Santiago, outubro de 2001. O Concello compostelán dálle luz verde aos trámites para permitir a construción do que actualmente é a biblioteca pública Ánxel Casal, un proxecto do Estado situado na avenida de Xoán XXIII, nunha das entradas ao Casco Vello da cidade. Ao seu carón o consistorio accedía a autorizar un pequeno bloque de vivendas de promoción pública impusadas pola Xunta. Aquel proxecto concretouno un chisco máis o Goberno de Manuel Fraga tres anos máis tarde cando, a través da Consellería de Política Territorial que dirixía Alberto Núñez Feijóo, anunciou que levantaría na parcela pisos de aluguer para a mocidade. Dez anos e dous gobernos despois nesa leira o único que se ergue con vigor son as herbas, que son segadas regularmente, e o edificio non nato ben pode servir como metáfora dunha política, a da construción de pisos protexidos, que perdeu o 80% da súa dotación orzamentaria co actual Executivo galego.
As vivendas de Xoán XXIII apenas estiveron uns meses nas mans do gabinete Fraga, que en xuño de 2005 era desaloxado do poder pola coalición de PSdeG e BNG, que lle deu á área de Vivenda e Solo unha Consellería de seu. Ese departamento, encabezado por Teresa Táboas, recolleu o proxecto da gabeta e dotouno con 3,6 millóns de euros que permitirían construír 40 pisos de entre 40 e 50 metros cadrados para mozos e mozas con rendas baixas, que poderían vivir alí durante un máximo de 10 anos por 110 euros ao mes sen opción de compra, co obxectivo, argumentaba a Xunta, de evitar a especulación nunha zona potencialmente tan sensible para o mercado inmobiliario. Dada a singularidade da zona, ás portas do recinto histórico compostelán, o Goberno convocou un concurso de ideas entre profesionais da arquitectura.
O primeiro concurso para as vivendas de Xoán XXIII ficou deserto co bipartito e o segundo resolveuno o Goberno do PP
En setembro de 2007 Vivenda tiña xa en marcha o concurso, ao que concorreu unha vintena de estudos de arquitectura. A Xunta dispúxose a avaliar os proxectos e, mentres, na parcela ubicábase un valado no que se anunciaba a construción das devanditas 40 vivendas. Malia á multitude de propostas ningunha se axustou ao que reclamaba a Consellería, que deixou deserta a convocatoria e realizou unha nova a finais de 2008, á que se presentaron 8 proxectos. Cando o departamento de Táboas estaba xa en condicións de tomar a decisión definitiva, a comezos de 2009, o país xa estaba inmerso na longa precampaña electoral dos comicios do 1 de marzo dese ano, que lle devolveron ao PP o poder e, polo tanto, tamén o control sobre as agardadas vivendas.
Cambio de Goberno e de logotipos no valado
Co retorno dos conservadores a San Caetano o Instituto Galego de Vivenda e Solo encadrouse na macro Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Con Agustín Hernández como novo conselleiro, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo dixo asumir o proxecto como propio. Se cadra por iso, ao pouco de tomar posesión instalou sobre o valado de Xoán XXIII uns grandes adhesivos que taparon o logotipo da anterior Consellería e o substituíron polo da nova. Despois, en novembro dese ano, adxudicaba definitivamente os pisos: as vivendas construiríanse segundo un proxecto dos arquitectos Alberto Noguerol e Pilar Díez e cun orzamento de 2,6 millóns, un millón menos que o orzamentado polo bipartito.
O orzamento da Xunta para a construción de vivenda protexida pasou de 52 millóns en 2009 a 10 millóns en 2014
Co proxecto axudicado e o valado acondicionado para o novo tempo político só restaba poñerse a construír. Pero nisto chegaron os recortes orzamentarios, tamén ás partidas para a construción de vivenda de promoción pública: de 52 millóns en 2009 a 46 en 2010, cantidade que en 2011 minguaba xa ata os 23,7 e que seguíu caendo en picado nos anos seguintes ata ficar no presente 2014 en pouco máis de 10 millóns de euros. Neste contexto, segundo declarou recentemente a Consellería a El Correo Gallego, o custo dos pisos de Xoán XXIII é "moi alto" e estúdase como abaratalos para facer "viable" o cumprimento do compromiso. Mentres, o paso do tempo está a deixar a vista os logotipos da desaparecida Consellería de Vivenda que tapou o Goberno do PP. O conselleiro que desatendeu o proxecto é agora o alcalde da cidade e o valado, testemuño de todo o proceso, é utilizado como improvisado panel para pintadas e colantes de todo tipo, pero tamén para anuncios de pisos de aluguer que, obviamente, non teñen nada de públicos.