19 anos do 19 de xuño que tombou o 'fraguismo': Rueda e Calvo, únicos superviventes no Consello da Xunta

Fraga saúda a Touriño tras a súa investidura como presidente da Xunta logo das eleccións do 19 de xuño de 2005 © Parlamento de Galicia

Feijóo derrogou boa parte das leis impulsadas por Fraga e recuperou para os seus gobernos a altos cargos anteriores, pero con Rueda a metade do seu executivo aínda non entrara en política en 2005, cando catro dos agora conselleiros eran edís en vilas 

O 1 de marzo é para o PPdeG un día significativo que mesmo logrou, coa axuda da súa influencia mediática, establecer no imaxinario colectivo. Foi o día no que, en 2009, Alberto Núñez Feijóo acadou a presidencia da Xunta. A esquerda, pola contra, non tivo tanta sorte co 19 de xuño de 2005, a única vez que chegou ao Goberno de Galicia tras unhas eleccións nas que sumou maioría, co goberno PSdeG-BNG presidido por Emilio Pérez Touriño e con Anxo Quintana como vicepresidente ata 2009, e non cunha moción de censura como a que propiciou o tripartito de Fernando González Laxe entre 1987 e 1990.

Hai agora 19 anos daquel 19 de xuño que supuxo a caída de Manuel Fraga e o inicio do desmantelamento dun fraguismo do que cada vez quedan menos cargos e leis na administración galega.

Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno de PSdeG e BNG © Xunta

Feijóo aínda nomeou conselleiros ou conselleiras a numerosos altos cargos da época de Fraga. Pero con Rueda o cambio xeracional faise máis evidente. [Rueda eleva a 81 os altos cargos da Xunta, 20 máis que hai unha década, e 8 seguen desde 2009].

Rueda foi xefe de gabinete dun dos homes fortes de Fraga, Xesús Palmou, e en 2000 foi nomeado director xeral, mentres que Calvo foi presidente de Novas Xeracións e deputado

No actual Goberno galego hai dúas persoas que claramente poden identificar os seus comezos políticos co fraguismo. En xuño de 2000 Alfonso Rueda era nomeado director xeral de Administración Local tras ser previamente xefe de gabinete dun dos homes fortes de Fraga, Xesús Palmou, Conselleiro de Xustiza e Interior e secretario xeral do PPdeG. 

Tamén con Fraga, en 2001, o actual conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, era incluído na lista electoral do PP pola provincia da Coruña no posto 13, o que en 2003 lle deu acceso a un escano no Parlamento de Galicia. Calvo foi presidente da rama xuvenil do PPdeG, Novas Xeracións, na época de Fraga.

Feijóo derrogou boa parte das leis de Fraga pero recuperou para os seus gobernos a altos cargos do anterior presidente © Xunta

Pero por detrás de Rueda e Calvo a relación co fraguismo faise máis distante. Catro conselleiros e conselleiras actuais xa entraran claramente en política, pero só eran edís do PP en vilas intermedias. É o caso do actual titular de Educación, Román Rodríguez, en Lalín; o de Cultura, José López Campos, na Estrada; o de Mar, Alfonso Villares, en Cervo; e a de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, en Melide. 

Outro conselleiro, o de Facenda, Miguel Corgos, ocupou durante os últimos gobernos de Fraga postos de funcionario discrecionais pero aínda non considerados como altos cargos, ao ser xefe de servizo e subdirector xeral de control financeiro na Consellería de Facenda que daquela dirixía o conselleiro máis veterano da historia da Xunta, José Antonio Orza. O resto de actuais conselleiros e conselleiras non tiñan unha relación tan directa coa política fundamentalmente pola súa idade.

