O centro, para quen o pague. Apenas cinco meses despois de acceder á Alcaldía de Santiago en substitución de Ángel Currás Agustín Hernández certificou a defunción do que estaba a chamado a ser un dos proxectos emblemáticos da Consellería que el mesmo dirixiu na Xunta. Hernández recibiu este mércores no consistorio compostelán a súa substituta no Goberno galego, Ethel Vázquez, e xuntos anunciaron que xa non haberá vivendas protexidas para a mocidade nun dos puntos privilexiados da capital galega, a entrada ao casco histórico pola avenida de Xoán XXIII. No seu lugar erguerase "vivenda libre" e os pisos protexidos pasan á contorna de Lamas de Abade, nos arrabaldes da cidade.
Ambos dirixentes populares póñenlle así punto e final a unha historia que se remonta ao ano 2001 e a unha obra da que só se chegou a erguer o valado, que á súa vez tornou en todo un símbolo de lentitude e ineficiencia administrativa. Como relatou este diario, foi naquel ano cando o Concello compostelán lle deu luz verde á construción do que hoxe é a biblioteca pública Ánxel Casal e, ao seu carón, autorizou un pequeno bloque de vivendas públicas promovidas pola Xunta. Tres anos despois, en 2004, a Consellería de Política Territorial de Alberto Núñez Feijóo anunciou que alí construiría pisos de aluguer para a mocidade e en 2007 a Consellería de Vivenda do bipartito sacou a concurso o proxecto: serían 40 pisos de entre 40 e 50 metros cadrados para mozos e mozas.
Dada a especial sensibilidade da zona, ás portas do recinto histórico e cunhas vistas privilexiadas, Vivenda decidiu daquela que as vivendas estarían destinadas á mocidade con rendas baixas en réxime de alugueiro, por 110 euros ao mes e sen opción de compra. Tratábase, explicaba a Xunta daquela, de evitar a especulación inmobiliaria na zona. Era, en síntese, un proxecto singular ao que non se adaptaron a vintena de estudios de arquitectura que concorreron ao concurso e por iso o departamento que daquela dirixía Teresa Táboas decidiu deixalo deserto e convocalo de novo a finais de 2008, pero o cambio de Goberno determinado polas eleccións de 2009 non lle permitiu finalizalo. Foi precisamente a nova Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a que, en novembro de 2009, decidiu que os pisos se construísen segundo o proxecto presentado polos arquitectos Alberto Noguerol e Pilar Díez cun orzamento de 2,6 millóns de euros.
O proxecto, que tamén dependeu de Hernández como conselleiro, implicaba construír 40 vivendas de aluguer para mozos e mozas con rendas baixas
Malia completarse todos eses trámites o único que mudou nesta parcela cinco anos despois foron os logotipos dos valados: onde antes estaban os da Consellería do bipartito figuraron, ata finais do pasado novembro, os do actual Goberno, cando foron mudados por unha superficie branca. A orientación política deste cambio estético explicárona este mércores Hernández e Vázquez nunha operación que, segundo o Concello compostelán, debe ser lida como o retorno da "construción de vivenda protexida" á cidade.
O Goberno galego apela ao "sentido común"
A conselleria obvia o proxecto cancelado e sentencia que "ningún Goberno soubo que facer" coa parcela
Aínda que ata hai escasas dúas semanas os logotipos da súa Consellería ornamentaban a parcela a conselleira Ethel Vázquez defende esta operación como "de sentido común", toda vez que "supón darlle uso a un terreo que é público dende hai máis de 50 anos e que ningún Goberno ata o de agora soubo que facer con el", mantén, ignorando o proxecto que chegou a ser adxudicado. Agora, di, a Xunta asume "a proposta formulada polo Concello", consistente en "convocar a principios de 2015 un concurso público para construír 36 vivendas" no devandito barrio de Lamas de Abade. A empresa que constrúa esas casas quedará, "como contraprestación", coa gorentosa parcela de Xoán XXIII onde, unha vez concluídos os pisos protexidos dos arrabaldes, poderá erguer "vivenda libre", isto é, pisos a prezo de mercado na zona monumental, na contorna dun hotel de luxo e xusto cando o prezo da vivenda comeza a se recuperar, segundo os datos máis recentes.
Os pisos protexidos pasan de estar a 400 metros do Obradoiro a situarse a máis de 4 quilómetros
Alén destas circunstancias a conselleira presenta o acordo como unha "aposta" por "facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar" e como a vía para "permitir a construción de novas vivendas para as familias que máis o necesitan". Trátase, abonda, dunha operación "equilibrada, posto que a parcela está valorada en 2,9 millóns de euros, custo equivalente das 36 vivendas de promoción pública", e dun proxecto "xusto". O rexedor compostelán, pola súa banda, resalta que ambas administracións responden á "demanda" de pisos protexidos existente na cidade -cunha lista de espera dunhas 600 persoas-, á que se "suma a paralización do proxecto de vivenda protexida de aluguer previsto en Xoán XIII", que dependeu del mesmo ata hai escasos meses. "Con esta proposta daremos un paso importante para retomar a construción de vivenda protexida en Santiago", abonda, nun contexto no que os pisos de protección pública pasan de estar a 400 metros da Praza do Obradoiro a estar separados dela por uns 4 quilómetros.