CCOO e UGT atenden o chamado das masivas manifestacións pola vivenda e acordan convocar folga xeral nas próximas semanas, coa data aínda por decidir
Os sindicatos UGT e CCOO, maioritarios no Estado, irán a unha folga xeral pola crise de acceso á vivenda, atendendo así o reclamo de milleiros de manifestantes a pasada fin de semana e de numerosos sindicatos e organizacións de vivenda. Aínda sen data, prevese que o paro teña lugar este outono e o máis seguro en novembro, antes das eleccións xerais fixadas para o 29 dese mes.
En Galicia a CIG, primeira forza en representación laboral no país, non se manifestou aínda respecto da posibilidade de apoiar ou convocar o paro, pero xa nos últimos días chamou á mobilización pola vivenda como a celebrada o pasado sábado en numerosas cidades. A central nacionalista, consultada por Praza.gal, ten previsto aclarar este martes a súa postura.
CCOO e UGT, nun comunicado conxunto, aseguran que a data definitiva para a folga xeral "analizarase coas organizacións sociais e o Sindicato de Inquilinas, co obxectivo de mobilizar as persoas traballadoras para secundar este paro xeral de 24 horas polo dereito á vivenda e salarios dignos para pagala".
"As manifestacións da pasada fin de semana amosaron a forza desa demanda, e a resposta debe construírse entre todas as organizacións que a sosteñen", di o comunicado, que aclara que o paro "interpela as diferentes administracións públicas que teñen competencias en materia de vivenda e ás organizacións empresariais que deben asumir que os salarios teñen que garantir o acceso a un ben básico".
Os dous sindicatos chaman ás persoas traballadoras "a sumarse a esta campaña, nos centros de traballo e na rúa, e a secundar a folga xeral". A súa decisión chega logo de que o Sindicato de Inquilinas anunciase que iría ao paro da man da CGT, que foi a primeira central en apoiar firmemente a medida.
CCOO Galicia di que traballará "polo éxito da fola xeral" no país para "defender salarios dignos, vivenda accesible e os dereitos da clase traballadora"
Desde Galicia, o sindicato nacional de CCOO de Galicia di que traballará "polo éxito da folga xeral en Galicia para defender salarios dignos, vivenda accesible e os dereitos da clase traballadora". A súa secretaria xeral, Amelia Pérez, denuncia a "situación insostible" que afronta a clase traballadora "pola combinación de incrementos dos prezos, a carestía da vivenda e o bloqueo da negociación colectiva en moitos sectores".
Rexeitan a campaña contra as baixas
"O incremento dos prezos, tanto para o alugueiro como para a compra, fai cada vez máis difícil o acceso a unha vivenda en condicións asumibles e está a dificultar a emancipación da mocidade e a integración social e laboral das persoas migrantes", di o sindicato, que advirte que a isto "súmase a evolución dos prezos, impulsada, entre outros factores, polo aumento do custo da enerxía e dos carburantes, que provoca maiores dificultades para que as familias cheguen a fin de mes".
Entre as reivindicacións, lembra CCOO-Galicia, tamén "terá un papel destacado a defensa do dereito á saúde e dos dereitos das persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal, especialmente polo discurso e as propostas que pretenden presentar as baixas médicas como un problema de 'absentismo' e poñer baixo sospeita as persoas que enferman". O sindicato acusa a Núñez Feijóo e a Xunta de levar unha campaña de "estigmatización" da clase traballadora.