Se os gobernos de Feijóo mantiveron vivo o fraguismo nas súas composicións, non se pode dicir o mesmo da lexislación, producíndose nos seus mandatos boa parte das derrogacións de leis impulsadas por Fraga

Nos 15 anos e medio de Fraga á fronte da Xunta -tempo que Feijóo non puido superar, ao quedar en 13 anos- o Parlamento de Galicia aprobou 155 leis. Delas 40 estiveron relacionadas cos orzamentos da Xunta, as súas leis de acompañamento ou plans estatísticos plurianuais. Formalmente nunca foron derrogadas na súa totalidade, pero na práctica as súas disposicións quedaron superadas no exercicio posterior pola seguinte lei orzamentaria anual. Pola contra, si se consideran completamente derrogadas na súa totalidade por disposicións específicas de leis posteriores un total de 75.

Alfonso Rueda e Xesús Palmou, conselleiro de Xustiza e Interior con Fraga que o introduciu na política institucional autonómica nos 90 como xefe de gabinete e en 2000 como director xeral de Admnistración Local CC-BY-SA Xunta de Galicia

Delas 13 leis foron derrogadas por outras novas normas impulsadas durante seguintes gobernos do propio Fraga, 18 derrogacións débense ao goberno de PSdeG e BNG, 42 producíronse durante os mandatos de Feijóo e de momento só dúas son atribuíbles á presidencia de Alfonso Rueda. Estas últimas débense ás aprobacións a finais do pasado ano e comezos deste das novas leis de artesanía e calidade alimentaria, que incluíron a derrogación expresa das anteriores leis de ambas materias aprobadas en 1992 e 2005 respectivamente.

Unha das leis máis significativas que non mudou en tres décadas é a que elevou do 3% ao 5% o mínimo de votos para obter escano no Parlamento

A derrogación final total e expresa de leis de Fraga non significa que previamente non fosen mudados algúns dos seus artigos, nalgúns casos pode que mesmo ata cambiar por completo o sentido da norma orixinal. Un exemplo paradigmático é o ocorrido coa Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a coñecida como Lei do Solo de 2002, reformada polo propio Fraga, por PSdeG e BNG e por Feijóo unha decena de veces antes de que finalmente fose a nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia a que na súa disposición derrogatoria única estableceu expresamente a caducidade total da lei anterior.

Á marxe das leis de tipo orzamentario e das derrogadas expresamente por leis posteriores, a web lex.gal sobre dereito consolidado de Galicia que manteñen a Xunta, o Parlamento e a USC considera que seguen en vigor unha trintena de leis aprobadas durante os catro mandatos de Fraga. Boa parte delas, ao igual que ocorreu coa Lei do Solo, sufriron todo tipo de modificacións durante estes anos e derrogacións parciais dalgúns dos seus artigos que fan que na práctica xa non teñan efecto. Pero outras seguen intactas varias décadas despois. Entre elas destaca a lei 15/1992 que á súa vez reformou a lei de 1985 de eleccións ao Parlamento de Galicia e que desde aquela non volveu ser tocada.

Víctor Vázquez Portomeñe e Tomás Pérez Vidal aplauden a Fraga no Parlamento na súa elección como presidente, o 31 de xaneiro de 1990 © Arquivo Parlamento de Galicia

Aquela lei elevou do 3% ao 5% o mínimo de votos nunha circunscrición para que unha candidatura obtivese escano no Parlamento de Galicia, o que restrinxiu a posibilidade de acceso á Cámara ás formacións máis pequenas nun momento no que a dereita estaba aglutinada arredor de Fraga e a esquerda, ao igual que ocorreu en anos posteriores, se dispersaba en diversas siglas.

Entre a trintena de leis que aínda non foron derrogadas expresamente, boa parte delas teñen un contido moi limitado a sectores moi específicos da sociedade. É o caso da media ducia de normas creadoras de colexios profesionais. Ou a aínda nunca corrixida directamente Lei 10/2003 sobre o acceso á contorna das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia. Tampouco foi mudada, por exemplo, a Lei 4/2002 do estatuto da capitalidade de Santiago. Tamén seguen vixentes, aínda que tivesen cambios neste tempo, as leis que no seu momento crearon organismos como o Consello Económico e Social, Gardacostas de Galicia, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ou o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.