Anatomía dos fondos Next en Galicia: 1.545 millóns, a metade xa asignados e o 76% para empresas

O porto exterior da Coruña -na imaxe de fondo, cando estaba en obras- é unha das infraestruturas na que repercuten os fondos Next Generation CC-BY-NC-SA Fotos: Porto da Coruña, Xunta e Goberno de España | Montaxe: Praza.gal

O criterio de reparto e o destino final dos Next Generation EU, os fondos do plan de recuperación promovido pola Unión Europea no marco da pandemia da COVID, é unha das cuestións que pairan sobre o debate político estatal e galego dende que foron creados. Faino nun contexto no que as fontes de información viñan sendo limitadas, o que contribuía a abonar os tirapuxas partidarios sen que existisen excesivos recursos para comprobar se acusacións como a dunha suposta aldraxe do Goberno de España cara a Galicia, reiterada pola Xunta do PP, se correspondía ou non dalgunha maneira coa realidade.

Contando as convocatorias xestionadas dende o Goberno de España, os fondos Next Generation chegados a Galicia ascenden ata case 3.300 millóns

Este é o pano de fondo co que o Ministerio de Economía vén de presentar ELISA, unha ferramenta para consultar o destino dos fondos Next Generation con variables como as territoriais ou o tipo de destinatarios. O portal, presentado este 4 de abril con datos pechados a 29 de febreiro, permite saber por exemplo que os fondos transferidos a Galicia -contando a Xunta xunto aos concellos e deputacións- suman un total de 1.545 millóns de euros dos que case a metade (o 46%) xa foron adxudicados e aos que cómpre engadir 1.707 millóns distribuídos directamente polo Estado: en total, case 3.300 millóns.

Sempre segundo os datos divulgados polo Ministerio de Economía, un total de 1.001 millóns de euros de fondos europeos de recuperación transferidos polo Estado a Galicia xa foron obxecto de convocatoria (a maior parte, 825 millóns, pola Xunta) e os restantes 544 millóns aínda estaban pendentes de seren convocados. Dentro das convocatorias xa resoltas, os repartos suman 711 millóns de euros dos que 600 se corresponden co Goberno galego e os 111 restantes, coas entidades locais.

Destinatarios dos fondos e "proxectos emblemáticos"

O 42% dos fondos adxudicados en Galicia foron a pequenas empresas. Entre os "proxectos emblemáticos" que salienta o Estado, os principais montantes foron para os regadíos da Limia (28 millóns) e unha plataforma experimental de eólica mariña no porto exterior da Coruña (20 millóns)

Atendendo á información publicada a través de Elisa, o groso dos fondos Next Generation transferidos a Galicia e xa adxudicados teñen como beneficiario ao tecido empresarial, o cal sucede ata agora nun 76% do total. Dentro desa suma, algo máis do 40% foi parar a microempresas ou pequenas e medianas empresas, un 21% a grandes empresas e outro 13%, a unións temporais de empresas. Fundacións e outras entidades como asociacións do terceiro sector levaron case un 20% e os fondos adxudicados a particulares supoñen apenas un 5%.

Os datos divulgados polo Estado tamén ofrecen algúns detalles sobre os destinos concretos dos fondos. Concretamente, ofrece unha relación dos que denomina como "proxectos emblemáticos" que en conxunto levaron algo máis de 167 millóns de euros de convocatorias estatais.

O máis cuantioso en termos absolutos é o proxecto de "mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións de augas subterráneas na Limia", cun total de 28 millóns de euros. Ségueo, con 20 millóns, unha plataforma experimental de eólica mariña que promoveu o Instituto Enerxético de Galicia dende o porto exterior da Coruña.

A continuación sitúanse os proxectos de "hidróxeno verde" promovidos por Reganosa e EDP nas Pontes e por Reganosa, Naturgy e Repsol en Meirama, caon cadanseus 15 millóns de euros, a mesma cantidade que levou outro proxecto de hidróxeno impulsado pola sueca Universal Kraft no concello pontés. Uns montantes semellantes, 13,3 e 11 millóns, foron asignados a modificacións e melloras en parques eólicos nas Somozas e Muras.

Os proxectos de hidróxeno de varias compañías enerxéticas nas Pontes e Meirama destacan nun balance no que o Estado tamén pon o foco nas melloras en infraestruturas galegas

Case 12 millóns de euros para Stellantis dentro das liñas de financiamento destinadas a promover o vehículo eléctrico, unha rede de calor con biomasa do Campus de Lugo, investimentos de compañías do sector alimentario como Leite Río ou PetSelect destacan tamén nestas adxudicacións "emblemáticas" nun contexto no que o Goberno de España tamén destaca achegas como as recibidas por Castrosúa (0,9 millóns), Grupo Delta Vigo (4,5 millóns), Televés (1 millón) ou oito millóns para "dixitalización da frota pesqueira". 

O Ministerio pon, asemade, o foco en 715 millóns de euros de fondos europeos chegados ás arcas estatais e dedicados á infraestruturas galegas. O maior montante é neste caso para as obras de mellora da conexión ferroviaria entre Ourense e Lugo, actualmente en marcha (416 millóns), o acceso do tren ao porto exterior da Coruña (116,2 millóns), as renovacións da estacións da Coruña (67,5 millóns) e Santiago (30 millóns), a "humanización" da avenida das Pías en Ferrol (8 millóns) ou 23 millóns para "adecuación de túneles da AP-9".

Cuarta autonomía sobre o total de fondos, primeira sobre os xa convocados

A información fornecida pola ferramenta ELISA dá tamén lugar á practicamente inevitable comparativa entre comunidades autónomas. Por total de fondos asignados, os devanditos 1.545 millóns sitúan a Galicia como sétima autonomía que máis recibiu, por tras de Andalucía, Catalunya, Madrid, a Comunitat Valenciana, Castela e León e Canarias.

Euskadi é a autonomía que máis fondos adxudicou dentro do total asignado e Galicia, a que máis distribuíu dos que xa convocou

No que atinxe á eficiencia no reparto dos fondos, a que no momento do peche dos datos levaba unha maior porcentaxe asignada dentro do total recibido era Euskadi, cun 71% do total. Galicia situaríase como a cuarta, ao levar repartido o 46% do recibido, uns 11 puntos por baixo do desempeño da Administración Xeral do Estado.

O rexistro galego mellora se o indicador ao que ollamos é o que o Ministerio de Economía denomina "taxa de resolución", isto é, a porcentaxe de fondos asignados dentro dos que xa foron obxecto de convocatoria. Neste caso Galicia é a primeira, cun 71% que permite pasar por diante de Euskadi (65%) e sitúa a taxa galega moi por diante da do Estado (58,36%). 

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, puña este venres precisamente o acento neste segundo indicador para indicar que Galicia "é moi eficaz na xestión dos fondos europeos" e agregar que "o Goberno central debería tomar nota e axilizar a parte que lle toca". O Executivo estatal, pola súa banda, coida que "o Goberno de Pedro Sánchez" contribúe a "transformar Galicia nunha terra de oportunidades" cos "case 3.800 millóns" que suman as devanditas convocatorias xunto aos 441 millóns "derivados do fondo de compensación económica e social pola pandemia", estaca o delegado gobernamental en Galicia, Pedro Blanco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.