Rueda escenifica a adxudicación de 24 vivendas de promoción pública no barrio compostelán de Lamas de Abade 19 anos despois das anteriores na cidade, que o Executivo de coalición de socialistas e nacionalistas asignou en 2007
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, escenificou este pasado martes a entrega de chaves de 24 vivendas de promoción pública no barrio compostelán de Lamas de Abade. Son parte dos 374 pisos públicos que o Goberno galego ten en Santiago en diferentes fases de tramitación, dende os agora entregados ata a promoción máis abondosa, 244 vivendas en Salgueiriños, que aínda están en fases iniciais de redacción de proxectos.
Alén da recuperación deste tipo de actos, habituais nos gobernos do PP de Fraga nos que o propio Rueda exerceu como alto cargo, a entrega de pisos públicos na capital galega supón un elocuente fito. É a primeira vez que sucede dende a fin do Goberno de PSdeG e BNG, cuxo mandato principiou en agosto de 2005 e finalizou en abril de 2009, tras as eleccións que en marzo daquel ano lle deran a maioría absoluta ao PP de Alberto Núñez Feijoó con Rueda como xefe de campaña.
Pasaron xa 17 anos dende aquela lexislatura co Executivo progresista. E, concretamente, 19 dende que a Consellería de Vivenda na altura dirixida pola nacionalista Teresa Táboas adxudicou -sen escenificación por parte da conselleira, do vicepresidente ou do presidente- 69 pisos públicos en alugueiro para menores de 35 anos no barrio de Belvís, proxecto que o Goberno da esquerda dera en acelerar tras herdalo do fraguismo xunto con outros en varios barrios da cidade. Vivenda ligaba aquelas entregas con outras en meses próximos noutras zonas da cidade como Mallou, O Avío ou Volta do Castro; en total, 179 pisos.
Entre os proxectos de vivenda pública cancelados por Feijóo en Santiago estiveron 40 pisos para mocidade na céntrica avenida de Xoán XXIII, onde a Xunta vén de iniciar o trámite para contratar a obra dos 60 "aloxamentos compartidos" anunciados hai dous anos
A conselleira Táboas lanzara tamén outro proxecto de vivenda pública que a Xunta do PP deixara conxelado: 40 pisos igualmente de alugueiro para xente moza na céntrica avenida de Xoán XXIII, que deixara nos caixóns da Consellería o seu anterior titular, Alberto Núñez Feijóo. Xa como presidente, o actual líder estatal do PP asumiu a obra como propia (e apresurouse en retirar da parcela os logotipos do Goberno de PSdeG e BNG), pero en plena gran recesión acabou cancelándoo.
Tras diversas viraxes e mudanzas, hai agora dous anos o actual gabinete de Rueda anunciaba que nesa parcela de Xoán XXIII ía erguer o primeiro dos seus "aloxamentos compartidos" para xente moza, con 60 pequenos apartamentos de 30 metros e espazos comúns. A principios de 2025 a Consellería de Vivenda lanzou o contrato de redacción do proxecto, que tras diversos avatares administrativos foi adxudicado a principios de 2026 e este mesmo 29 de setembro comezou a tramitar formalmente o contrato das obras, por case 7 millóns de euros e dous anos de prazo de execución dende que o adxudique.
O caso de Santiago, coas primeiras vivendas públicas entregadas en case dúas décadas, é significativo pero non é único. Algo semellante vén sucedendo nos últimos anos na maioría de cidades. Por exemplo, na Coruña hai apenas tres anos que o Goberno galego entregou os seus primeiros pisos públicos no barrio de Xuxán tras década e media en branco. En Lugo, os proxectos en marcha dende 2025 no barrio de Garabolos foron os primeiros en 17 anos: a Xunta non impulsara piso público ningún nesta urbe dende os que aprobara en 2007 o Executivo de socialistas e nacionalistas.
O lastre da parálise da vivenda protexida en xeral e pública en particular nos gobernos de Feijóo vicepresididos por Rueda limita agora o impacto dos 4.000 pisos públicos que a Xunta ten en diferentes fases de tramitación e polos que agardan máis de 36.000 inscricións no Rexistro de Demandantes
Todos estes casos locais reflicten, en última instancia, unha realidade máis global: os efectos da paralización da política de vivenda pública en Galicia durante década e media. Primeiro, polos efectos da crise económica e financiera, a gran recesión e a crise de débeda. E despois, de 2015 en diante, polas decisións políticas dos gobernos encabezados por Feijóo e vicepresididos por Rueda, os cales tras xestionaren os proxectos iniciados en tempos do Goberno de coalición reduciron a vivenda protexida en xeral e a de promoción pública en particular á mínima expresión, tal e como amosan os gráficos que acompañan esta información
A ausencia de oferta pública durante varios lustros tivo efectos múltiplos para a cidadanía, pero mesmo para o propio Goberno galego do PP, actualmente inmerso na viraxe política que o leva a asegurar que ten xa encamiñados unhas 4.000 vivendas de promoción pública para esta lexislatura. Moitas desas promocións están xa en marcha, pero o lastre da era Feijóo é tal que mesmo dando por boas as previsións gobernamentais, cubrirán unha parte moi limitada da demanda, disparada precisamente á calor dos anuncios de novas promocións en plena crise da vivenda.
Este martes, 29 de setembro, as inscricións no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida eran máis de 36.000, cun incremento interanual do 60%. O groso desta demanda concéntrase nas principais cidades encabezadas por Vigo, con máis de 11.400 demandas; e A Coruña, con case 7.400. En Santiago, Lugo e Pontevedra as demandas pendentes superan as 2.000 e en Ourense e Ferrol roldan o milleiro.