Clamor cidadán polo dereito á vivenda

Manifestacións polo dereito á vivenda, este 3 de outubro de 2026 en Vigo, A Coruña, Ourense e Santiago CC-BY-NC-SA BNG | Praza.gal | CIG | BNG

Media ducia de mobilizacións nas principais cidades esixen "solucións permanentes" tras a derrogación dos decretos de vivenda cos votos do PP, Vox e Junts no Congreso, coas de Vigo e A Coruña como as máis multitudinarias

A derrogación dos Reais Decretos-Lei de vivenda ditados polo Goberno de España e tombados no Congreso polos votos do PP, Vox e Junts aguilloan as protestas. En múltiplos puntos do Estado e tamén en Galicia, onde a media ducia de mobilizacións convocadas xa antes da votación do pasado venres combinaron este sábado a esixencia de "solucións permanentes" á crise da vivenda aos gobernos de Galicia e de España co reproche ás formacións das dereitas polo seu "non" aos decretos.

A xornada de protestas culminou no noso país con senllas manifestacións multitudinarias en Vigo e na Coruña. As dúas cidades máis poboadas, pero tamén as líderes en prezos medios do alugueiro de vivenda -ambas por riba dos 700 euros- e as que suman entre ambas máis da metade do total inscricións no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta, con máis de 11.000 no caso vigués e máis de 7.000 no coruñés.

Remate da manifestación polo dereito á vivenda na Coruña, este 3 de outubro CC-BY-NC-SA Praza.gal

Foron as deste sábado protestas plurais en moitos sentidos. Tamén no xeracional, con gran presenza de mocidade pero tamén moi destacada de poboación de idade elevada e, ao seu carón, familias con crianzas en idade escolar. "Que pasa? Que non temos casa!", "non á especulación", pero tamén "aquí están os antifascistas" foron algúns dos cánticos no serán vigués e coruñés canda chamadas á folga xeral e á "resistencia" na reivindicación ao son do bater de chaves. E, por suposto, reproches cara á xestión dos gobernos.

Foron as deste sábado protestas plurais en moitos sentidos, tamén no xeracional. "Que pasa? Que non temos casa!", "non á especulación" foron algunhas das consignas máis repetidas canda chamadas á folga ao son do bater de chaves

Organizacións coma os Sindicatos de Vivenda de Santiago e da Coruña, a Alianza pola Vivenda de Vigo, a Plataforma Galega Vivenda Xa ou a Plataforma polo Dereito á Vivenda, todas elas activas dende hai anos, están a canalizar as mobilizacións que, con tons e matices diversos, seguen a confluír no esencial: a denuncia das consecuencias da crise habitacional e a esixencia de solucións dende o público ."Levamos anos acumulando rabia", sinalaba un dos voceiros da plataforma convocante en Compostela, onde continúa a acampada na Praza do Obradoiro, escenario da concentración deste sábado.

A xente moza e o estudantado abonda na acampada compostelá, que estende as súas accións tamén ao ámbito dixital. Así, alén da difusión das protestas nas redes sociais, este sábado a organización estudantil Fervenza amosaba como na plataforma inmobiliaria Idealista comezaron a agromar anuncios de "alugueiros de piso na Praza do Obradoiro" por varios miles de euros ao mes que, en realidade, son imaxes das tendas de campaña da propia protesta.

"Alugueiros polas nubes", "vivendas con humidades e pingueiras" ou, simplemente, "que o día 1 de cada mes nos leven máis da metade do salario", resumen. Todo nun contexto, advirten dende Plataforma da Coruña, que se manifestou dende As Conchiñas ata ata O Parrote -o final previsto era fronte á Subdelegación do Goberno de España, pero a elevadísima concorrencia obrigou a estender o itinerario ata a gran explanada á beira do mar- no que queren insitir en que "os barrios son nosos, a cidade non é dos fondos voitres nin dos rendistas" . Trátase, reclaman, de "mellorar as condicións de vida de todo o mundo" nun escenario no que non caben "nin medidas descafeinadas nin decretos parche".

"Levamos anos acumulando rabia", advirten as plataformas convocantes, cuxos membros denuncian "alugueiros polas nubes" ou vivendas en mal estado e claman por medidas contra a especulación e máis vivenda pública e advirten dunha mobilización sostida no tempo

Nesta liña, a Alianza pola Vivenda de Vigo, que se manifestou da Vía Norte á Porta do Sol advirte de que as medidas decaídas no Congreso non deixaban de ser a resposta a "unha situación de emerxencia", "temporais" e polo tanto "insuficientes". Pero tamén eran "un comezo" logrado, cren, grazas a unha "mobilización social" que os diversos colectivos insisten en manter. 

Máis vivenda de promoción pública, "mobilizar vivenda baleira", limitar os pisos turísticos e incrementar a súa fiscalidade ou declarar zonas tensionadas en todos os concellos que xa cumpren os requisitos son algunhas das reivindicacións máis concretas dunhas mobilizacións que tamén claman por medidas contra a "especulación". E, nalgúns casos, tamén por escalar as protestas cara a unha folga xeral.

Apoio de BNG e PSdeG

Ana Pontón e cargos do BNG (arriba) e José Ramón Gómez Besteiro e outros representantes do PSdeG, na concentración polo dereito á vivenda deste sábado en Santiago CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

As dúas forzas da actual oposición, BNG e PSdeG, amosaron o seu apoio ás protestas coa asistencia de diversos cargos e militantes ás manifestacións e a asistencia de cadanseus líderes á manifestación de Santiago. A xuízo da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, no caso galego cómpre ter en conta que a crise da vivenda está intimamente ligada a que "Galiza leva 17 anos cun goberno do PP que deliberadamente triturou a política social de vivenda, permitindo que os prezos do alugueiro se disparasen sen tomar ningunha medida", o cal non quita, matiza, que "o Goberno central tivese que ser máis valente nestes anos e tomar medidas estruturais".

Para o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a votación do venres no Congreso deixou claro que "caeron as caretas", toda vez que os mesmos grupos que "defendían o rescate á banca  miran para outro lado cando hai que rescatar persoas". Os socialistas galegos lamentan o "portazo" das dereitas "ás persoas máis vulnerables" e sosteñen que as medidas impulsadas polo Goberno de España pretendían atender unha "emerxencia que é hoxe, non dentro de cinco anos", nun contexto no que cómpre "atender a inmensa maioría social", toda vez que a vivenda é xa "a primeira preocupación da cidadanía".

Nas mobilizacións deste sábado estiveron tamén presentes outras organizacións políticas sen representación no Parlamento, como Sumar, Podemos ou Esquerda Unida. Tamén foi visible a presenza de membros de diversas organizacións sindicais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.