Vinte anos da vitoria que permitiu á esquerda gobernar Galicia

Diversos momentos da campaña de 2005 e do inicio do Goberno de coalición de PSdeG e BNG CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxes: Emisións da época de RTVE e CRTVG e arquivo Parlamento

"Co 30% escrutado, o Partido Popular ten 38 escanos e polo tanto, a maioría absoluta". Jaime Pita Varela, conselleiro da Presidencia, comparece estrañamente cedo ante os medios de comunicación para ofrecer un avance dos resultados electorais. Apenas vai un terzo recontado, pero quen exerceu nos últimos anos de azoute da oposición explica ante as cámaras que todo apunta a que PSdeG e BNG van seguir onde están, na oposición.

O 19 de xuño de 2005 PSdeG e BNG deron escorrentado o fatalismo nunha tensa noite electoral na que ao PP de Fraga, así e todo, as contas non lle deron por pouco ao manterse no 45% dos sufraxios

Nin Móvome nin Un país novo, nin Desta vai, nin Hai que botalos. Nin as enquisas que auguraran a fin do fraguismo durante unha campaña na que o patriarca da dereita española, presidente dende había década e media, dera mostras evidentes de enfraquecemento físico e político. No Gran Hotel e no Araguaney, establecementos composteláns elixidos respectivamente por PSdeG e BNG para seguiren a noite electoral daquel 19 de xuño de 2005, os sorrisos conxeláronse ao aparecer Pita na TVG ao son daquilo de xogar coma nunca e perder coma sempre.

Pero aquel regreso ao fatalismo na militancia das dúas forzas políticas que levaban meses soñando con protagonizaren -agora si, desta vai- a fin do fraguismo non se correspondeu cunha explosión de alegría na daquela nova sede do PP, no barrio de San Lázaro da capital galega. Na maquinaria electoral máis precisa da historia de Galicia non había moitos motivos para celebrar. As contas non dan. Por pouco, pero non dan.

Un PSdeG disparado en once puntos compensara sobradamente o descenso do BNG e xuntos superan en máis de 110.000 votos

Coa información vai chegando dos colexios electorais ao equipo de campaña dirixido por José Crespo, alcalde de Lalín, o escano 38 non está nin de lonxe asegurado. Jesús Palmou, secretario xeral do partido e conselleiro de Xustiza, tampouco está para moitas festas. A primeira alocución de Pita pode servir para termar un anaco máis da miraxe segundo a cal en Galicia nada se move, pero os datos falan dun PSdeG disparado en once puntos de voto que compensa sobradamente a caída do BNG, inferior ao descenso dun PP que así e todo marcha en cabeza con arredor do 45% dos votos.

A noite avanza e o 38 do PP vira en 37. Ao hotel do PSdeG volve a celebración. No vindeiro Parlamento van sentar 25 representantes socialistas, oito máis ca os elixidos en 2001 grazas a un crecemento superior aos 200.000 votos no que tamén foi clave o apoio total da dirección federal de José Luis Rodríguez Zapatero, envorcada nunha campaña galega na que participa Pedro Sánchez como parte do equipo desprazado a Galicia dende a madrileña rúa de Ferraz. Pescan catro escanos no PP e outros tantos nun BNG que queda en 13. Dabondo para fiar unha maioría absoluta que invista como presidente da Xunta a Emilio Pérez Touriño sobre unha base de máis de 867.000 votantes socialistas e nacionalistas que superan en máis de 110.000 aos que escolleran a papeleta do PP.

Así e todo, a parroquia progresista non escorrenta de todo os temores. O escano final da provincia de Pontevedra gañouno o PSdeG, pero falta por recontar o mal chamado voto emigrante, os sufraxios chegados fundamentalmente dende Sudamérica de cuxo mar de irregularidades ninguén dubida. Menos aínda tras unha carreira electoral na que A Nosa Terra publicou probas de como nuns comicios anteriores -as europeas de 2004- un colaborador do semanario deu en votar ata 17 veces dende o estranxeiro para probar a ausencia de garantías.

