Villar Mir non poderá vender as súas minas en Galicia ata 2025 como condición polo rescate de 34 millóns que lle deu o Estado

Factoría de Ferroatlántica en Sabón © Google

A factoría de Ferroatlántica en Sabón debe reducir o consumo eléctrico un 2,8% e asinar contratos de subministro de fontes renovables, segundo o acordo confidencial asinado co Goberno central feito público polo regulador bursatil dos Estados Unidos

O grupo Villar Mir, que controla Ferroglobe, Ferroatlántica e outras empresas titulares de dereitos mineiros en Galicia e dunha factoría metalúrxica en Sabón (Arteixo) foi un dos beneficiados do fondo de rescate creado polo Goberno de España para axudar a empresas consideradas estratéxicas ante os efectos da pandemia da COVID. Recibiu 34,5 millóns de euros a cambio de diversos compromisos que se plasmaron nun acordo coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) considerado “confidencial” pero que agora vén de desvelar elDiario.es. Malia esa confidencialidade recollida expresamente no acordo, pode consultarse na web do regulador dos mercados estadounidense, a SEC, onde cotiza Ferroglobe.

Algunhas das condicións do acordo do rescate asinado entre o Estado e o grupo Villar Mir CC-BY-SA Praza Pública

O acordo contempla diversas condicións como que o grupo, especializado na minaría e a transformación do silicio, deberá devolver toda a axuda antes do 1 de xullo de 2025, non poderá vender ou alugar os dereitos que ten sobre varias minas en Galicia ata outubro dese mesmo ano, deberá reducir o consumo eléctrico da súa factoría de Sabón nun 2,5% e deberá asinar contratos bilaterais de subministro de enerxía eléctrica de orixe renovable para esa mesma planta que acaden o 10% do seu consumo.

As concesións mineiras afectadas polo acordo son as denominadas Serrabal (Boqueixón), Esmeralda (Trazo), Conchitina (O Vicedo) e Sonia (Mañón)

Segundo a información adiantada por eldiario.es, e que se pode comprobar no texto feito público polo regulador estadounidense, o grupo deberá manter a propiedade das súas filiais Rocas, Arcillas y Minerales SA e Cuarzos Industriales SAU, propietarias dos dereitos mineiros das explotacións de Serrabal (Boqueixón), Esmeralda (Trazo), Conchitina (O Vicedo) e Sonia (Mañón). E sobre eses dereitos mineiros a SEPI resérvase un dereito de compra ata o 1 de outubro de 2025.

Empresas e concesións mineiras afectadas polo acordo de rescate CC-BY-SA Praza Pública

Canto á factoría de Sabón, o acordo establece que para 2025 deberá reducir o seu consumo eléctrico nun 2,8% a respecto da media dos anos 2019 e 2020. Tamén deberá asinar contratos bilaterais de subministro de electricidade a longo prazo procedente de enerxías renovables que cubran o 10% do consumo total da planta.

En 2019 o grupo vendeu a factoría que tiña en Cee e as centrais hidroeléctricas vinculadas a ela tras tentar separar ambos negocios

eldiario.es salienta que as divisións do grupo beneficiarias do rescate empregaban en España a decembro de 2019 un total de 338 persoas, incluíndo as fábricas de Sabón e Boo (Cantabria) e os servizos xerais. Pola súa banda, a matriz Ferroglobe, con máis de 25 centros de produción arredor do mundo, emprega 3.400 persoas, das que 600 están en España. O grupo vendeu en 2019 a factoría que tiña en Cee e as centrais hidroeléctricas vinculadas a ela tras tentar separar ambos negocios.

Factoría de Ferroatlántica en Sabón CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.