Ao mediodía terán lugar concentracións e manifestacións convocadas polos sindicatos. E pola tarde, ao redor das 18 horas, están convocadas manifestacións unitarias nas cidades galegas, impulsadas por todos os sindicatos, os colectivos de vivenda e as demais entidades que apoian a folga
O vindeiro 11 de novembro a cidadanía está convocada á primeira foga xeral en 14 anos, un paro motivado polas dificultades de acceso á vivenda, a suba dos alugueiros e a suba xeral de prezos. A folga, convocada pola maior parte dos sindicatos, ultima os seus preparativos no ámbito laboral e tamén por parte doutras organizacións que impulsaron inicialmente a mobilización ou que a apoian.
Os sindicatos levan varios días presentando publicamente as súas reivindicacións e detallando as accións convocadas para a xornada de folga. Ao mediodía terán lugar concentracións e manifestacións convocadas polos sindicatos, que non serán unitarias. E pola tarde, ao redor das 18 horas, están convocadas manifestacións unitarias nas cidades galegas, impulsadas por todos os sindicatos, os colectivos de vivenda e as demais entidades que apoian a folga.
Convocatorias unitarias confirmadas:
- A Coruña: ás 18:00h. Cruzamento de Ronda de Outeiro coa Avenida de Fisterra
- Santiago: ás 18:00h. Praza 8 de marzo
- Ourense: ás 18:00h. Subdelegación do Goberno
- Pontevedra: ás 20:00h. Praza da Ferraría
- Vigo: ás 18:00h. Praza de España
CIG: "A suba dos prezos que a pague o capital"
A CIG pon no centro das reivindicacións "loita por unha vida digna", reclamando que "a suba dos prezos a pague o capital"
A CIG pon no centro das reivindicacións "loita por unha vida digna", reclamando que "a suba dos prezos a pague o capital". O sindicato nacionalista denuncia que "o medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando á ruína o pobo e as clases traballadoras galegas". Un encarecemento da vida ao que "hai que engadir unha grave deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais".
A central critica que "as respostas dos gobernos demostran pouca vontade para darlle solución a esta crúa situación que padecemos a maioría social, tendo nula disposición a tomaren medidas contra o capital" e que "a presión exercida polas grandes empresas sobre os mercados con manobras especulativas permítelles seguir controlando os prezos e aumentar a súa marxe de ganancia, facendo que os seus beneficios sigan sendo cada vez máis extraordinarios".
A CIG propón un "plan de choque" que propón a intervención pública nos sectores estratéxicos, paralizar os desafiuzamentos, conxelar as cláusulas das rendas dos alugueiros, poñer a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados ou promover o dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas revisión salarial conforme o IPC real. Tamén demanda que os gobernos fixen por "lei prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce".
Convocatorias de mobilizacións da CIG o 11 de novembro:
- VIGO: ás 12:00h. Cruzamento da Drobada
- A CORUÑA: ás 12:00h. Praza de Vigo
- CARBALLO: ás 12:00h. Praza do Concello
- CEE: ás 12:00h. Praza 8 de Marzo
- PONTEVEDRA: ás 12:00h. Praza da Ferrería
- VILAGARCÍA: ás 12:00h. Casa do Mar
- A ESTRADA: ás 12:00h. Praza do Mercado
- COMPOSTELA: ás 12:00h. Praza Roxa
- RIBEIRA: ás 12:00h. Mercado Municipal
- FERROL: 12:00h. Local CIG (Avenida de Esteiro)
- AS PONTES: 12:00h. Praza do Concello
- LUGO: ás 12:00h. Edificio Sindical
- BURELA: ás 12:00h. Local CIG (Arcadio Pardiñas)
- MONFORTE: ás 12:00h. Praza de España
- OURENSE: ás 11:00h. Edificio Sindical
- O BARCO: ás 12:00h. Praza do Concello
- VERÍN: ás 12:00h. Praza do Concello
CCOO e UXT: "Contra especuladores e quen bloquea a negociación colectiva"
CCOO e UXT chaman a facer a folga "contra os especuladores, contra os que bloquean a negociación colectiva, contra os que votan en contra das maiorías sociais no Congreso e contra os que queren que a clase traballadora pague decisións xeoestratéxicas como as guerras"
Este xoves CCOO e UXT reuníronse con representantes de PSdeG e Fronte Ampla para trasladarlles as súas reivindicacións ante a folga, reclamándolles que estas demandas socioeconómicas e laborais teñan presenza nos seus compromisos e programas de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29N.
A reunión co PSdeG celebrouse no Parlamento de Galicia e contou coa presenza do secretario xeral dos socialistas galegos e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro. A segunda xuntanza tivo lugar ao mediodía na sede de CCOO. A Fronte Ampla estivo representada polo seu voceiro en Galicia, Paulo Carlos López López; a deputada Verónica Martínez Barbero; a cabeza de lista por Pontevedra, Gloria Alonso Domínguez; e o cabeza de lista pola Coruña, José Luis Piñeiro García.
CCOO e UXT chaman a facer a folga "contra os especuladores, contra os que bloquean a negociación colectiva, contra os que votan en contra das maiorías sociais no Congreso e contra os que queren que a clase traballadora pague decisións xeoestratéxicas como as guerras".
Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia, subliñou que a convocatoria non pretende só demostrar a forza da clase traballadora, senón "conseguir cambios que permitan avanzar como sociedade"
CCOO expón a necesidade de poñer no centro do debate político as principais preocupacións sociais e laborais, entre elas os problemas de acceso á vivenda, a mellora dos salarios mediante a suba do salario mínimo interprofesional e a defensa dos dereitos laborais, "fronte aos intentos de criminalización da clase traballadora e ás medidas impulsadas pola dereita sobre o mal chamado absentismo".
Hai uns días a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, fixo un chamamento a "plantarlle cara aos especuladores, aos rendistas e a quen bloquea a negociación colectiva", co obxectivo de "recuperar poder adquisitivo, garantir o acceso á vivenda e mellorar as condicións da clase traballadora". A sindicalista tamén puxo o foco na perda de poder adquisitivo, sinalando que subas salariais que se están a negociar en Galicia roldan o 3,9 % e resultan "insuficientes" fronte á evolución dos prezos e o encarecemento da vivenda.
Pérez subliñou que a convocatoria non pretende só demostrar a forza da clase traballadora, senón "conseguir cambios que permitan avanzar como sociedade", situando no centro do debate os problemas que afectan á vida cotiá da cidadanía: o acceso á vivenda, os salarios, a suba dos prezos, o bloqueo da negociación colectiva, a defensa das pensións e dos servizos públicos e a loita contra a estigmatización das persoas traballadoras que enferman.
Convocatorias de mobilizacións de CCOO e UXT o 11 de novembro:
- A Coruña: ás 12:00h. Praza da Palloza
- Ferrol: ás 11.30h. Praza de España
- Santiago: ás 13:00h. Alameda
- Lugo: ás 11:30h. Edificio Sindicatos
- Viveiro: ás 12.00h. Avenida García Doriga
- Ourense: ás 10.00h. Edificio sindical
- Pontevedra: ás 11.00h. Praza da Peregrina
- Vilagarcía de Arousa, ás 12:30h. Praza Ravella
- Vigo: ás 11:30h. Cruzamento de Vía Norte con Urzaiz.