Consellería de Economía, outra volta, negou o acceso alegando que Impulsa ficaba fóra da Lei de Transparencia. E este xornal, unha vez máis, acudiu ante a Comisión de Transparencia, órgano ata agora dependente da Valedora do Pobo ante o que o departamento agora dirixido por María Jesús Lorenzana expón non só que non ten o documento do pacto secreto con Altri, senón que tamén ignora o seu contido.
A Comisión de Transparencia atende as alegacións da Consellería de Economía, que asegura que "non posúe" o documento, o cal "non está publicado" e "é descoñecido para ela"
Nunha resolución ditada a mediados deste mes de xaneiro a Comisión de Transparencia explica que, nun informe para responder ás alegacións de Praza.gal, Economía reitera que o documento "non foi elaborado nin adquirido pola Xunta de Galicia no exercicio das súas funcións, senón que se trata dun documento de carácter privado, elaborado por unha persoa xurídica independente" e "non ten carácter de información pública". E por iso, agrega, xa non hai lugar a abrir un trámite para consultar a terceiros se acceden ou non a que se publique.
"A información solicitada non está publicada e é descoñecida polo órgano emisor do informe", a Consellería de Economía, sinala Transparencia. "Como indica a Consellería no seu informe -reitera- non está publicado e é descoñecido para ela", o cal "se compadece co feito de que non o posúe no exercicio das súas funcións", di a Comisión que, ao contrario que o Consello de Contas, asume tamén o criterio de que Impulsa Galicia non debe ser tratada como entidade pública a efectos de control e transparencia.