Dimite Alberto Núñez Feijóo, quinto presidente da Xunta de Galicia

Feijóo entrega ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a súa carta de dimisión como presidente da Xunta este 29 de abril de 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tras ocupar o cargo 13 anos e 11 días, o popular fai oficial ante o presidente do Parlamento a maior crise de goberno na Xunta desde 1987, que derivará na elección dun novo executivo

Non por agardado deixa de ser histórico: a maior crise de goberno na Xunta desde 1987, cando unha moción de censura apartou do cargo ao daquela presidente, Gerardo Fernández Albor. Agora, a primeira renuncia dun presidente en exercicio, que derivará no nomeamento a metade de lexislatura dun novo presidente que á súa vez conformará o seu propio Goberno.

O 18 de abril de 2009 Alberto Núñez Feijóo, con 47 anos, tomaba posesión como quinto presidente da Xunta de Galicia. 13 anos despois, este 29 de abril de 2022, Feijóo dimitiu. Será substituído polo seu ata agora vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, que asumirá nuns días como sexto presidente da Xunta, cando sexa elixido como tal polo Parlamento de Galicia.

Será a segunda marcha de Feijóo da Xunta cara a Madrid, pero se en 1996 o fixo para dirixir o Insalud e Correos, e retornar en 2003, agora é para presidir o PP estatal e aspirar a presidir o Goberno de España.

Festa de toma de posesión de Feijóo en 2009 © Vieiros

Feijóo, "emocionado", fixo oficial a súa dimisión na mañá deste venres coa entrega dunha carta ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, tras manter unha xuntanza co Grupo Parlamentario do PP. A posta en escena da dimisión demorou o inicio das comisións parlamentarias previstas para este venres. No texto da carta sinala que, "aínda que as novas responsabilidades" como presidente do PP "non son incompatibles coa titularidade do Goberno autonómico", considera que a presidencia do Executivo galego "merece unha dedicación absoluta".

Despois, ao mediodía, celebrou unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta, xa en funcións, no Pazo de Raxoi, emprazamento que o Goberno galego adoita utilizar para as solemnidades. Tras ela, compareceu para ofrecer unha declaración institucional sen preguntas na que gabou a súa propia xestión e a estabilidade da Xunta durante 13 anos. [Ampliamos aquí a información sobre esa comparecencia].

Antes, este mércores Feijóo xa se despediu do Parlamento na súa derradeira sesión de control, na que asegurou que seguirá "servindo á terra nai" e pediu "desculpas por todos os erros que cometín que seguro que foron algúns máis que os que me gustaría”.

Desde a oposición a marcha de Feijóo foi valorada de xeito crítico. A portavoz do BNG, Ana Pontón, salientou que “Galiza ten ganas dun cambio real” que o BNG aspira a liderar. Pola súa banda o PSdeG definiu os gobernos de Feijóo como “unha estrada chea de curvas e fochancas”.

Traxectoria de ida e volta na Xunta

Feijóo entrou na Xunta como funcionario en 1985 e chegou ao primeiro cargo político en 1991, década na que tería amizade con Marcial Dorado, principal debe da súa carreira política

Feijóo (Os Peares, 10 de setembro de 1961), licenciado en Dereito pola USC tras estudar o bacharelato internado en León, entrou na Xunta como funcionario en 1985. No comezo daquela década el mesmo asegura que votou a Felipe González e a súa entrada en política non se produciu ata 1991, cando foi nomeado para o seu primeiro cargo, secretario xeral de Agricultura. Poucos meses despois pasaría a Sanidade, da man do daquela conselleiro José Manuel Romay Beccaría, o seu pai político, que o seguiría promocionando en anos seguintes.

Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías coas que 'El País' relatou a amizade de anos que os dous mantiveron nos 90 © El País

Foron aqueles anos da súa primeira etapa na administración galega os que lle acabarían supoñendo o principal debe da súa carreira política, a súa amizade co contrabandista despois condenado por narcotráfico Marcial Dorado. Dese problema distanciouse temporalmente coa súa marcha a Madrid, en maio de 1996, a presidir o Insalud e dirixir Correos nos gobernos de José María Aznar, primeiro baixo as ordes de Romay e despois, ás ordes de Francisco Álvarez-Cascos.

Tras dirixir o Insalud e Correos nos gobernos de Aznar volveu a Galicia en 2003 como conselleiro de Fraga, ao que sucedeu á fronte do PPdeG en 2006 para facerse coa presidencia da Xunta tres anos despois

En 2003, tras a catástrofe do Prestige, sería recuperado por Manuel Fraga para substituír o defenestrado Xosé Cuíña como conselleiro de Política Territorial primeiro e como vicepresidente despois. Duraría dous anos no posto, porque en 2005 a coalición de PSdeG e BNG afastaba a Fraga da presidencia da Xunta

En xaneiro de 2006 Feijóo facíase coa presidencia do PPdeG tras un proceso no que volveu ser clave Romay e no que tamén foi definitivo o influxo da familia Baltar. Iniciaba así unha longa campaña á procura da recuperación do goberno galego, a cuxa presidencia chegaría o 18 de abril de 2009. Nos seus 13 anos á fronte da Xunta [E Feijóo decidiu non alcanzar a Fraga: 13 anos, 13 fitos e un adeus] perdeu o pai, tivo un fillo e renunciou en varias ocasións a volver a Madrid, a máis soada en 2018, cando decidiu non optar a suceder a Mariano Rajoy á fronte do PP estatal, substituído finalmente por Pablo Casado. 

O tren pasaría novamente pola súa porta o pasado febreiro, cando el mesmo contribuíu á caída de Pablo Casado ao situarse do lado da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, ante as acusacións de corrupción que recibía do primeiro.

Agora xa só depende dos prazos legais que o Parlamento elixa en cuestión de días o seu sucesor, Alfonso Rueda

Investido formalmente presidente do PP estatal o pasado 2 de abril, e malia que o posto non é incompatible coa presidencia dunha comunidade autónoma, era cuestión de tempo que dimitise da segunda responsabilidade, que xa situara nun segundo plano nas últimas semanas. Agora xa só depende dos prazos legais que o Parlamento elixa en cuestión de días o seu sucesor, Alfonso Rueda. [O que pasa se dimite o presidente da Xunta: cesamento do Goberno en pleno e remuda nun mes como máximo]

Feijóo ten xa as mans libres para marchar por completo a Madrid, a cidade na que di querer vivir. En Galicia non gustou moito da residencia oficial de Monte Pío que construíu Fraga co aval de todas as forzas políticas. Vigo, O Morrazo ou A Coruña estiveron por riba nas súas preferencias para vivir. O certo e verdade -expresión que adoita empregar- é que con el marcha o quinto presidente da Xunta de Galicia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.