Alfonso Rueda equipara a ausencia do presidente pola crise do seu partido con outras viaxes previas de carácter oficial nas que el mesmo asumiu a presidencia por delegación
“O presidente seguirá exercendo os días que non estea a súa presidencia como fixo outras veces, en contacto telefónico permanente”. Así explicou este martes o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, como compaxinará nas próximas tres semanas o presidente Feijóo as súas responsabilidades á fronte do Goberno galego coa xira de mitins internos que realizará por toda España para facerse coa presidencia do PP estatal. Rueda mesmo equiparou as próximas ausencias do presidente pola crise do seu partido con outras viaxes previas de carácter oficial nas que el mesmo asumiu a presidencia da Xunta por delegación.
Feijóo ten previsto formalizar este mércores a súa candidatura a presidir o PP estatal que anunciou o pasado mércores. E o venres iniciará en Valencia e Murcia unha xira de campaña interna coa que quere recorrer toda España antes do congreso extraordinario do PP que os días 1 e 2 de abril nomeará en Sevilla novo presidente do partido.
Ante esa xira e as críticas de BNG e PSdeG por primar a crise do seu partido aos problemas de Galicia, Rueda foi preguntado este mércores por como vai exercer Feijóo a presidencia da Xunta mentres non marche definitivamente. “Xa me tocou unhas cantas veces en viaxes máis ou menos prolongadas do presidente substituílo na súa ausencia e esta vai ser unha ocasión máis nada diferente, o presidente seguirá exercendo os días que non estea a súa presidencia como fixo outras veces, en contacto telefónico permanente”, dixo Rueda.
“Estaremos aquí os que nos quedemos para seguir coa normalidade coa que se está a desenvolver o goberno da Xunta de Galicia”, engadiu o vicepresidente, que matizou que “é certo que estará uns días fora pero tamén estará outros días aquí”.
Rueda non foi quen de dicir se a xira de Feijóo obrigará a delegar nel formalmente a presidencia da Xunta: "Non está falado aínda"
Máis alá das próximas tres semanas de campaña interna, Rueda foi preguntado tamén pola posibilidade de que a “interinidade” na Xunta poida durar ata tres meses, tras declaracións do propio Feijóo sinalando que a súa sucesión podería non resolverse ata finais de maio. Segundo o vicepresidente, eses prazos aínda non sucederon e “o importante é o día a día”, no que asegura que o Goberno galego segue a traballar con normalidade. Porén, Rueda non foi quen de dicir se a xira de Feijóo obrigará a delegar nel formalmente a presidencia da Xunta como ocorre en ocasións con viaxes oficiais de longa duración do presidente ao estranxeiro. “Non está falado aínda”, dixo, e asegurou que “o presidente vai estar nos Consellos”, as reunións semanais do Goberno galego.
De momento, antes mesmo de iniciar a xira o presidente xa está a realizar a diario entrevistas en clave interna de partido con medios de comunicación de ámbito estatal que compaxina con visitas a empresas ou actos institucionais como o do Día da Muller deste mércores . E tras os primeiros actos de campaña o venres en Valencia e Murcia desprazarase como titular da Xunta á Conferencia de Presidentes convocada por Pedro Sánchez a fin de semana en Canarias.