Adif substituíu o traballador en folga por unha compañeira que tiña día libre co argumento de que o sindicato non avisara da folga con suficiente antelación, pero o alto tribunal lembra que unha folga xeral non se comunica ás empresas senón ao ministerio
O Tribunal Supremo vén de facer pública unha sentenza, con data do 10 de novembro, que condena a Adif por vulnerar o dereito fundamental de folga dun vigués e da CGT durante o paro xeral que convocou ese sindicato en apoio ao pobo palestino e contra a masacre en Gaza o 27 de setembro de 2024. Adif, segundo o supremo, cometeu "esquirolaxe interna ilícita" ao substituír o traballador en folga por unha compañeira que tiña día de descanso co argumento de que o sindicato non a avisara da folga con suficiente antelación. Pero o alto tribunal lembra que unha folga xeral non se comunica a cada empresa senón ao ministerio, polo que condena a Adif a indemnizar ao traballador con mil euros e á CGT con 7.501 euros.
Os feitos agora analizados polo Supremo remóntanse á folga xeral en apoio de Palestina convocada o 27 de setembro de 2024 polos sindicatos CGT e Solidariedade Obreira, previa a outros paros similares convocados un ano máis tarde, o 15 de outubro de 2025, por máis sindicatos. En todo caso, aquela primeira folga foi considerada e comunicada oficialmente ao Ministerio de Traballo e á patronal CEOE como folga xeral, polo que o Supremo ratifica que os convocantes non tiñan que informar expresamente a Adif nin a ningunha outra empresa de xeito individual, suposto incumprimento no que se escudara a empresa pública. "Sería absurdo e impracticable, amén de que a folga sería ao tempo legal ou ilegal segundo se notificase ou non á empresa correspondente", di o Supremo.
Aínda así, o Sector Ferroviario de CGT Galicia informou por escrito a Adif da convocatoria da folga xeral sete días antes. E o propio traballador, malia non ter a obriga de facelo, como en ningunha folga, tamén informou por escrito ao seu superior "que en tal data secundaría a folga convocada". A empresa, din os feitos probados, "descontoulle o día de folga da súa retribución e designou unha compañeira que tiña día de descanso para substituílo".
O traballador e o sindicato demandaron a Adif por vulneración do dereito fundamental de folga, o que foi desestimado inicialmente tanto por un xulgado do Social de Vigo en marzo de 2025 como polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en setembro do pasado ano. Pero traballador e sindicato recorreron ao Supremo e este agora dálles a razón.
O Supremo di que a substitución do traballador en folga "sen dúbida constitúe un suposto de esquirolaxe interna" e fixa indemnizacións que "poden resultar disuasorias de futuras posibles condutas de ataque aos dereitos fundamentais dos traballadores"
O alto tribunal, tras desbotar que CGT tivese que informar con máis ou tan sequera con ningunha antelación a Adif xa que era unha folga xeral comunicada ao ministerio e á CEOE, considera que a empresa pública vulnerou o dereito fundamental á folga do traballador e do sindicato. E para ponderalo valora diversas circunstancias, como que "a folga foi preavisada a Adif en Galicia cunha antelación de sete días (aínda que non era necesario) e que o traballador explicou a súa ausencia á empresa sen requirimento expreso". Tamén valora o Supremo "especialmente o feito de que o traballador que exerceu o seu dereito fundamental foi substituído por unha traballadora que estaba en día de descanso, o que sen dúbida constitúe un suposto de esquirolaxe interna".
Por iso, o tribunal considera adecuado que Adif indemnice a CGT con 7.501 euros e ao traballador con 1.000 euros polo "dano moral infrinxido" e agarda que ambas sancións "poden resultar disuasorias de futuras posibles condutas de ataque aos dereitos fundamentais dos traballadores".