"Haberá cambio. Falei con Anxo Quintana e colaboraremos para gobernar", proclamou Touriño mentres os socialistas daban por feito que o cuestionado voto exterior non ía mover cara ao PP o definitivo escano final de Pontevedra

O encargado de acougar os medos acaba sendo o propio Touriño. "Haberá cambio", proclama ante unha militancia que, andando as horas, mesmo dá en entoar polo baixo os acordes de Se va el caimán con Fraga no papel do réptil musical. "Falei con Anxo Quintana e colaboraremos para gobernar", anuncia o candidato socialista.

Nesa chamada Touriño garantiulle ao portavoz nacional e debutante cabeza de cartel do BNG que os datos manexados polo PSOE sobre o escrutinio en xeral e o sufraxio exterior en particular non deixan lugar a dúbidas: "Está feito", resumiulle Touriño. O que votou a Galicia interior non o vai mudar a exterior, reafirman tamén cargos veteranos dun Bloque que se ve ante o paradoxo de que, co seu peor resultado en eleccións galegas na última década, pode gobernar por primeira vez na súa historia.

Actos da campaña de 2005 de PSdeG e BNG, primeira xuntanza de Touriño e Quintana para gobernaren en coalición e primeira xuntanza do novo Goberno, en imaxes captadas na época por TVE e a TVG © RTVE / CRTVG

E, efectivamente, as sacas dos legalmente denominados residentes ausentes non lle foron dabondo ao PP oito días despois, o 27 de xuño, cando as Xuntas Electorais recontaron os sufraxios do exterior. Contan as crónicas da época que a dirección central dos populares, con Federico Trillo como emisario, tentou levar a batalla ao plano legal mediante un litixio incerto que Fraga preferiu frear. 

"Foi posible o que parecía imposible, Galicia non estaba chamada a permanecer apoiando maioritariamente ao PP", lembra Touriño, que salienta o "histórico" apoio obtido polo PSdeG daquela. "O resultado do BNG non foi óptimo, pero o sabor acedo quedou borrado por conseguir un obxectivo máis importante para o país, o necesario cambio de Goberno", evoca Quintana

"Aquel 19 de xuño, visto en perspectiva, dá un dato cun alto valor: que foi posible o que parecía imposible, a alternancia democrática mediante un proceso electoral no país". Acreditou que "Galicia non estaba chamada a permanecer, permanentemente, apoiando maioritariamente ao PP", lembra Touriño en declaracións a Praza.gal. Este xornal solicitou ao ex-presidente unha entrevista ao fío do vixésimo aniversario daquelas eleccións e do Executivo que encabezou. Tras concertala, finalmente decidiu declinala e manterse no silencio que vén marcando a súa posición pública a respecto da política galega e xeral nos últimos anos. Posteriormente si accedeu a compartir algunhas lembranzas ao respecto.

"Tivemos un resultado histórico, moi lonxe de calquera imaxinación hoxe", salienta o ex-presidente. O PSdeG obtivera un "33,6% de apoio popular" que "foi posible -coida- porque tivemos tempo e o utilizamos para construír un proxecto político alternativo e confiable, de corte galeguista e socialdemócrata" e "cun liderado claro" nun "PSdeG moi propositivo". Todo, tras unha campaña "na que atopei un extraordinario grao de gañas de cambio, mesmo máis alá das filas" dun Partido Socialista que manexaba datos segundo os cales "a maioría social vía a coalición PSdeG-BNG como o mellor goberno posible". Tamén por iso, asegura, durante o axustado reconto "non tiven dúbidas" de que "o cambio estaba feito" e así o trasladou primeiro a Quintana e despois, á opinión pública.

Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno de coalición de PSdeG e BNG © Xunta

"O resultado do BNG non foi óptimo na medida que esperabamos ter unha representación máis nutrida no Parlamento, pero ese sabor acedo quedou enseguida borrado pola consecución doutro obxectivo, se cadra máis importante para o país: o necesario cambio de goberno que se ía producir coa nova maioría parlamentar e o acceso do BNG e do nacionalismo por primeira vez aos labores de goberno do país", resalta Anxo Quintana nunha entrevista publicada por Praza.gal este mesmo 19 de xuño de 2025

[ENTREVISTA | Anxo Quintana: "Non se falou suficiente da importancia do labor de goberno do BNG: foi excepcional"]

O novo goberno, a fin en 2009 e o legado

A coalición tomou medidas pioneiras na autonomía en apenas tres anos e medio. Outras non chegaron a despregalas: en 2009 PSdeG e BNG volveron sumar máis votos ca o PP, pero os populares lograran na Coruña un escano perdido polo Bloque

Nas semanas seguintes, as comisións negociadoras de PSdeG e BNG puxéronse a traballar nun pacto para gobernaren en coalición do que, con independencia dos detalles, ninguén dubidaba. Touriño e Quintana escenificárono cun cordial inicio das conversas no Hostal dos Reis Católicos e unha sinatura do acordo no Centro Galego de Arte Contemporánea. 

A alianza contemplou a presidencia para o líder socialista e unha vicepresidencia única para o nacionalista con competencias en Igualdade e Benestar. No novo Consello da Xunta, o PSdeG xestionaría Presidencia, Economía, Política Territorial, Educación, Sanidade, Pesca, Medio Ambiente e Traballo. Ao BNG correspondéronlle as consellerías de Innovación e Industria, Medio Rural, Cultura e Vivenda. En total, dúas consellerías menos que o derradeiro goberno de Fraga.

Daquel gabinete, do que por veces as desavinzas ecoaron en exceso, saíron múltiplas medidas. Algunhas pioneiras na historia da autonomía e mesmo adiantadas máis dunha década á acción doutros gobernos en materias como ordenación do territorio, igualdade de xénero, sanidade, políticas para o rural, servizos sociais ou vivenda. 

Touriño e Quintana, en mitins do PSdeG e do BNG durante a campaña electoral galega de 2009 CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG

Parte delas foron aplicadas en apenas tres anos e medio. Outras non chegaron a despregarse porque nas seguintes eleccións, as do 1 de marzo de 2009, PSdeG e BNG volveron sumar xuntos máis votos ca o PP, pero os populares lograron na Coruña un escano que perdeu o Bloque. E inauguraron, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, unha nova xeira de maiorías absolutas que chega aos nosos días.

Fronte á "pura mentira" de Feijóo "non se xerou un discurso alternativo de que se fixeran cousas moi positivas", lamentara Touriño. "Non se ten falado suficiente da importancia dun labor de goberno que se pode cualificar de excepcional", afirma Quintana

Hai dez anos Touriño reflexionaba en entrevista con Praza.gal que aquela de 2009 foi unha vitoria do PP non só en votos. PSdeG e BNG, sinalaba, asumiran unha derrota "peor que a electoral, a da hexemonía das ideas" sobre o Goberno que compartiran. "Chega Feijóo e crea a sensación de que aquel foi o goberno do desbalde, que nos deixou a Galicia quebrada", unha "pura mentira" fronte á que nos anos seguintes "non se xerou un discurso alternativo de que se fixeran cousas moi positivas". "Se ti mesmo asumes que non podes defender que cando gobernaches fixeches unha política alternativa, estás vendido", aseveraba o ex-presidente.

Coa perspectiva de dúas décadas, Quintana coida que "non se ten falado suficiente, sobre todo no ámbito do nacionalismo, da importancia dun labor de goberno" que ao seu xuízo "se podería cualificar de excepcional". En "moi pouco tempo", di en entrevista con Praza.gal, o Bloque foi quen de "demostrar" que "é capaz de facer no goberno o que sempre propuxera que había que facer cando estaba na oposición" e "ademais, con honestidade e honradez". Pero en moitas ocasións nestes anos, lamenta, "máis que do malo" do que puidese facer o primeiro Goberno da historia de Galicia apoiado nunha maioría parlamentaria de esquerdas, "falouse do inexistente, do que non pasou".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.