A "esquirolaxe" de Lidl en Narón sáelle dez veces máis cara: o TSXG eleva a indemnización a 76 folguistas

Protesta durante a folga en Lidl en 2023 CC-BY-SA CIG

A empresa boicoteou unha folga en 2023 no seu centro de distribución de Narón e foi condenada a pagar 50.000 euros a todos os folguistas, pero agora a sentenza é corrixida e a indemnización pode superar o medio millón de euros

En 2023 Lidl boicoteou unha folga no centro de distribución que ten en Narón mudando ilegalmente a súa organización interna para minimizar os efectos dos paros. A xustiza considerou que a empresa cometera "esquirolaxe organizativa" e a finais do pasado ano un xulgado do Social de Ferol condenouna a indemnizar a 76 folguistas afectados cun total de 50.000 euros a repartir entre eles segundo os días de folga de cada un. Pero agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) corrixe esa sentenza porque considera que o importe de cada indemnización "é demasiado reducido e non proporcionado coa intensidade da vulneración". 

A nova sentenza do TSXG fixa en 77,33 euros a indemnización a cada un dos 76 folguistas por cada día de folga, que se prolongou durante 97 xornadas. Non todos os folguistas estiveron en folga todos eses días, pero o novo sistema de cómputo do TSXG podería multiplicar por dez o monto total de 50.000 euros fixado inicialmente. 

Protesta durante a folga en Lidl en 2023 CC-BY-SA CIG

A folga no centro de distribución de Lidl en Narón por incumprimento reiterado do convenio colectivo desenvolveuse durante 97 días, entre o 14 de febreiro e o 21 de maio de 2023. Durante os paros a empresa "desviou a outras plataformas loxísticas da compañía parte da carga de traballo" habitual de Narón, o que supuxo que incorreu en "esquirolaxe organizativa" por tentar reducir os efectos do paro de xeito ilegal. Por esa actuación Lidl foi condenada en maio daquel mesmo ano por vulnerar o dereito fundamental de folga, polo que tivo que indemnizar á CIG, sindicato convocante.

Tras esa primeira sentenza, que acabou sendo ratificada polo Tribunal Supremo en xaneiro de 2025, 76 dos 98 traballadores que secundaron a folga, do total de 143 empregados, formularon outra demanda de tutela de dereitos fundamentais que un xulgado do Social de Ferrol acolleu a finais do pasado ano.

No proceso xudicial os traballadores reclamaran ser indemnizados con todo o soldo que deixaran de cobrar durante a folga, un dereito que a sentenza non recoñeceu porque considerou que aínda que foi obstaculizada pola empresa, a folga puido desenvolverse. Pero polos obstáculos postos pola empresa aquela sentenza admitiu o dereito dos folguistas a unha indemnización de 50.000 euros a repartir entre todos eles segundo os días de folga de cada un.

Sentenza do TSXG que eleva as indemnizacións ao persoal pola "esquirolaxe organizativa" de Lidl durante unha folga en Narón CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG di que o importe inicial da indemnización "non só non é excesivo, senón que ademais é demasiado reducido e non proporcionado coa intensidade da vulneración"

Esa sentenza foi recorrida ante o TSXG tanto pola empresa para pagar menos como polos traballadores para cobrar máis, e agora o tribunal superior galego dá a razón aos primeiros. O TSXG segue considerando que os folguistas non teñen dereito a cobrar todo o soldo que perderon durante a folga, pero si mantén que teñen dereito a unha indemnización polo dano que lles provocou a empresa. E di que o importe desa indemnización fixado en primeira instancia "non só non é excesivo, senón que ademais é demasiado reducido e non proporcionado coa intensidade da vulneración". 

O tribunal parte de que este tipo de indemnizacións se establecen polos tribunais tomando como referencia a sanción mínima de 7.501 euros establecida pola lei de infraccións e sancións na orde social (LISOS). Fronte a esa cifra, a indemnización fixada pola primeira sentenza de 50.000 euros a repartir entre os 76 folguistas quedaría, "máis aló das diferenzas en relación con cada persoa traballadora", nunha media de "pouco máis de seiscentos cincuenta euros para cada persoa traballadora". "Un importe que non podemos aceptar, pois é, como sinala a parte recorrente, moi baixo" e "está moi lonxe dos mínimo orientativo de 7.501 euros".

O TSXG considera "máis axustado ao resarcimento real do dano moral, que sexa ademais disuasorio de futuros incumprimentos, establecer como referencia para cada persoa traballadora ese importe de 7.501 euros polos 97 días de folga, ou, no seu caso, a parte proporcional en relación cos días que cada persoa traballadora secundou a folga", isto é, 77,33 euros por día de folga de cada folguista. 

Protesta durante a folga en Lidl en 2023 CC-BY-SA CIG

As cifras concretas e o monto total da indemnización deberá agora ser fixado na fase de execución da sentenza, pero se todos os folguistas estiveron de folga todos os 97 días dos paros, a indemnización total superaría o medio millón de euros, dez veces máis que o fixado pola sentenza de primeira instancia.

"Entendemos que este importe, substancialmente superior ao recoñecido na instancia, é suficiente para indemnizar o dano moral e para amosar o seu carácter disuasorio", di o TSXG, que o considera "proporcionado á concreta incidencia que tivo a vulneración do dereito de folga, pola 'esquirolaxe organizativa' constatada xudicialmente".

A empresa cifrou en 16 millóns o dano sufrido pola folga e "aceptou finalmente a maioría das pretensións do comité de folga"

Para xustificar que a folga se puidera desenvolver e así ver rebaixada a súa condena, a empresa argumentou no proceso xudicial que o paro fora un "éxito" e que o subministro reducido ás 53 tendas dependentes de Narón "xerou a Lidl graves danos e queixas, uns danos en torno a 16 millóns de euros aparte do dano de reputación". A sentenza de primeira instancia confirmara que pese aos obstáculos postos por Lidl, "produciuse un grave quebranto económico para a empresa demandada, que ademais aceptou finalmente a maioría das pretensións do comité de folga".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.