Dos 108 millóns devoltos por Hotusa aos 35 que vencen a Ferroatlántica: os dispares rescates de empresas galegas na pandemia

Instalacións do Grupo Losán en Curtis © Grupo Losán

Tres anos despois das axudas do Estado a empresa hoteleria devolveu case a metade dos 241 millóns que recibiu, mentres que aínda non reintegraron nada nin Ferroatlántica, con 34,5 millóns que vencen este 2025, nin Losán, con 35 millóns ata 2028

O impacto económico da pandemia da COVID-19 levou o Goberno de España a crear o Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas (FASEE), que entre finais de 2021 e comezos de 2022 autorizou préstamos por algo máis de 3.200 millóns de euros para axudar a 30 grupos empresariais, fundamentalmente do sector turístico pero tamén do industrial. Entre eles houbo tres empresas con sede ou forte implantación en Galicia: Hotusa, Grupo Losán e Ferroatlántica. 

Tres anos despois daquelas axudas, e segundo os balances periódicos e as contas anuais do fondo de rescate e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que o xestiona, Hotusa xa devolveu de xeito anticipado 108 dos 241 millóns que recibiu e ten ata 2028 para reintegrar o resto, mesma data fixada para Losán, que debe os 35 millóns que recibiu. Ferroatlántica debe devolver este 2025 os 34,5 millóns que recibiu, que tiveron como condición que a empresa non poida vender as súas minas en Galicia ata o reintegro dos cartos.

Amancio López Seijas, fundador de Hotusa, á esquerda, no Foro La Toja de 2020 con Sánchez e Feijóo © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Hotusa, empresa hoteleira fundada polo chantadino Amancio López Seijas, a quen a Xunta de outorgou este ano a Medalla Castelao e que organiza o Foro La Toja, recibiu do fondo de axuda á solvencia un total de 241 millóns de euros. A empresa, con sede en Madrid pero con notable implantación e número de traballadores en Galicia, nunca tivera perdas ata que chegou a pandemia e con ela restricións que afectaron significativamente ao turismo. O propio Goberno de España salientara a súa "intención" de devolver os cartos de maneira "anticipada" se lograba unha recuperación "máis rápida do previsto".

En marzo de 2023 a SEPI comunicou que a empresa devolvera xa 52 millóns de euros polo bo comportamento da súa caixa xa no ano 2022. Un ano máis tarde, en marzo deste 2024, comunicábase unha segunda amortización parcial doutros 28 millóns de euros, e en agosto unha terceira por outros 28 millóns, o que eleva a 108 millóns os cartos xa devoltos por Hotusa, o 45% do recibido. Segundo as contas anuais do fondo de rescate, a empresa ten ata 2028 para devolver o resto.

Hotusa e Losán dan conta da implantación de compromisos medioambientais, requisitos para obter a axuda estatal

Pero ademais dos cartos, as empresas axudadas polo Estado debían comprometerse tamén a implantar con eses recursos diversas medidas de mellora da súa sostibilidade ambiental, consumo enerxético e dixitalización, así como a publicitar nas súas páxinas web as axudas recibidas.

No caso de Hotusa a súa web recolle, no apartado de Información Corporativa, as axudas recibidas e como "a partir do mes de marzo do ano 2022 Grupo Hotusa xa superou os niveis de facturación e beneficio previos á pandemia" e está a amortizar anticipadamente os préstamos recibidos. Tamén sinala que "de acordo cos compromisos adquiridos estamos executando un plan de transición ecolóxica e dixitalización que abarca o período 2021-2027, que inclúe obxectivos dirixidos a acadar a máxima neutralidade climática".

Web na que Hotusa dá conta do cumprimento dos seus compromisos para recibir a axuda do fondo de solvencia, que incluía como requisito este tipo de transparencia das empresas nas súas webs © Hotusa

Tamén o Grupo Losán, de transformación de madeira e con sede en Galicia, recibiu a axuda á solvencia. No seu caso foron 35 millóns de euros pola súa consideración de "compañía estratéxica para as economías de Galicia, Castela e León e Castela-A Mancha", con 950 postos de traballo fixos directos. Ata o momento a SEPI non comunicou a devolución de cartos por parte do grupo e as súas contas reflicten que ten ata 2028 para facelo. En todo caso, o grupo dá conta na súa web de que está a formalizar compromisos medioambientais adquiridos para recibir as axudas, medidas que se están a adoptar en plantas de produción fóra de Galicia.

As axudas a Ferroatlántica foron condicionadas a que non puidese vender as súas minas en Galicia ata o 1 de xullo deste 2025, cando debería devolver os préstamos recibidos

Tamén recibiu axudas, 34,5 millóns, Ferroatlántica, que malia vender as súas instalacións de produción metálica e eléctrica de Cee e Dumbría aínda segue a ter importantes intereses en Galicia, con outra fábrica en Sabón e minas. A axuda foi condicionada a que non puidese vender as súas minas en Galicia, en Boqueixón, Trazo, O Vicedo e Mañón, ata o 1 de xullo deste 2025, cando debería devolver toda a axuda recibida. Tamén se lle fixaron compromisos de redución do consumo eléctrico.

No seu caso a SEPI non informou aínda da devolución de ningunha contía e resulta difícil coñecer o grao de cumprimento doutros compromisos porque malia a obriga de transparencia ditada polo Goberno de España non hai web de Ferroatlántica, o Grupo Villar Mir que controla a súa matriz Ferroglobe desactivou a súa web e a propia Ferroglobe só deu conta da recepción inicial da axuda.

Factoría de Ferroatlántica en Sabón CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Ademais destas empresas con peso en Galicia, o fondo de solvencia tamén axudou outras firmas con presenza no país e consideradas estruturais a nivel estatal, como as aeroliñas Air Europa (475 millóns), Volotea (200 millóns) e Air Nostrum (111 millóns). Tamén chegou a ser autorizada unha axuda de 550 millóns á metalúrxica Celsa, que conta cunha planta na Laracha, pero un posterior plan de reestruturación da débeda da compañía fixo que xa non fose necesaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.