O conflito popular condiciona o debate no Parlamento galego en detrimento da situación nas residencias de maiores ou no sector eólico
Unha semana despois de que estourase a crise interna do PP polas comisións cobradas polo irmán da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, por un contrato público xa é evidente que Galicia tamén está a verse afectada de xeito colateral polo desexo de boa parte dos baróns populares de que Feijóo sexa o novo líder do partido. A implicación persoal de Feijóo no debate interno da súa formación, priorizando a estabilidade interna e a imaxe externa sobre as dúbidas de posible corrupción, fixo que este mércores, na sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia, os portavoces de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Luis Álvarez, coincidisen en reprochar ao presidente o tempo que dedica ao seu partido en detrimento dos problemas do país.
"Galicia non é a sala de espera das súas ambicións persoais", díxolle Pontón a Feijóo
As preguntas que formularon Pontón e Álvarez ían dirixidas a fiscalizar a actuación da Xunta e propoñer alternativas en materia de residencias de maiores e sector eólico. A nacionalista defendeu a iniciativa de lei de residencias que vén de presentar a súa formación e criticou a privatización do sector por parte da Xunta. A resposta de Feijóo a esas cuestións foi felicitar o BNG porque, dixo, a súa iniciativa “é unha copia do modelo do PP”, e presentar a aposta do seu Goberno por concertar prazas en residencias privadas como un incremento das prazas “financiadas con fondos públicos”.
Pero Pontón tamén preguntou a Feijóo “se considera aceptable” a actuación da presidenta madrileña na compra de máscaras na que mediou o seu irmán. “Ten que aclarar se a partir de agora a súa ocupación é Galicia ou é tapar a corrupción do PP”, díxolle a portavoz do BNG, que engadiu que “é lexítimo que vostede teña aspiracións” pero que “Galicia non é a sala de espera das súas ambicións persoais”.
“A vostedes non lles importa a verdade senón a súa ideoloxía”, di Feijóo ao BNG tras primar el mesmo a estabilidade do PP que investigar a corrupción
A resposta de Feijóo foi salientar de novo a súa maioría absoluta. “Di vostede que hai que elixir entre Galicia e o PP, e non señoría, Galicia sempre elixiu o PP”, dixo o presidente. E malia que Pontón lle reprochou o seu silencio sobre as dúbidas existentes arredor da actuación de Ayuso e o seu irmán e que estea máis preocupado da situación interna do partido – “leva moitas horas nos últimos días dedicadas a tapar a corrupción do PP”, noutro momento da súa intervención o presidente chegou a criticar ao BNG que “a vostedes non lles importa a verdade senón a súa ideoloxía”.
Pola súa banda, o portavoz do PSdeG criticou a “falta de planificación, falta de eficacia e falta de transparencia” da política eólica da Xunta, que ao seu ver está a provocar “inseguridade xurídica para todos os implicados”. Luis Álvarez ofreceu á Xunta consensuar o futuro do sector, ao que Feijóo respondeu dicindo que se alegra de que os socialistas se afasten das plataformas en contra dos parques eólicos cuxo impulso atribuíu ao BNG.
"Preocúpame que teña vostede abandonado o carballo de Conxo por un 'madroño'", díxolle Vázquez ao presidente
O portavoz socialista tamén se preguntou se tiña diante “ao presidente da Xunta ou a un posible voceiro do PP que está pensando máis en solucionar os problemas do seu partido que os da cidadanía galega”. E dixo que Feijóo “parece ter pasado daquela Galicia, Galicia, Galicia e por cuarta vez Galicia a Madrid, Madrid, Madrid”. “Preocúpame que teña vostede abandonado o carballo de Conxo por un madroño [albedro ou érbedo en galego]”, reprochoulle. Feijóo obviou a referencia do socialista á crise do seu partido e a súa resposta foi acusar aos socialistas a nivel estatal de carecer de modelo enerxético.
A intervención final de Feijóo deste mércores, que rematou cunha lembranza a Pontón do maior respaldo electoral ao PP que ao BNG, foi despedida desde os escanos do PP cun longo aplauso. Non volverá haber outra sesión de control a Feijóo ata dentro de dúas semanas. Se nada muda antes.